Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Teoría e práctica do Todo

domingo, 12 de julio de 2015
Na Segunda Lectura deste domingo hai un fermoso e famoso himno, que está incluído algo artificialmente nunha das cartas do apóstolo Paulo. É o chamado “himno cristolóxico”. Os comentadores do Novo Testamento, é dicir, do que acontece arredor da vida e mensaxe de Xesús e do xurdimento das primeiras comunidades cristiás, adoitan dicir verbo deste himno que vén sendo un dos fragmentos máis densos e profundos de todo o Novo Testamento. De modo que é bo que lle prestemos algo de atención.

Lembremos algunhas das ideas que que se formulan neste precioso fragmento do Novo Testamento: “Bendito sexa Deus”, ese Deus grande e bo, que é o Pai de Xesús e que está connosco como “Emmanuel”, é dicir, coma “Deus connnosco”. Con este Xesús-Manuel chégannos a nós “toda clase de bendicións”. Neste Xesús, Fillo de Deus, estamos todos nós en canto humanos que somos. En Xesús óllanos o Pai bondadosamente a todos, pois somos da súa mesma carne e do seu mesmo sangue. Neste Xesús estamos todos “predestinados “ a “sermos fillos adoptivos de Deus”. Esa é a mente e o designio de Deus Pai para con todos. Iso é o que El quere e o que vai facer. Neste Xesús acadamos a nosa redención e salvación, porque por medio del verte Deus Pai abondosamente, xenerosamente, a súa graza sobre nós. El, por ser infinito, non é agarrado nin avaro. Por moito que nos dea, segue a ser sempre infinito en poder e grandeza. Dinos Paulo neste himno que Deus Pai “verteu xenerosamente sobre nós a súa graza”, é dicir, a súa bondade e o seu amor e que fixo “rebordar sobre nós a riqueza da súa graza”.

¿Cal é, pois, o proxecto de Deus Pai sobre nós e sobre toda a realidade creada por el? Gravemos nas nosas mentes e nos nosos corazón agradecidos a resposta que nos dá Paulo a esta gran cuestión: “unificar en Cristo tódalas cousas, canto hai no ceo e canto hai na terra”.

En consecuencia, non podemos ser apoucados, encollidos ou de curtas miras. Si, Deus Pai quere asemellarnos a Xesús, ó seu fillo benquerido, ó querer que el fose semellante a nós. Quere que participemos da vida divina, esa vida divina que está chea de felicidade e que non vai rematar endexamais, como endexamais vai rematar tampouco Deus mesmo. El amounos e ámanos por pura graza, por puro amor, sen merecemento ningún da nosa parte. Fomos chamados a participar desta súa vida divina, tal como nos di Paulo, “desde antes da creación do mundo”. Foi el que nos escolleu para esta vida. Foi iniciativa súa, non nosa, pois nós non eramos nada nin somos tampouco nada sen a súa graza, sen a graza e o poder de Deus.

Á vista do marabilloso contido deste grande “himno cristolóxico”, no que Paulo ou algún dos seus discípulos nos resume de maneira concentrada o proxecto divino da nosa salvación, o que se nos di no Evanxeo de hoxe non é máis ca simple consecuencia, algo que flúe de maneira natural das ideas formuladas neste himno paulino.

Os verdadeiros discípulos ou “apóstolos”, é dicir, mandados, por Xesús están tan cheos da graza e das promesas de Deus que non precisan practicamente de nada máis: “nin pan, nin alforxas, nin cartos nin faixa”. Só unha túnica lixeira e mailas sandalias para poder camiñar e comunicar con presteza a gran “boa nova”. Os mandados por Xesús téñeno todo e non precisan case de nada. Téñeno todo, porque con Deus-Pai o teñen todo, algo así coma un neno pequeno o ten todo e vive feliz porque sabe que seus pais estarán sempre bondadosamente atentos a canto el precise.

Isto faime lembrar aquilo de San Xoán da Cruz. O gran místico de Ávila escribiu uns fermosos versos sobre como chegar ó que el chamaba o “Monte da perfección”. Para subir a este monte hai que andar lixeiro de equipaxe, tal como fan os montañeiros e escaladores. Hai que renunciar a cousas inútiles, pesadas ou entorpecedoras se se quere chegar ó máis alto. Porque, para San Xoán da Cruz, Deus ten que ver co que el chama “o Todo”. ¿E cómo se chega a este “Todo”?

Escoitade o que el nos di:

Para vir gustalo todo,
non queiras ter gusto en nada.
Para vir posuílo todo,
non queiras posuír algo en nada.
Para vir selo todo,
non queiras ser algo en nada.
...

Cando reparas en algo,
deixas de lanzarte ó todo.
Porque para vir de todo ó todo
has negarte de todo en todo.
E cando o veñas de todo ter,
has telo sen nada querer.
Porque, se queres ter algo en todo,
non tes puro en Deus o teu tesouro”.

Linguaxe poética, dialéctica e conceptuosa, si, pero que vai ó fondo da mensaxe de Xesús do desprendemento das cousas para comunicar a boa nova de que Deus é “todo”. Un desprendemento que se ha reflectir no modo de vivir e de se comportar de cantos anuncian a mensaxe de Xesús. Dicía o papa Paulo VI: “O home contemporáneo escoita máis a gusto ós que dan testemuño cós que ensinan, ou se escoitan ós que ensinan é porque dan testemuño... Será sobre todo mediante a súa conduta, mediante a súa vida, cómo a Igrexa evanxelizará o mundo, é dicir, mediante o testemuño vivido de fidelidade a Xesús Cristo, de pobreza e desprendemento dos bens materiais, de liberdade fronte ós poderes do mundo”. Por algo o noso papa actual Francisco insiste tanto tamén no moito que a el lle gustaría unha Igrexa pobre e para os pobres.

No que se refire ó P. Seixas (lembramos unha vez máis o centenario no que estamos do seu nacemento), é ben sabido o desprendido que era no ter cousas para o seu particular proveito e o seu fervoroso interese en axudar ós necesitados. Unha persoa de aquí de Vigo, que entón era unha nena, recorda por exemplo algunha das visitas do P. Seixas á súa casa, tras aceptar el o convite de seus pais de ir xantar con eles, desta forma:

“Teño a lembranza limpa e nidia das súas grandes gargalladas inzando o seu queixo cara ó ceo. A súa branca barba... e as fondas, ceibes gargalladas perante a sobremesa asombrábanme e engaiolábanme. Tamén recordo a miña nai remendando a mesma cazadora tódolos domingos ó remate do xantar...

- Pai, qué fixo coa chaqueta que lle din...?
- É que había un moreniño que non tiña ningunha...”
Cabada Castro, Manuel
Cabada Castro, Manuel


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES