Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Xosé Manuel Carballo: Os Valuros e Don Otto

miércoles, 15 de julio de 2015
Os Valuros e a obra de "Don Otto de viaxe pola Chaira", de Xosé Manuel Carballo Ferreiro.
I
Donas e Señores, comeza a viaxe de vagar, cando as abedueiras e os ameneiros se tintan de outono do mil noventos corenta e tantos do tempo da Chaira, unha viaxe desde o San Froilán ata Toxeirosvellos da parroquia de Sanmartiño de Goberno, do concello de Castro de Rei.

Unha viaxe valura ordenada e programada polo valuro máximo, o valuro de honra, Xosé Manuel Carballo Ferreiro, porque valuros aparecen xa no comezo do libro “os cacharreiros de Mondoñedo, os cesteiros de Budián, os guarnicioneiros de Ribeira de Piquín, os tratantes mulares, os xateiros de Gontán, os tendeiros, as trapeiras de Guitiriz e un longo e prolongado son de etcétera., etcétera., que é o son que se pode escoitar en calquera feira da redonda. Mais a viaxe nun cabalo percherón segue pola estrada ata atopar outros dous valuros, unha rosquilleira e un panadeiro en Rozas onde fan morada uns protagonistas que non son valuros pero conforme se van metendo nos adentros queren quedar na Chaira, na nosa Valuria e xuran volver para enterrarse cos nosos. ¡Salve Valuria!.

A rosquilleira coñécenos ben: “zarralleiros, afiadores, zoqueiros, xateiros, xamoneiros, piteiras, cocheiros, tendeiras, guarnicioneiros, albardeiras, artesáns de aguilladas, loras e caxatos, pordioseiros, si, sobre todo pordioseiros e carteiristas, parlanchíns e copleiros.

Todos, valuros, todos feireantes, todos nosos. Todos nós. Somos nós.

II
Mais a viaxe prosegue e envolvenos, engaiólanos de fermosura, cativándonos dos resaibos máis exquisitos, que ás veces consisten en dous ovos fritidos na taberna de Xerbasio de Ludrio ou no capataz de Obras Públicas, Rielo, que tamén fai poesía e chora como un bendito escoitando a “Alborada” de Veiga.
Ao noso valuro, Xosé Manuel, véselle este resaibo de valuro cando chega ao castro de Viladonga, e el é Faustino, si Xosé Manuel, ti es Faustino, e aínda que fale el, es ti o dono das súas sentenzas e das súas sabedorías: Castelao, Cunqueiro, Bóveda, Cabanillas, Risco, aos que non coñece Don Otto, pero es ti o que sabes latín, as gramáticas de Blanco e Fanego, o Raimundo de Miguel, Amor Meilán, Carré Alvarellos e outros nos que descubriches a nosa Valuria.

Grazas , Xosé Manuel, por isto, grazas Xosé Manuel pola historia, pero tu ben sabes que o máis importante, como dicía Unamuno, e a intrahistoria, a vida calada de miles e miles de paisanos-valuros que non saen na historia pero forman parte ás caladas de toda a historia, e por iso son protagonistas deste libro de intrahistoria, de etnografía, de lendas, de contos de tras da lareira e ás veces tamén da historia, por iso, xa estamos na Casa da Torre, en Balmonte, e dende Balmonte, Xosé Manuel, vas entrar na Historia da Literatura, na historia sempre tan pouco estimada dos nosos valuros que tiñan mala historia.
III
A obra é unha narración onde o diálogo predomina sobre o resto, ben sabemos a causa, Xosé Manuel é un home de teatro, e por iso a linguaxe está cheiña de funcións apelativas e fáticas, chegando incluso o personaxe Xosé Manuel a aparecer dentro do argumento nunha omnisciencia total e absoluta, e Carballo, coma se dun “aparte” teatral se tratase métese el coma un valuro que nos recorda a obra tamén de Unamuno “Nivola” onde un personaxe rebélase en contra do autor, e aquí é Eurika, un personaxe, que lle deixa unha notiña a Xosé Manuel, dicíndolle que “se deite máis cedo” porque o autor, ás catro da madrugada aínda está escribindo, mais ao día seguinte cóntanos a lenda do Pedregal de Irimia, ou quen son os demanchiños aos que lles teñen dado moito que facer a un cura que houbo en Prevesos, según Anxel Fole.

Aos valuros gústalles esconxurar, pero para iso hai que saber desler, e Xosé Manuel sabe desler porque leu “O Ciprianillo”, a “Neomagia en el amor” ou a “Neomagia en prácticas ocultistas” que tan só un baluro de honra pode chegar a aprender e a practicar. ¡Salve, Xosé Manuel!.
IV
Axusta e compón, o autor lévanos a outro sitio baluro, e moi querido, O Monte da Escrita, -¡que nome tan extraordinario para un monte!- , ¡Ollo, Xosé Manuel!, fíxate como case non cito a Don Otto nin a Eurika, porque son un pretexto para que escribas o texto; e os pretextos agochan o motivo real ou verdadeiro polo que algo se escribe, e ese algo somos nós, os chairegos, os valuros, a xente da vida, ou a xente da feira porque á fin e ao cabo a vida é unha gran feira onde a verdade hai que ila entrecollendo coma o calexo entre o trigo; mais dende A Escrita fas unha pequena historia do noso, cunha ampla visión de miras, coma A Escrita, de toda a Valuria, aí están os nosos persoeiros da Ponte de Outeiro, de Prevesos, Bazar, Coea, Mos, Triabá . . . e ir máis ao fondo de nós mesmos, ao “ monten Minio flumini inminentem” ou Monte Medulio, onde os valuros ao non poder resistir a Octavio Augusto decidiron que as mulleres, nenos e vellos bebesen a infusión de raíz de teixo, -das Teixoeiras-, para morreren pracidamente mentres os valuros-celtas-guerreiros atravesaban os seus peitos coas espadas de antenas ou os puñais de ferradura, e hoxe atravésansenos os peitos ao ver a Galiza despoboada porque volvemos a outro Monte Medulio. ¡Salve Valuria!
V
A viaxe, como tiña que ser, remata en Castro de Rei cunha ollada á nosa historia desde a Fonda de Amador, saen: Gómez Pérez das Mariñas, Pedro Álvarez de Osorio, Galaor Osorio, Constanza de Castro, os Reis Católicos e a fortaleza de Castro de Rei derrubada no 1941, martes de Entroido, a mesma noite en que arde Santander, -ben o sabe Amador-, este “ben o sabe” pode ter moitos significados porque o noso autor “tempera” as palabras cunha mestría propia dos Ferreiro(s) cando moldean o temperado aceiro. Logo, na casa do Fogueteiro, Carballo revélasenos, co “v” cando nos comenta en boca de don Otto . . .”o deber de defender con uñas e dentes os elementos de identificación, tales como a lingua e a cultura aotóctonas, sen exclusivismos; pero tamén sen complexos”.

Neste parágrafo penso que está quintaesenciado o contido de todo o libro e o que Xosé Manuel nos quixo transmitir, a importancia e a presenza do noso en calquera eido do que se trate, temos que darlle valor e prestixio ao que temos, tan só así seguiremos sendo valuros, pero valuras son tamen as sabedorías populares dos albeites cando aos cabalos se lles debe asubiar cando beben ou a nosa Valuria, terra proclive aos tronos e relampos polo ferro das nosas terras, ou mesmo o arrecendo da feira a patacas fritas, carne asada, callos e polbo en Castrode Rei de outrora . . . e todos e cada un da galería de personaxes que conforman a obra, teñen nomes propios e vida propia que tan só coñecemos os valuros, mais para calquera outra persoa que o sea pensa que os nomes son inventados e nada máis lonxe da verdade, porque son de carne e oso: a modo de exemplo: O panadeiro de Rozas, Foucellas, Florindo de Samartiño, Amaro, Os Dionisios de Lugo, O fillo do Cibrao de Outeiro, a taberna do Xerbasio, Rielo, Faustino, Ramón Falcón, D. Manuel Pardo, Don José Benito Pardo Rodríguez, Don Plácido, Amador, O Recho, Don Augusto, Muiñonovo, Cubeiro, Xosé de Peruxo, Carmen de Andión, Navagildo de Óscar, etc.

Tamén os lugares do itinerario son reais, Lugo, Rozas, Duancos, Mondriz, Aerodromo, Ludrio, Viladonga, Balmonte, O Cadaval, Fonte do Campo da Cal, Monte da Escrita, Castro de Rei.

Un arrecendo a ironía en moitas das pasaxes dan fe do autor que cunha linguaxe delicada, oracións ben construídas e parágrafos coa amplitude seguindo as necesidades dos personaxes porque ... estamos diante dunha novela, ou dunha obra de teatro? Cecais sexa unha grande dificultade optar por unha ou por outra, de feito xa comeza este problema coa Celestina de un posible Fernando de Rojas, pero tamén o noso Valle-Inclán no seu teatro era imposible de representar pola multitude de escenarios que tiñan as obras, os mesmos cos de Xosé Manuel; aínda que a obra tamén podiamos clasificala como unha novela de viaxes como “Viaje a la Alcarria” de Camilo José Cela”. De feito ten unha difícil catalogación que estaría entre a novela teatral e a novela de viaxes que remata cunha estrutura pechada o mesmo que comeza...”Naquel outono do ano mil novecentos corenta e tantos do tempo da Chaira aínda non había sinais do Concilio Vaticano Segundo”. ¡Salve Valuria!, ¿Salve Xosé Manuel!, e Beizón a todos os presentes. Foi un pracer, moitas grazas.

(Texto da intervención de Xosé Otero Canto na presentación do libro CERNA DE CARBALLO -Homenaxe a Xosé Manuel Carballo Ferreiro- celebrada o domingo, 12 de xullo, no Teleclub de Castro de Rei-Lugo).
Otero Canto, Xosé
Otero Canto, Xosé


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES