Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

O 'Día das Letras' para Carballo Calero

miércoles, 01 de julio de 2015
(Escrito este artigo, souben de proposta tripla na RAG. Se me decanto por Carballo Calero é porque van 25 anos do seu pasamento. Por datas de pasamento, débeo seguir Xela Arias e despois Manuel María. Os tres son merecentes de candaseu Día das Letras Galegas. Humilde e concretamente eu teño cantado ós tres.)

Escribo con sentimento e admiración fondos e quizais con pouca autoridade. Por iso quero que os que coincidades conmigo nesta xusta petición vos sumedes á mesma, e fagades chegar á RAG este, coido que compartido, desexo.

Non quero descubrir Mediterráneos, que ben descubertos están, pero os méritos que avalan esta petición son máis que sobrados.

Don Ricardo Carballo Calero foi excelente poeta, magnífico novelista, cultísimo ensaísta, destacado lingüista, concienzudo profesor e catedrático, coherente político e insuperable investigador da nosa Historia literaria.

A súa “Historia da Literatura Galega Contemporánea” é un logro elevadísimo da mesma. Nas diversas ocasións que tiven que facer uso dela xamais me defraudou. É asombrosa a cantidade de datos que se recollen nela. Coido que o sabemos, igual ca min, todos.

Vou empregar a prol de Don Ricardo Carballo Calero dous autores nestas datas moi homenaxeados. O primeiro e Ramón Piñeiro. En LAR, Revista de la Asociación Gallega de Beneficiencia y Mutualidad, en conmemoración de “DÍA DE GALICIA”, Número extraordinario de 25 de Julio de 1.956, Buenos Aires, Año XXII, Nos. 272-73-74, escribe, entre outras moitas eloxiosas frases: “A empresa de someter a nosa creación literaria moderna a ordenada craridade valorativa, non era cousa doada” (…) “tiña que ser un poeta quen a levase a cabo. Mais ocurre que os poetas cuia sensibilidade instintiva e creadora garde equilibrio co-a lucidez e mail-a ouxitividade crítica son moi poucos. Tan poucos que a súa aparición pódese considerar esceicional. Na España contemporánea, o caso máis ilustre e conocido é o de Dámaso Alonso. AFORTUNADAMENTE, NA GALICIA CONTEMPORÁNEA TAMÉN CONTAMOS CON UN SOIO PRO EMINENTE: RICARDO CARBALLO CALERO”. (As maiúsculas son miñas). (…)”Das tres obras citadas (sinalo eu: “Sete Poetas”, “Aportaciones a la literatura gallega contemporánea” e “La Poesía Gallega del Siglo XX”) a máis completa e fundamental é “Aportaciones a la literatura gallega contemporánea” (…) “Nela desenrola Carballo a valoración máis seria, máis aguda e máis lúcida que se ten feito sobre o conxunto da nosa literatura moderna”. E sigue Piñeiro con fundadas loanzas e loanzas, cuia lectura aconsello e subscribo totalmente, e aínda máis cando a obra foi publicada en galego.

E Don Xosé Filgueira Valverde, no VI-Adral, Edicións do Castro, 1.990, páxinas 306-307, escribe, na colaboración 67, titulada RICARDO CARBALLO CALERO, co seguinte subtítulo “Na morte de Ricardo, cas lembranzas dos tempos do “Seminario de Estados””, repito escribe: “En Carballo Calero axuntábase o creador literario de poemas e narracións, o crítico e erudito historiador das letras” (...) “participou nos traballos das normas ortográficas e morfolóxicas e no Anteproxecto do Estatuto de Galicia de 1.931, con Tobío, Risco, Bóveda e Paz Andrade. Ocupou con dilixencia postos directivos: segredario, conselleiro…” (…)“a súa lírica abondaríalle para que tivese un posto nos fastos das nosas letras” (…) “Tal que os Mestres da “xeneración Nós”, exerceu o cultivo da fala en tódalas formas literarias, e non só na oratoria académica e na lírica, senon no relato e no teatro”. E siguen os eloxios como profesor no “Rosalía de Castro”, catedrático na Universidade, “sempre en cursos, coloquios e conferencias”. “Tiven a honra –di Filgueira- de presidir as súas brillantes oposicións á cátedra de “Lingüística y Literatura Gallega” de Compostela no ano 1.972”. Eloxia os “Sete poetas galegos”, o “Brevario antolóxico”, a “Gramática elemental do galego común”, a “Historia da Literatura Galega Contemporánea”, os tres volumes de “Prosa”, e os dous libros de “Libros e autores galegos”.

Permitídeme que remate este humilde traballo, non sen antes recordarvos que pidades o Día das Letras Galegas do 2.016 para Don Ricardo Carballo Calero, cun soneto que lle dediquei o 20 de Xullo do 2.014, e que me fixo o honor de publicar “A Voz de Vilalba”:

SONETO EN LOOR DO EXIMIO DON RICARDO CARBALLO CALERO

Alta honra de Ferrol e de Galiza,
enteiramente ás mesmas consagrado,
estudioso incansable, namorado
da Beleza, a Verdade e a Xustiza.

Túa entrega foi total sempre na liza
polo traballo serio e ben logrado,
un traballo profundo e artellado,
que gran sabedoría patentiza.

Eu canto aquí un cume da Cultura,
catedrático impar, poeta inmenso,
sabio da Lingua e da Literatura.

Dramaturgo, ensaísta de fondura
e de Galiza defensor intenso.
Chegue ata ti miña loanza pura.
Fernández Abella, Xoán Xosé
Fernández Abella, Xoán Xosé


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES