Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Keywords: 'puppet', 'valise porter'

jueves, 09 de julio de 2015
Sabido é que cando se escriben artigos dalgunha entidade e de máis ou menos fondo, para prestixiosas revistas, nunha leira do saber e da investigación, debe facerse unha breve introdución en español e inglés, e ao final desta destacar as palabras que expresan conceptos de relevancia, para que o lector procure coñecelas previamente, facilitándolle así a comprensión do mesmo. Ou tamén, se non lle interesa a temática, non perda o tempo na lectura do artigo. Eu preséntoo aquí así, e se me equivoco, corríxanme. Darei razóns do título en inglés.

O problema está naqueles casos en que asistimos a unha conferencia e nos sorprende unha terminoloxía que non é que non se entenda, senón que o que ocorre é que o conferenciante non parece utilizala ao servizo do contido da mesma. Dito doutra maneira, non parece estar moi convencido do que di, nin é un bo exemplo do que desexa aconsellar ou transmitir: Presídeo unha certa inseguridade desconcertante.

Supoñamos que nos quere comentar e extraer ideas acerca dos comportamentos ecolóxicos aconsellados na recente Encíclica do Papa Francisco, LAUDATO SI, escrita cunha sinxeleza pouco habitual e sen fisuras para unha interpretación acomodaticia e amañada, presentando a Natureza como a Casa Común onde acoller e DIALOGAR con todos, e o bo do conferenciante empeza a chamar “marráns”, “incívicos”, “apestados”, etc. aos que emporcallan os camiños, rúas, estradas..., con botellas e botes de cervexa; os montes, con cadeiras e camas vellas, e os ríos con sacos de plástico, neveiras, pneumáticos, animais mortos, e moitos outros obxectos.

Pero, ao mesmo tempo, oculta o feito dos desperdicios de alimentos que se producen, porque non parece que teña unha boa conciencia do que se está a facer na súa casa, e aínda que fala da cultura ecolóxica nada di de que está sendo detida e contrariada por elites vinculadas a intereses industriais e financeiros, que el mesmo apoia.

Predica con aparente convicción de que a crise ecolóxica está incardinada nos modelos económicos, políticos e culturais (porque non cabe outro camiño); pero os que os utilizan, para el, non son “marráns”, nin “incívicos”, nin “apestados”; son persoas que crean postos de traballo, invisten fora, teñen unha educación exquisita e non necesitan da pedagoxía do conferenciante, que ata é probable que sexa un político con poder, pola maneira que ten de xesticular e os aplausos que recibe ao final.

Os oíntes asistentes, como non leron a Encíclica, nin se lles facilitou esas keywords dela, quedaron abraiados do que sabe, do ben que fala e do seu admirable comportamento cívico, só propio dun político desa talla, que, aínda que non resolva moitos problemas, sabe como facelo. E din: “Cómo non o chamará a Merkel para arranxar os problemas gregos?!”. “Seguramente que xa o chamou Obama...!.”

Pero entre os asistentes sempre hai algún galego, deses dos que se di que non se sabe se soben ou baixan as escaleiras, e aló nos recunchos do seu maxín empezan a pensar como a ese gran cabaleiro puido, inoportunamente, ocorrérselle verter insultos que non corresponden, ni son propios, dunha persoa medianamente educada, causando unha desastrosa sensación de repugnancia nos oíntes, cando utilizou os termos de “títere” e “portamaletas” (aquí en enxebre castelán, tradución de título) para designar a un adversario político, termos que me permitín titular en inglés para non empezar ferindo a sensibilidade dos lectores, que refugarían a lectura: uns, porque están no avespeiro, e outros, por aquilo do gregarismo ideolóxico.
...................................................................................................................
Por se non caeron na conta...!, este señor prepárase para a oposición, que xa era ese o seu estilo cando o deixaron nela noutras ocasións, e isto explícao todo e identifica ó orador. Pero alguén entre o público, remexendo a gorra na cabeza, dixo: “como o paisano non amañe as actitudes, léveme o diaño se ha de ter moitos votos!. Sobraba da escena..., e entón o cambio viña por si só.

Que coide da súa casa, carafio!, que a dos outros xa a vixía o pobo, que tampouco é tan parvo que non tome boa nota”.

O veciño da butaca, que o oíu rosmar, retrucoulle: “É que non quere que ninguén se agarre a coleta, colleu un empacho do marisco de tantas mareas”. Quedouse mirándolle a faciana que poñía e pensou: “Que mágoa, este tío non pica!.”

Contrasten, amigos lectores, se aínda os incisos lles deixaron folgos, a elegante sinxeleza do Papa Francisco, vertida á través da Encíclica exemplificada, coa carraxe do noso predicador, e comprenderán como se adquire a condición de líder, e como a perde, o que a posúe, polo camiño do insulto e a mala educación; e tamén como se fortalece non só no MODUS DICENDI, senón principalmente, no MODUS OPERANDI.

E non se trata, enténdanme ben!, de que os termos estean mal dirixidos: Corresponden a un nivel coloquial, denigran a quen os profire e carecen da semántica apropiada para resaltar a transcendencia do que os motiva. Ademais, quen non é capaz de educarse a si mesmo, critica de oído e banalízase.
Rubal, Pedro
Rubal, Pedro


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES