Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Cousas de curas e fregueses (VII)

jueves, 02 de julio de 2015
Moitos cregos viñemos sendo, sen deixar aínda de selo de todo, pero cada vez menos, porque outros axentes sociais se van facendo cargo destes mesteres, xestores á hora de cubrir papeis, ou de ensinar a cubrilos, coma os de cambio de médico, de reclamar unha pensión ou de pedir parcelas na Concentración e conselleiros no momento en que se precisaba o especialista máis axeitado para cada caso, sobre todo no campo da medicina ou da avogacía. Este labor non se veu realizando unicamente no rural, senón que tamén nas cidades algúns dos seus habitantes, maiormente os procedentes da aldea, acudían ó cura da parroquia na que recaeran para pedirlle consello ou que fixese de intermediario ou de recomendante.

Os coches dos curas, (e xa antes as cabalerías e as motos), estiveron en moitos casos ó servizo dos veciños para ir buscar máquina de mallar, trasladar enfermos, levar parturentas ou facer pequenas excursións. Casos houbo nos que os veciños coa mellor boa vontade regaláronlle un coche ó cura, pero ó regalarllo convertérono en taxista ilegal coa agravante de que en moitas ocasións tiña que pagar el o combustible á conta dos cabodanos.

En tempos relativamente recentes tamén houbo curas que abandeiraron movementos de defensa do acceso á propiedade de terras a labregos que as viñan cultivando desde tempo inmemorial en réxime de aluguer, como pasou en Verdoias, por exemplo. Igualmente hóuboos que capitanearon movementos de denuncia e oposición á falta de medidas anticontaminantes, coma no caso de emisión de flúor de Alúmina por riba dos límites permitidos, que pasaba dos pastos ó leite das vacas e do leite ás persoas Como consecuencia desas denuncias o cura Evaristo Lorenzo Ourol foi sancionado con 25.000 pesetas de multa por discutir co señor alcalde e ser acusado de desacato, xa que dixo en público que parecía que ó concello só se ía roubar. A quen se lle ocorre dicir esas cousas, cando entre político non había nin hai un só caso de corrupción nin de defensa do rico fronte ó pobre.

Máis recente aínda está o caso do xa citado Manolo de Neira de Rei, difamado e calumniado coa eficaz finalidade de desacreditalo e dividir ó vecindario, para poder meterlle impunemente unha navallada mortal ó fértil Val do Neira coa autovía A 6. Iso era máis barato ca facer a ponte que finalmente se fixo; pero o mérito capitalizárono outros en votos. Diso si que sabemos moito moitos curas, entre ele este servidor, que constatamos como os nosos esforzos a favor do ben común son rendibilidados por politiqueiros que sofren amnesia ou pensan que a sofren os demais. Non citarei aquí exemplos concretos e recentes por non molestar a familiares inocentes dos amnésicos.

A preocupación da Igrexa polas persoas maiores sen recursos xa ven de vello e así foron xurdindo multitude de asilos en vilas e cidades sostidos en boa parte grazas a fundacións e ás esmolas de patacas, gran e outras especies que viñan recoller aquelas monxiñas que morrían de frío e de medo ós cans polas nosas corredoiras.

Na actualidade un dos problemas que se presentan no mundo rural é o de poñer en marcha residencias para vellos sen arrincalos da terra húmida na que naceron e medraron para transplantalos ó asfalto no que as súas raíces non poden prender e secan de vez, e tamén aí a presenza do clero, de monxas e de cristiáns comprometidos se está facendo notar, en sintonía coa historia da Igrexa que se adiantou ós estados á hora de crear asilos, e hospitais. Boa proba diso é, por exemplo unha residencia modélica posta en marcha aló polo 1.972 en Vilamartín de Valdeorras polo presbítero D. Manuel Pérez Barreiro e polo segrar D. Manuel Conde. Hoxe xa é considerable o número das residencias, centros de acollida e centros de día que teñen a algún cura como impulsor, contando tamén fundacións como a “San Rosendo”, “Mensajeros de la Paz,” ou outras xestionadas por cregos en activo, cregos secularizados e mulleres relixiosas, con votos dalgunha orde ou non. Non coñezo a fondo tódalas fundacións deste tipo; pero, fronte ó que se deu en chamar o negocio cos vellos, sei dalgunhas máis preocupadas por facer ben ca por facer cartos; aínda que para facer ben tamén fan falta cartos.

