Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

O hospital asilo de Vilalba (41)

jueves, 09 de julio de 2015
Ano 1934 (II)

Da Habana.
. Os de san Lourenzo de Árbol
celebraron reunión anual para escoller nova directiva para 1933 trámites para construír panteón propio.
Formaron o novo cadro dirixente, Avelino Fernández Verdes, presidente; José Debasa Rodríguez, vicepresidente; Jesús Goás Anido, secretario; Manuel Río Cabana, vice; Rufino González, tesoureiro; Guillermo Pico Anido, vice; Ramón Paredes Maseda, Jesús Cobas Debasa, Armando Osorio Debasa, Ricardo Paredes, Avelino Pérez Pico, Jesús Debasa Verdes, Genaro Maseda Verdes, José Debasa Lamas, Jesús Rodríguez Moure, Constantino Debasa, José Aguiar Carballés e Antonio Maseda, vogais; Arturo Fernández, Ramón González, Antolín Saavedra, Inocencio Pérez, Marcelino Río e José Janeiro, suplentes.
. Comité das sociedades do partido de Vilalba. Reuníronse representantes de todas as sociedades que forma este Comité para reorganizarse. Estaban representados por: «Unión Villabesa y su Comarca». Ramón Rey e Víctor Oseira.
«Liga Santaballesa». Jesús Trastoy.
«S. Lorenzo de Árbol». Avelino Fernández Verdes e Jesús Goás.
«San Simón y Samarugo». Luís Vázquez Gacio.
«Progreso de Lanzós». Antonio Tenreiro Piñeiro.
«Hijos de San Martín de Belesar». Serafín Piñeiro e Emilio Pita.
«Progreso de Lousada». Juan Antonio Fraguío.
A comisión acordou renovar o Comité que levaba varios anos sen funcionar e crear unha nova dirección: Ramón Rey, presidente; Jesús Trastoy, vice; Víctor Oseira, secretario; José García Tenreiro, vice; Avelino Fernández Verdes, tesoureiro; Luís Vázquez Gacio, vice.

O alumeado e «Hidroeléctrica del Tronceda». Denuncia «Faro Villalbés» que a empresa subministradora de corrente eléctrica nunca se distinguiu por cumprir cos seus compromisos de alumeado público e que agora, porque o Concello lle debe recibos, cortou a luz no edificio consistorial e non repón as lámpadas fundidas do alumeado público.

Novas normas para os colexios subvencionados. Simplifícanse os centros que imparten ensinanza secundaria eliminándose a categoría de colexios subvencionados. Entre estes, os que acaden o número de sesenta alumnos converteranse en institutos elementais, como é o caso do de Vilalba. Tamén se transforman as obrigas dos concellos para con este tipo de centros. A partir do próximo curso deberán facerse cargo do persoal administrativo e subalterno e abonar, por trimestres adiantados, 2.000 ₧ para incrementar a biblio teca e material didáctico.

De veraneo. Agosto de 1934. Regresou de pasar uns días de descanso en Neda o actual alcalde Enrique Canto Cao acompañado da súa sobriña dona Pilar Chao de Goás Canto.

Matrimonio. Celebrouse na parroquia de Santa María de Viveiro entre o director do colexio de Vilalba, Alfonso Vázquez Martínez, e a señorita viveirense Felicia Vaamonde Barallobre.

Carta a Manuel Becerra Fernández, quen ocupaba o cargo de subsecretario de Obras Públicas. Diríxenlla o alcalde e a Comisión de «fuerzas vivas» para indicarlle que se ben durante o pasado curso o colexio non contaba co número de alumnos suficientes para poder ser considerado pola nova normativa como instituto elemental, tamén era certo que o curso comezara no mes de decembro, que se examinaran de ingreso un considerable número de estudantes e que se contaba con que ingresarían no centro educativo outro grupo importante de novos alumnos. A resposta que dá Manuel Becerra é unha copia da carta que á súa vez lle remitira o ministro de Instrución Pública manifestando que o asunto había resolverse no mes de agosto, é dicir, puro trámite.

Vixésimo quinto aniversario da «Unión Villalbesa y su Comarca». Celebrouse na Habana, no salón «Trimalta» dos xardíns de «La Polar». Presidiu o banquete o presidente da sociedade Ramón Rey Fraga. Acompañábano José López; Evencio Rodríguez, presidente do Centro Galego; Jesús Ma Bouza, presidente da Asemblea de Apoderados; Fernando Prego, presidente de Inmobles; Francisco González; Alfredo Blanco, secretario xeral do Centro Galego e Eloy Villalibre, socio número un e ex-secretario da institución.

Enlace Jato-Álvarez. O matrimonio celebrouse o 25 de agosto entre a señorita Josefa Álvarez Mosquera co mozo José María Jato, mestre nacional.

Remate do camiño Lanzós-Vilapedre. Celebrouse tan desexado e magno acontecemento o pasado 24 de agosto con gran alegría por parte da veciñanza. Os fondos necesarios para tan demanda vía foron adiantados polos mecenas Daniel Boizán e, como non!, por Cosme Sacido.

Festas de San Ramón. Celebráronse, como era costume, entre o 30 de agosto e o 2 de setembro. Houbo dianas e alboradas, verbenas ata as dúas da madrugada, misas solemnes, partido de fútbol, carreira de bicicletas, paseo de moda. A música estivo a cargo de gaitas do país, da «Antiga Banda Municipal» e da banda do «Rexemento de Infantería número 8».

† Carmen Prieto Díaz, viúva de Rodríguez. Faleceu á idade de 78 anos o pasado día 29 de agosto. Eran os seus fillos Sagrario, Mercedes, Celia, Carmen, Raquel -ausente- Ramón e Alicia -ausente-. Irmá, Aurelia. Fillos políticos, Domingo Apenela, Antonio Peña, José Marqués -ausente- e Manuel Fernández.

Por fin instituto elemental! Unha Orde do Ministerio de Instrución Pública, de 31 de agosto, publica que todos os antigos institutos locais, elementais e colexios subvencionados queden durante o próximo curso convertidos en institutos elementais de segunda ensinanza sempre que os concellos cumpran coas obrigas derivadas do Decreto de reforma do Ensino Medio.
Faise un chamamento para que aumente o alumnado e disponse que se habilite unha sala para comedor para aqueles alumnos que no mediodía non poidan acudir xantar ós seus domicilios e traian o ágape das súas casas.

Instituto Elemental. O número de alumnos matriculados no curso 1933/1934 foi de trinta e seis. Para o curso 1934/1935 están inscritos uns setenta e existe a previsión de que cheguen a oitenta.
O hospital asilo de Vilalba (41)
Novo edificio escolar en Goiriz. Xa construído, destaca na parroquia pola súa modernidade. No baixo ten dúas aulas de piso de madeira colocado a un metro da terra. No piso alto, vivendas para dous mestres. Tamén dispón dun local para biblioteca e lugar de reunión dos veciños.

† Manuel Pardo Villarino. Faleceu na súa casa de Vilalba ós 55 anos de idade despois de prolongada enfermidade. Os seus funerais e enterro, celebrados o día 4 de outubro, foron unha fonda manifestación de dor de toda a xente de Vilalba. Era a súa viúva Carmen Cacharrón Méndez. Manuel Pardo Villarino, santaballés de Vilaxoán, foi un emigrante de fortuna que traballou en pro da construción do hospital asilo de Vilalba representando os emigrados na Habana diante da Comisión que se encargaba das obras. A partir de 1923 incorporouse ó Padroado como membro de pleno dereito.
Os labores deste e doutros habaneiros que deixaron non poucos esforzos e anónimas contribucións económicas para o ben da comarca merecerían un recordo digno por parte dos vilalbeses.

Padroado Provisional. Sesión de 10 de outubro. Nunha lacónica reunión deuse conta do falecemento do membro do Padroado Manuel Pardo Villarino e fíxose constar en acta o sentimento por tan sensible como irreparable perda.
Acordouse que a inicios de 1935 se procedese á reclamación dos cupóns, xa vencidos e non cobrados, dos anos de 1930 a 1934, e que se solicite do Concello a entrega do título de 5.000 ₧ legadas polo defunto Pedro González Maseda para fins benéficos por ser esta Fundación a única á que lle corresponde a administración do citado título.

Carmiña Prieto Rouco. Violetas. Este libro de poemas, con portada debuxada por Antonio Insua, pode ser coñecido polos vilalbeses. O crítico de «Faro Villalbés» cita que son versos sinxelos, gráciles, sentimentais... Recordan ós de Gabriel y Galán... e tamén ós do Duque de Rivas. «Sin embargo no tienen tanto nervio; son de mujer...» ―sic―.

Conflito no «Centro Villalbés» de Bos Aires. Así se desprende dunha longa carta que uns asociados fixeron chegar ó «Faro Villalbés» no mes de novembro. Do texto dedúcese que un número non determinado, pero que puidera ser numeroso, de asociados pretendía escindirse e constituír unha nova sociedade e publicar un novo órgano de difusión.

† Eulogio Coira Rodríguez. Faleceu despois de longa enfermidade. O seu enterro e funerais tiveron lugar o 24 de novembro. Nos tempos de comerciante na Habana distinguiuse por traballar en favor da comunidade vilalbesa, tanto en Cuba como na vila. Era a súa viúva María Goás Canto e os seus cuñados Jesús Carballal e esposa, e Domingo Goás Canto e esposa, Pilar Chao. O seu tío político era o alcalde de Vilalba, Enrique Canto Cao.

«Ateneo Cultural». Constituíuse esta asociación cultural nunha reunión habida no instituto. Fixou como finalidades crear unha gran biblioteca, celebrar conferencias e excursións culturais, dotar becas para estudantes pobres,... En definitiva, unha gran obra para potenciar a cultura e a escolarización dos rapaces.

Renuncia do alcalde. Na sesión do 8 de decembro Enrique Canto Cao presenta a súa renuncia a continuar no cargo de alcalde por non poder atender este posto debido ás perdas que se acaban de producir na súa familia. Acéptaselle a renuncia e pasa a presidir o Concello o primeiro tenente de alcalde señor Vázquez Martínez.

Elección do novo alcalde. Foi na sesión do día 12 de decembro. Por doce votos a favor e dúas papeletas en branco resultou elixido Antonio Peña Novo. Votaron unidos os radicais e as dereitas. O hospital asilo de Vilalba (41)O señor Peña Novo manifestou que non podía ser profeta nin ofrecer nada, que non podía facer programas porque supoñía que o tempo que lle restaba na Alcaldía había ser pouco, pero que o seu desexo era cobrar as débedas pendentes para saldar o déficit municipal.

Instituto Manuel Murguía. O instituto elemental de Vilalba pasará a denominarse Manuel Murguía segundo acordo do claustro de profesores por ser creado o día do aniversario do ilustre historiador galego, segundo comunica o seu director, Alfonso Vázquez Martínez, ó «Faro Villalbés».
Descoñecemos os datos que manexaron os profesores no seu momento, pero Manuel Murguía naceu o 17 de maio de 1833 e faleceu o 2 de febreiro de 1923.
Pombo Mosquera, Xosé Antonio
Pombo Mosquera, Xosé Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES