Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

O hospital asilo de Vilalba (40)

jueves, 02 de julio de 2015
Ano 1934 (I)

Padroado Provisional de 5 de xaneiro. Preside a sesión o vicepresidente Eliseo Díaz Anllo. Acórdase aprobar o inventario dos mobles, roupas e efectos propiedade do hospital asilo, xa elaborado, e que se pechou con data de 31 de decembro de 1933. Infórmase do estado de contas. Existen en caixa de 3.549,88 ₧. Con esta data faise un suplemento á póliza do seguro de incendios do edificio tendo en conta o novo uso que se lle está dando. Acórdase vender, axiña que haxa oportunidade, as 2.000 flores da festa da flor sobrantes dos anos anteriores. Faise constar que na acta de setembro pasado omitiuse que José Roán Tenreiro e señora regalaron un cáliz coa súa patena de prata sobredourada, con destino ó culto na capela.O hospital asilo de Vilalba (40)
«La obra magna de Villalba». José Roán, notario, publica un artigo con este título no «Faro Villalbés» de 10 de xaneiro. Destaca a importancia para a vila do colexio subvencionado e sobre a delicadeza do director, Alfonso Vázquez Martínez, quen pretende non tocar nada da obra do edificio que non sexa estritamente imprescindible para os fins educativos ós que se destina.

Velada da «Juventud Sporting Club» de Lanzós. Celebrouse o 17 de decembro pasado. Entre outras actuacións deuse a coñecer o parrafeo galego titulado «Recordos dos nosos tempos», da autoría de José Burgo Otero, colaborador de «Faro Villalbés».

Capítulo de vodas. Celebrouse a da fermosa señorita Remedios Rego Gayoso e o mestre nacional Fernando Martínez Curto, veciño de Palma de Mallorca e natural de Valencia.

Comisión de festas pro-Instituto. Deu conta do recadado con destino ás celebracións das que se deu noticia. Recadáronse 437’50 ₧ e gastáronse 278’40 ₧. O sobrante destinaríase á instalación do alumeado nos locais do edificio.

«Unión Comercial Villalbesa». Celebrou xunta xeral o 21 de xaneiro e presentou a correspondente memoria. Presidiuna José Carballeira Fraga e acompañouno na Secretaría Vicente Otero Cao.

Dimisión do alcalde. Na sesión do 6 de xaneiro o alcalde, señor Ramil, presentou escrito rogando que fose aceptada a súa dimisión. Como este se ausentase para que o asunto fose tratado baixo a presidencia do primeiro tenente de alcalde, señor Vázquez Martínez, acordouse non aceptala por non haber quórum regulamentario.

Gran Hotel Chao. O moderno establecemento, referente da vila, acaba de instalar no comedor un moderno sistema de calefacción por vapor. Ademais ten instalado un fermoso aparello de radio e auga corrente e baños. O seu propietario, José Chao González, non regatea sacrificios para comodidade e confort dos veciños.

O Entroido. Celebrouse como de costume. Saíu unha comparsa, «Blanco y Negro», e varias máscaras soltas. Celebraron bailes o Teatro Villalbés e o Racing Club. Visitaron a vila comparsas de Pontedeume e Viveiro.

Novos profesores. Tomaron posesión dos seus postos no colexio subvencionado desta vila os seguintes docentes:
Fernando Vallaure Fernández
Modesto Ciruelo González, de Debuxo.
María Teresa Luaces Cañedos
Alejandro Juvides Pérez, de Lingua Española.

Gran velada Lanzós-Roupar. Celebrouse o 18 de febreiro. Estivo moi animada polo que supuxo de unión entre mozos pertencentes ás dúas sociedades deportivas. Puxéronse en escena dúas pezas cómicas e un monólogo.

Roubo en Xermade. Uns cacos entraron no Sindicato de Xermade e levaron varias botellas de licores e comestibles por valor de cen pesetas. Parece que tamén intentaron entrar no Concello.

Novo mestre. Ós vinte anos de idade, e despois de brillantes exercicios, acaba de ser nomeado mestre dunha escola en Castroverde o noso veciño Alfonso Vázquez Goldeiros.

Farmacia Moderna. Abriu as súas portas na avenida da República, fronte ó paseo da Liberdade. Trátase dun establecemento que honra a Vilalba e que tamén dispón de laboratorio e droguería. Foi promovida por Manuel Gallego Díaz, veciño de Santiago.

Sesión de cine. Tivo lugar no colexio subvencionado. Por ser escaso o local de proxección só puideron asistir os nenos, debendo quedar as nenas para outro día.

De Cospeito. Na noite do 8 ó 9 de abril foi queimada a igrexa de Santa María de Cospeito. Arderon o altar maior e dúas imaxes.

Unha desgraza. Na noite do 25 ó 26 de marzo, ó regresar dunha festa celebrada de Goiriz, as camionetas guiadas polos veciños de Lanzós, José Otero e Ángel Cillero, cruzáronse no camiño das Setepontes e rozáronse unha contra da outra. Como resultado faleceu o segundo dos condutores e resultou cunha man rota o mestre nacional Jesús Castro López.

