O tubo kenótico
Rubal, Pedro - miércoles, 01 de julio de 2015
Eu seilles moi pouco de Teoloxía; pero vou entendendo o que escriben os que saben, porque, na miña condición de ferreiro da Filosofía, necesito eses materiais na modestísima forxa na que traballo. E non lles hai moitos días que o meu homónimo, Doutor en Teoloxía, Pedro Leiva Béjar, enviou un paquete de ideas vía colaboración na revista dixital, de Comillas, TENDENCIAS21 DAS RELIXIÓNS.
Se prestan atención, o que parece non vir ao caso, ao mellor descúlpanme a pedantería do título desta colaboración. E como teño que empezar por algún lado, permítanme que o faga por un termo grego, que xa utilicei noutras ocasións; pero aquí, agora, vou empeñarme en que veña ao caso. O termo élles KÉNOSIS, do verbo KENÓO, baleirar, desnudarse, etc.
O teólogo di que a palabra grega kénosis significa autovaciamiento o autoenajenación, e neste contexto resalta como o Verbo de Deus, ao encarnarse e entregarse a unha vida humana, hasta a Cruz, fixo un autobaciado e un alleamento, para poñerse ao nivel da humanidade, do home e da muller. Eu atrévome a chamarlle a isto un sublime acto de humildade para entenderse e enriquecerse COAS experiencias dos de abaixo, dos máis necesitados, material e espiritualmente.
Hai outro teólogo, moi considerado nestes tempos, Olegario González de Cardedal, que engade que existir no mundo de maneira histórica e finita pola encarnación implica poñerse A MERCEDE DO MUNDO, un risco que xa a asumiu Deus cando creou seres libres e estableceu a alianza cun pobo.
Agora ven o anecdótico. Hai uns días, informado por uns amigos, non quixen perderme a presentación dun libro no Seminario de Mondoñedo, CERNA DE CARBALLO, editado pola Irmandade Manuel María, da Asociación Xermolos, que prologa o xornalista Xulio Xiz, e organiza o acto: Toda unha garantía de acerto, ben parlar e ben facer.
Como non podía ser menos, tratándose dunha homenaxe ó crego D. Xosé Manuel Carballo Ferreiro, bo cura, de boa cura e dotado dunha boa intelixencia, que manexa con talento e non pouca maxia, eu paseino, o que se di!, bomba, coas exquisitas intervencións baixo a batuta do Xulio, que non só coidou da orde, senón que tamén empregou a batuta para ofrecernos os sons da nosa gaitiña galega e dun saxofón que un consumado músico, acompañado dun tambor, logrou transportarnos a un mundo que os ignorantes nesta arte non saberemos definir, mais si sentir con apaixonamento de melómanos.
Xa digo, eu acudín a esa cita, e o primeiro que tiven ocasión de saudar e felicitar foi ó homenaxeado D. Xosé Manuel, operado dunha doenza que o obriga a utilizar un artificio para falar, é dicir, está convertido nun verdadeiro biónico, que leva cun humor edificante; e contestoume a miña admiración polo ben que se lle entende, o seguinte: XA VES, EU ANTES FALABA POLOS CÓBADOS, E AGORA FALO POR UN TUBO.
Dedicoume o libro, e eu estiven ben atento, porque, aínda que sempre gozou da miña admiración, nunca tivemos ocasión, por azares da vida, de despacharnos a gusto en longos faladoiros. Pero, como para algo sirve a maxia, e como el é un mestre nesta arte, escribiu o seguinte: COA MÁXIMA ADMIRACIÓN A QUEN CON 84 ANOS SUPERA A MOITOS DE 48. Quen carafio lle deu os meus anos!?. Ao mellor eu mesmo, sen decatarme!.
Pero deixemos agora o anecdótico, e filosofemos un pouco. O contido do libro constitúeno 200 visións, ou perspectivas, de amigas e amigos, de diferentes configuracións persoais e culturais, e sen embargo, na miña modesta opinión, foron capaces de manter un sentimento en común e o propósito, explícito ou implícito, de resaltar esa vontade de carballo do homenaxeado para facerse accesible a todas as xentes da súa convivencia familiar e parroquial, abríndose, sen reparos, agarimoso a calquera que se acerque a el: SUBLIME EXERCICIO DE KÉNOSIS!!!.
O sentimento de cariño e aprecio, que emerxe nas distintas achegas ó contido do libro, evidencia a capacidade pedagóxica do crego da maxia para crear un contexto existencial tan rico en motivos relixiosos, éticos e pragmáticos para a vida rural, que deixa un ronsel de apaixonadas lembranzas.
E incluso, tamén por arte de maxia, confeso que eu mesmo fun presa dunha excepcional emoción: Na páxina 252, encontreime co carballo dos meus devanceiros paternos, que viviron á sombra do Carballo de Luxís, en Pacios. Meu pai aínda levaba de segundo o apelido UZ: Un cura destinado á parroquia de Adelán, en Alfoz, trouxo un sobriño que casou nestas terras do Valadouro. E vexo que tamén o apelido Uz figura entre os amigos de D. Xosé Manuel.
Pois ben; aproveito este espazo para reiterarlle a miña admiración e aprecio ó cura mago, rogándolle que me acepte representado, nesas terras tan fértiles en persoas talentosas, por esa familia Uz, que participou expresamente na homenaxe escrita, e non dubido que o farán gustosos.
Ah...!. Espero ter borrada a pedantería do título.

Rubal, Pedro