Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Manuel María estivo na nosa casa en Ferrol

miércoles, 08 de julio de 2015
Pois claro que temos fachenda! E non é de agora. Xa tivemos daquela cando nos aceptou a convidada que lle fixemos a miña irmá Paquita e máis eu despois daquel acto en Ferrol tan cheo de xente. Nun intre, andaban a decidir onde ía pernoctar o noso poeta. Adianteime eu no ofrecemento e el mostrouse moi conforme e gozoso, pois xa tiñamos un certo trato e amizade. Coincidiramos anteriormente en moitos actos a prol da nosa lingua e cultura galegas. Desde aquel día a nosa relación foi xa máis persoal. E tanto el como Saleta sempre nos saudaron logo con moito agarimo cando nos atopabamos, que foi con certa frecuencia.

Por que traio isto agora.Porque o elixiron para as Letras Galegas 2016? Naturalmente. E por sermos amigos e ter trato persoal. Pero hai outra razón de peso. A historia, a nosa historia, vaise facendo de infinitos pequenos detalles que acontecen na vida máis cotiá, que naquel intre faine así, sen pensar máis, para responderlle á vida. Sinxelamente e sen máis. Pero logo no decurso da historia, aquilo que foi sinxelo e anecdótico, toma carácter de categoría porque o persoeiro enche de vida a historia real e cómpre coñecela nos máis mínimos detalles. Se isto pasase con Picasso o dato sería soado. E logo, de Manuel María non vale a pena que se saiba da súa presenza en Ferrol?

Daquela, Paquita, a miña irmá, tiña casa en Aviador Piñeiro, 18, 5º. E eu, que me movía por Santa Mariña do Vilar, estaba con ela, na súa casa. E este é o dato histórico de relevancia para esa zona de Ferrol. “Manuel María, o poeta das Letras Galegas 2016, fixo noite no noso barrio do Rosario”.

Hai dous anos os nenos de Mandiá e Marmancón ficaron moi contentos cando lles dixen que eu coñecera e mesmo falara con Roberto Vidal Bolaño. E xa non digo como se sentiron cando lles dixen que Xosé María Díaz Castro, era familia de familiares meus e que tiñamos en Papoi un segundo sobriño del, o xornalista Germán Castro Tomé, Man.

Acercar os poetas e literatos á xente fai que nos vexamos a nós mesmos con honra e valía na nosa expresión máis eximia, tal como a lingua. Sese coñece a autor e el ten sona dunha obra literaria, celebrada con tanta honra, quer dicir que cando eu e nós nos expresamos coma eles non só non temos de ter ningún complexo senón unha verdadeira e inmensa fachenda por vérmonos honrados en todo o mundo. Temos un idioma máis, por nacenza,e iso é unha riqueza impagábel.E, ademais, podemos falar e entendérmonos cos dous millóns cincocentos mil habitantes do mundo da lusofonía xa que falamos, con poucas variantes, a mesma lingua multisecular. Por certo, hai menos variantes queas que notamos entre o castelán de castela e o andaluz cando fala un pouco á présa.

Pois aí fica o dato. Foi nos principios dos anos 1980. Non podo hoxe fiar máis fino no tocante a data exacta. Pero espero chegar a precisala con más detalle nunha próxima achega, cando investigue outras miudanzas.

“Manuel María é un dos poetas galegos máis musicados, entre outros gravaron poemas seus como O Carro, María Manuela, Suso Vaamonde, Fuxan os ventos, A Quenlla ou Chorimas”. (Galipedia).

Veremos novamente as nosas escolas cheas de música e poesía. E aos nosos nenas e nenos cantando os seus poemas e facendo preciosos traballos de creatividade.

E os maiores estaremos gozosos de tanta Sementeira:“en tanto no pobo medre un meniño, un vello e un cantar”. (Fuxan os Ventos).
Campo Freire, Xaquín
Campo Freire, Xaquín


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES