Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Novos Xuíces Honorarios do Couto Mixto

martes, 30 de junio de 2015
Cando visitamos por primeira vez o Couto Mixto, territorio histórico formado polas parroquias de Santiago, Rubiás e Meaus –as dúas primeiras pertencentes ao Concello de Calvos de Randín e a última a Baltar- apenas podíamos imaxinar que estabamos a percorrer camiños e aldeas dunha entidade local con personalidade de seu ata o punto de teren dereitos e privilexios especiais.

Os seus veciños estaban exentos de prestaren o servizo militar; tiñan dereito de asilo que prohibía ás xustizas portuguesa e española prender nos límites do Couto aos que ali se refuxiasen. Elixían cada catro anos unha autoridade que era ao tempo gobernativa e xudicial cun sistema electoral universal e democrático. Os habitantes deses pobos tiñan o privilexio de escolleren a nacionalidade portuguesa ou galega no día do casamento. Os que querían ser portugueses bebían un vaso de viño na honra do rei de Portugal e mandaban gravar na casa da morada un P (Portugal); os que preferían a nacionalidade española brindaban polo monarca de España e gravaban un G (Galicia) na casa onde ían vivir.

Joâo Gonçalves da Costa é autor dunha obra publicada en 1968 titulada “Montalegre e Terras de Barroso” na que inclúe unhas notas históricas sobre as características da organización política e xudicial do Couto Mixto. Pero foi Luís M. García Mañá quen máis e mellor afondou con rigor en todas elas en “Couto Mixto. Unha república esquecida”, varias veces reeditada.

Esta obra foi o punto de partida para constituírmos a Asociación de Amigos do Couto Mixto, que durante os últimos quince anos traballou arreo para exhumar a memoria colectiva dun pobo e das súas institucións. Axiña foise creando un corpus documental histórico e literario que tivo nos medios audiovisuais o apoio necesario para proxectar ao mundo a historia de tan peculiar territorio. Pódese comprobar tal aserto buscando infomación nos buscadores de internet para atopar centos de referencias.

Esta poderosa forza creadora foi a que motivou que varias instancias parlamentarias se preocupasen pola existencia deste territorio histórico instando aos gobernos español e galego para artellar políticas encamiñadas a poñer remedio ao subdesenvolvemento económico que tollen eses pobos.

Coa finalidade de procurarmos valedores para esas terras a Asociación de Amigos do Couto Mixto creou os nomeamentos de Xuíces Honorarios destinados a recoñecer a persoas e institucións que se teñan distinguido polas súas iniciativas a prol dos pobos arraianos.

O próximo día 4 de xullo, ás 12:00 horas, celebrarase o tradicional acto de investidura dos nos novos Xuíces Honorarios en Santiago de Rubiás. Recibirán bastóns de mando e réplicas das chaves do arcón do Couto Mixto a Alcaldesa de Tomiño, Presidente da Cámara Municipal de Vilanova da Cerveira, José Lamela Bautista e Concepción Sanz Ferreiro. Os Gaiteiros da Raia serán nomeados Vigairos.

A empresa de transporte público Autos Perdíz súmase aos actos coa rotulación de dous autobuses cos nomes de Couto Mixto e Luís Soto, na memoria daquel mestre republicano que tivo que fuxir por Tourém camiño do exilio. Será un día de festa grande, que rematará coma sempre cun xantar popular.

(Xosé González Martínez é Presidente do Foro E. Peinador).
González Martínez, Xosé
González Martínez, Xosé


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PROMOCIÓN
PUBLICACIONES
Publicaciones
Publicaciones Amencer
Revista Egap
Obradoiro de Artesania