Festa do 14 de abril. O aniversario da proclamación da República conmemorouse no colexio subvencionado. Despois de chegar os alumnos en dúas ringleiras coas bandeiras española e galega, o director anunciou que se suspendía a programada proxección da película e a prevista audición de radio dos discursos pronunciados en Madrid por non haber fluído eléctrico. O alumno Cándido Cascudo leu unhas follas explicando o significado da data. A señorita Guillermina Sánchez declamou «Oda al dos de mayo», de Nicasio Gallego. Maruja Quintela Prieto emocionou ó ler a poesía «Nai Galicia», de Carmiña Prieto Rouco. Manuel Fraga Iribarne leu un fragmento dun discurso de Emilio Castelar. Dominguito Apenela pronunciou unhas palabras que pouco antes el mesmo redactara. Como remate da festa, todos escoitaron desde un gramófono o Himno de Riego e os alumnos cantaron o Himno Galego.
Entre os profesores estaban Alfonso Martínez Vázquez, director; Mª Teresa Luaces Cañedo, profesora de Francés; Ricardo Sábada, profesor de Ciencias; Alejandro Jubitero, profesor de Gramática e Fernando Vallaure, profesor de Matemáticas. Asistiron ó acto os mestres das escolas graduadas Encarnación Vázquez, directora; Antonio Castiñeiras, director da sección de nenos, e José Ma Gato Carral. Igualmente Andrés Vázquez e José Carballeira por esquerdas republicanas e Vicente Otero Cao pola prensa local.O hospital asilo de Vilalba (40)
Festa da República en Tardade. Celebrouse na escola cos seus profesores á fronte, Carmen Rodríguez Gormaz e Manuel Saco López. Os nenos, ó redor de sesenta, recibiron explicacións do significado da República, oíron diversas lecturas, cantaron os himnos nacionais e galego e pola tarde xogaron ó fútbol e oíron música dun gramófono.

Constitución de «Esquerda Republicana» en Vilalba. Fíxose efectiva o 15 de abril. «Esquerda Republicana» foi resultado da fusión de «Acción Republicana» de Manuel Azaña, do sector esquerdista do «Partido Republicano Radical Socialista» (PRS Independente) de Marcelino Domingo e Álvaro de Albornoz e da «Organización Republicana Galega Autónoma», de Santiago Casares Quiroga. Á fronte da nova organización en Vilalba, Andrés Vázquez Martínez.

Para o señor alcalde. Desde as páxinas de «Faro Villalbés» pídeselle que tome medidas de ornato público, sanitarias e de orde social. O asunto estaba en que polas rúas producíase a calquera hora do día a saca de esterco das cortes que había nas casas, en que había quen fomentaba pudridoiros ás portas da vivendas e iso sen falar de peles e despoxos de animais que aparecían polas rúas. E todo iso diante dos viaxeiros dos coches de liña e mesmo diante do
alcalde!

Novos mestres. Foron nomeados Antonio Quintela Ferreiro para a de Feira Nova, Santaballa -Liga Santaballesa-, e Amadora Villanueva para a de Tardade.

Estado do Concello. E a moblaxe sen pagar. En xuño a gobernabilidade do Concello continúa sen ser factible. As loitas entre distintos grupos políticos e as que se daban dentro das organizacións, ocasionan máis que frecuentes enfrontamentos sen acordos posibles. O alcalde, Ramil, quere dimitir pero non lle deixan. E os mobles que se mercaron para o colexio subvencionado sen pagar!

Exames fin de curso no colexio subvencionado. Para tal fin desprazáronse de Lugo dous catedráticos do seu instituto. Examináronse trinta e seis alumnos por oficial e vinte e tres de ingreso, entre os que figuraban oito de Viveiro. As matrículas de honor foron para Luís González García e Domingo Apenela Rodríguez.

Colonia vilalbesa na Habana. Reuniuse para despedir a Rosento González Otero que regresaba a terras vilalbesas. Na presidencia do banquete, celebrado no restaurante «Cerro Moderno», ademais do homenaxeado, estaban, entre outros, Antonio Ma Souto, director do Banco Galego, e como non, Cosme Sacido Ramil quen, como era costume, pronunciou un discurso na sobremesa.

Nova industria vilalbesa. No lugar coñecido como Campo Redondo están levándose a cabo os traballos preliminares para a instalación dunha gran fábrica de embutidos.

Amáñase o asunto do colexio subvencionado? No mes de xullo infórmase que a débeda que o Concello ten co colexio vai camiño de solucionarse e que se vai poder iniciar o próximo curso con normalidade. Mesmo se anuncia que resucita a famosa “Comisión pro-Instituto” e que se vai pedir que os pais que teñen alumnos no colexio adianten tres mil pesetas. Daquela xa non era alcalde Ramil, senón que o substituíra provisionalmente Andrés Vázquez Martínez, de Esquerda Republicana.

† José Canto Cao. Faleceu este exde. Eran os seus sobriños Domingo Goás Canto, José Pernas Magdalena e Eusebio Rico Fernández.

Novo alcalde. Na sesión do 28 de xuño procedeuse á correspondente votación para elixir novo alcalde. Estaban presentes os concelleiros Vázquez Martínez, Criado, Fraiz, Apenela, Fernández, Rodríguez, Paz Rivas, García Baamonde, Souto Paz, Baamonde Ramudo, Boizán Ramil, Gayoso García e Cuba López. O escrutinio deu a vitoria a Enrique Canto Cao. Pero algunha anomalía debeu existir porque volvemos ver repetida a votación, por terceira vez, na sesión do 28 de xullo. E volve ser elixido alcalde Enrique Canto Cao.
Pombo Mosquera, Xosé Antonio
Pombo Mosquera, Xosé Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES