Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

A nova imaxe do Xacobeo

miércoles, 31 de mayo de 2006
O do Xacobeo foi un bo invento. Aproveitar a peregrinación milenaria que buscaba a capital de Occidente, foi o maior acerto político de Victor Manuel Vázquez Portomeñe, o político chantadino que en Santiago foi voceiro do Partido Popular e, como Conselleiro, deu un paso de xigante na potenciación de Compostela e da chegada a Galicia de milleiros de visitantes nun novo turismo en alza que aúna intereses relixiosos, culturais e turísticos.

O Xacobeo abriu camiños, potenciou as rotas tradicionais, descubriu que había ata sete trazos na nosa xeografía para poder acceder á cidade do Apóstolo, dos que o primeiro era o que seguía e segue un camiño de estrelas no ceo que desde tempo inmemorial chamamos Via Láctea.

O pelegrín personalizou desde 1993 o espíritu e as xentes que viaxaban polos camiños. Despois del, o círculo formado por catro cunchas. E, por fin, en 2005, co novo equipo de goberno, nova imaxe do Xacobeo.

Elegancia e señorío na presentación, cando as autoridades deixaron moi claro que o que anteriormente se fixera estaba ben feito, pero que novos tempos requiren novos instrumentos, e precisamente a Consellería de Innovación debía dar exemplo de modernidade na imaxe e no deseño.

Para Galicia, Compostela e o Camiño (tódolos Camiños) son un agasallo que a historia e a vida lle fixeron a unha terra situada moi lonxe, na fin do mundo, para que fose o buque insignia dun turismo chamado a ser a súa primeira fonte de riqueza.

O tema está plenamente vixente nun tempo no que conflúen as ánsias de novos e vellos en descubrir mundos, coñecer terras e xentes, disfrutar de novos aires, e á vez cultivar espíritos potenciando vellas crenzas, ou vellos-novos xeitos de crer vencellados e afianzados por lugares míticos, dos que Compostela é a mellor mostra.

O Xacobeo, Sociedade anónima de xestión para dar maior axilidade á organización, foi un invento xeitoso que se evidencia imprescindible para o ocio e sobre todo para o negocio do mundo dos Camiños.

Aproveitar o feito ata agora, recoñecendo o conseguido, e seguir por camiños novos baseándose no pasado, é unha acción intelixente que hai que recoñecer e loubar.

A nova imaxe do Xacobeo abre un tempo novo no que Compostela e os Camiños están no primeiro plano da actualidade. E no punto de mira de todos nós. ¡Que sexa para ben!.
Editorial
Editorial


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES