Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Ferrados de corazón e fanegas de alma

miércoles, 15 de julio de 2015
O 2016 será o ano de Manuel María, de quen o primeiro que hai que lembrar é que era unha gran persoa e sendo, en certo modo, o creador da Terra Chá.

Alguén pode dicir que isto é unha esaxeración, que a Terra chá existiu de sempre; pero Manuel María fixo a descrición perfecta da Terra Chá: unha descrición extensa e intensa que se fixo imprescindible en moitos fogares desta comarca.

Sempre me pareceu un poeta metódico e isto dálle a certos libros unha dimensión de tratado. O "Terra Chá" é un auténtico estudo sociolóxico e antropolóxico do mundo rural que viviu Manuel María. Quen queira estudar ese momento histórico, non poderá facelo sen incorporar a sinxeleza coa que escribe e a súa capacidade para crear un poemario totalmente coherente a partir dun tema.

Neste sentido, tamén se poden citar "Os soños na gaiola" ou "As rúas do vento ceibe", onde os nenos poden aprender como é e como foi Galicia.

Manuel María é un muiñeiro de brétemas que tece versos na musicalidade da natureza. Eses versos lémbrannos tantos anos despois a coherencia, a solidariedade e a delicadeza coa que pasou pola vida. Nada da nosa cultura lle foi allea pero isto non lle impediu achegarse a outras e coñecer mundo como amosa no seu libro "O camiño é unha nostalxia". Os poemas do Manuel seguen en plena vixencia once anos despois de que nos deixara e é que Manuel escribiunos coa atemporalidade dun sabio que transmite a verdadeira dimensión da vida en monográficos ben documentados.

Este 2016 tennos que traer ferrados de corazón e fanegas de alma que nos abran a mente e nos leven a coñecer e recoñecer todo o potencial que garda a nosa terra, sempre preparado para forxarnos en porvir; un potencial que se espella nos versos de Manuel María, un home bo, xeneroso e sabio, que conviviu coa xente súa, transmitindo valores e valor porque ao fin e ao cabo el sabía como o seu amigo Novoneyra que este pobo pode ser outra cousa.
Santalla, Iago
Santalla, Iago


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PROMOCIÓN
PUBLICACIONES
Publicaciones
Publicaciones Amencer
Revista Egap
Obradoiro de Artesania