Ano 1935
Sesión do Padroado Provisional de 24 de xuño. Levaba o Padroado seis meses sen reunirse. Na acta dese día consta o fondo pesar polo falecemento do vogal e párroco Manuel Jiménez Fraga. Tamén se informa que os recursos económicos dispoñibles ascenden a 3.512,08 ₧.
Sesión do Padroado Provisional de 18 de setembro. Deuse conta dun escrito do Concello no que se solicitaba unha prórroga para o uso do edificio como instituto, xa que o actual acordo remataba. Acórdase conceder dita prórroga ata o próximo mes de xuño, sendo nesa data desaloxado o edificio do hospital asilo para que se puidesen cumprir os fins fundacionais.
Non constan máis sesións do Padroado Provisonal en 1935.
Para este ano lamentablemente non dispoñemos de prensa periódica que nos ofreza información da vida diaria de Vilalba. «Faro Villalbés», como se dixo noutro lugar, periódico defensor de Esquerda Republicana, sufriu un longo silencio desde o número 63, de 31 de decembro de 1934, ata o número 67, de 15 de marzo de 1936. Na edición que manexamos non figuran os exemplares correspondentes ós números 64, 65 e 66.