Hai irregularidades? Sen dúbida, pero tamén abondan as falsas acusacións de comenenciudos parentes, máis ou menos próximos, que miran moito polos seus vellos, especialmente polas súas contas bancarias e por incapacitalos o antes posible, e mentres eles van vendo engordar esas contas, outros pagamos, a través de organismos oficiais a estancia dos petrucios en residencias públicas.

Eses parentes están feitos da mesma argamasa ca outros que cando por exemplo se pide para Cáritas, para as misións, para Mans Unidas ou para outras necesidades máis puntuais, rosman polo baixo: “A ver o que chega diso ó seu destino e non queda polo camiño”. A un destes en certa ocasión non puiden conterme e contesteille: “Do que mandaches ti ata agora estou ben seguro de que nunca nada se perdeu polo camiño”. Obrigará a caridade a calar diante de cutros agarrados que sementan desconfianzas sobre quen pola súa misión caritativa se ve na obriga de pedir, e non para si?

O traballo de Cáritas organizada veuse centrando máis no mundo urbano ca no rural, pero xa hai realizacións ben encomiables no desexo de axudar a acadar unha mellor calidade de vida nas parroquias de aldea, como pode ser o programa “Vivir na casa”, que busca por tódolos medios axudar a aqueles vellos que prefiren seguir vivindo nas súas casas, pero que necesitan axudas de moitos tipos. A este traballo de Cáritas hai que engadir o de outras institucións como pode ser Auxilia na súa preocupación pola integración social dos que se valen con dificultades, ou cristiáns que desde organizacións, ou a título persoal, desenvolven un eficiente labor humanitario con enfermos e necesitados. E non deberá quedar sen unha mención especial o “Proxecto Home”, nacido tamén na Igrexa, polo seu eficaz traballo con drogadictos.

Antes de rematar este apartado que se centra principalmente no aspecto social e, lembrado unha vez máis que canto queda dito non é todo, non podo deixar de facer unha referencia a algunhas Confrarías de pescadores á fronte das que estivo algún cura e da preocupación das Delegacións Diocesanas de Apostolado do Mar de Mondoñedo-Ferrol, Santiago e Vigo así como de cregos preocupados polas condicións de vida dos seus fregueses mariñeiros e das súas familias.

Quizabes no campo das Confrarías de pescadores o caso máis salientable sexa o da Confraría de Celeiro de Viveiro da que foi elixido como Patrón Maior polos propios mariñeiros o cura da parroquia, Vicente Gradaille, xa aló polo ano mil novecentos cincuenta e poucos. El foi o primeiro caso en todo o territorio español e houbo que superar reticencias e desconfianzas da Administración e dos Sindicatos Verticais de daquela. O seu labor á fronte desta Confraría comezou por crear dúas cooperativas, das que unha delas levou o premio nacional de cooperativa exemplar. Logo, andando o tempo, montouse unha fábrica de xeo, melloráronse as infraestructuras portuarias con inversións multimillonarias, fixéronse lonxas de venda do pescado, almacéns para exportadores, tanques de conxelación con capacidade para setecentas toneladas.

No ano 1.956 en que comezaron estas transformacións con Vicente Gradarlle á fronte, a facturación de vendas de peixe por ano era de 56 millóns de pesetas. Once anos despois a facturación foi de 4.000 millóns de pesetas. Facíase necesario, a continuación, mirar pola atención sanitaria dos mariñeiros e construíuse a primeira Casa do Mar da provincia de Lugo con nove especialidades, biblioteca, salón de actos, hospedaría para mariñeiros foráneos e gardería infantil. Todo iso constituíu a base para unhas instalacións que hoxe son modélicas en España e no estranxeiro. Non é estraño que as xentes de Celeiro que aínda conservan memoria histórica non poidan nin queiran esquecer ó que foi seu cura. Tampouco resulta sorprende que algúns individuos ou grupúsculos, fillos do resentimento, que cren que o seu progresismo é directamente proporcional ó seu anticlericalismo, promovan a memoria histérica, vendéndoa como histórica e focen nas leiras do pasado recente coma cochos bravos nun nabal.
Carballo, Xosé Manuel
Carballo, Xosé Manuel


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES