Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Algún día terán que volver

sábado, 04 de julio de 2015
Recollo unha reflexión puntual publicada en La Región por Luís García Mañá, respecto do Couto Mixto e do posicionamento socioeconómico que hoxe mantería o lugar, se as circunstancias históricas dese espazo evolucionaran dun xeito diferente a como evolucionaron dende hai un século e medio para aquí. E recólloa, co fin de elevala a reflexión xeral sobre o debate de futuro que puntualmente se vai facendo nalgúns foros económicos e culturais, pero que aínda nunca foi abordado -e nalgún intre terán que abordar- coa profundidade, o rigor e o compromiso que o asunto require, dende o Parlamento de Galicia.

"Pensemos o que sería o Couto Mixto hoxe -cuestiona García Mañá- se non tivera perdido a súa singularidade". Aventurado de seguido algo doado de aventurar, é dicir, que "sería unha terra sen crise e na que os veciños vivirían con certos privilexios, algo semellantes ós de Andorra".

Velaí que gran verdade, malia que por desgracia sexa imposible volver para atrás e reandar de novo a historia para demostrar con feitos o que hoxe non pode pasar de ser unha sorte de hipótese, nada máis.

Dende que os tempos son tempos e o home comezou a organizarse en sociedade, por razóns moi variadas determinados espazos da terra foron sendo escollidos polos diferentes grupos sociais para crearen asentamentos que logo, cando mudaron algunhas circunstancias, chegaron a seren total ou parcialmente abandonados para ocuparen outros que cumprían coas novas formas de vida que os outros deixaban atrás.

No noso caso, primeiro foron os castros, que logo xeraron aldeas e nalgunhas desas aldeas a "5 leguas" de distancia formáronse nós comunicativos que deron lugar a vilas que acabaron creando unha rede destinada a asentar a comunicación entre cidades situadas entre elas, máis ou menos, entre "20 leguas", é dicir, dúas xornadas de carro sen descansar.

Moitos destes lugares xurdiron por xeración espontánea ou porque houbo pioneiros que apostaron por eles. Outros, sen embargo, foron promovidos polas clases dirixentes e para fomentar o asentamento de familias neles os reis redactaron "cartas-puebla" e decretaron privilexios para as xentes que decidiran erguer neles o seu casal.

Este é precisamente o caso do Couto Mixto, como esta mesma razón é a que explica, por exemplo, por qué no Marquesado granadino hai lugares que reciben o nome de Ferreira. Ou Poqueira ou Pampaneira os da Alpujarra. A iso, no canto de privilexios, chamáronlle os historiadores "repoboación".

Pois ben, como di García Mañá, eses -ou outros- privilexios terán que ser decretados algún día se non queremos ver á Galicia actual transformada nun inmenso e arruinado conxunto arqueolóxico cunha ducia e media e urbes ó pé do mar.
Piñeiro, Antonio
Piñeiro, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES