Os Muíños, esencia artesá
Reigosa, Antonio - viernes, 10 de julio de 2015
O barrio dos Muíños seduce desde o primeiro golpe de vista. É un microcosmos de Mondoñedo, o reduto ideal para recompoñer o ánimo, para pasear e gozar da súa estética cativadora. Mesmo a toponomia pon música: Ponte do Pasatempo ou de Ruzos, Fonte dos Pelamios, Rúa das Moscas.
O barrio dos Muíños ten unha longa historia. O nome xa indica cal foi a principal ocupación da veciñanza desde sempre. A abundancia de auga propiciabao. A principios do século XX arrendábase un muíño fariñeiro con tres pedras, bo salto de auga, a propósito, dicía o reclamo, para instalar algunha industria que precisase motor de auga.
Por alí pasa un camiño principal que en orixe foi calzada romana, e que cando cruza por enriba do río Valiñadares sobre a Ponte do Pasatempo, descansa e párase a contar historias coma a que lle custou vida a Pardo de Cela. O Valiñadares, como o mítico río de Xerxes, descomponse en dúas canles que atravesan o barrio para dar vida a muíños, hortas, lavadoiros, casas e, sobre todo, a moitos obradoiros que ao longo da historia foron e aínda son, afortunadamente. Un río atento ás necesidades das persoas, case sempre mudo, agás nalgunha que outra invernía que se desmadrou, que de todo houbo en tantos anos de historia. O barrio de Triana (denominación popular nas décadas 20 e 30 do pasado século) ou a Venecia mindoniense, que se dixo, e aínda repiten, os cronistas.
Nos Muíños naceron ou viviron, entre outros moitos, o músico e militar J. A. Lodeiro Piñeiroa, o barbeiro e músico M. Ledo Bermúdez O Pallarego, o poeta e xornalista X. Díaz Jácome, o prateiro e reloxeiro J. Ínsua Pedrosa, o fotógragfo e pintor Santiago Pernas. Polo barrio dos Muíños pasaba cada día A. Cunqueiro para lerlle o xornal a Vendabal, a cambio de que este mítico cazoleiro trátase de ensinarlle ao poeta, inultimente, os fundamentos da arxila. Pepe de Treta, Tito de Freire, Patrulla
son nomes de prestixio na memoria deste oficio.
O barrio dos Muíños conserva aínda habilidosas mans para case todos os oficios: oleiros como Chus Lage (nos mellores tempos as olarías chegaron a ocupar moitas casas do Couto de Outeiro), zoqueiros como Alberto Geada, titiriteiros como Ton Arenas, muiñeiros como Edelmiro Expósito, serigrafistas como A Xente das Cores-Julieta Vargas, pregoeiros sabios como X. Ruíz Leivas, hostaleiros como O Valeco, forxadores, músicos, panadeiros, poetas e artistas que aínda crean atesanalmente.
Pódese afirmar que ao barrio dos Muíños de Mondoñedo non lle falta de nada, pois ata ten unha praia que lle debuxou moi fermosa e soleada Mauro Leivas para o cartaz que pregoa a Feiramostra que se vai celebrar alí o sábado 11 de xullo.
Son moitos os colectivos implicados na organización desta VIII Xornada de Abrindo Camiño na que van participar case medio cento de artesáns, a maioría mindonienses e mariñáns. Produtos da horta e das mans, o quefacer manual herdado que pulsa por revivir onde sempre foi arte. Novos e vellos oficios que van ocupar a praza e as rúas do barrio como nos vellos tempos, cando as festas de Santiago competían coas mesmas feiras das San Lucas. As portas francas e o río e as canles impolutas. Que máis se pode desexar para un día mindoniense de verán!
(Antonio Reigosa é Cronista oficial de Mondoñedo).

Reigosa, Antonio