Cen anos do nacemento de Ramón Piñeiro
Villares Mouteira, Félix - jueves, 09 de julio de 2015
A lingua vén ser a alma viva do pobo que a fala (Ramón Piñeiro)
O pasado día 31 de maio cumpríronse os cen anos do nacemento de Ramón Piñeiro López (Armea / Láncara 31-05-1915-Santiago de Compostela 27-08-1990).
Coñecín personalmente a Ramón Piñeiro nos últimos anos da súa vida. O primeiro contacto que tiven con el foi, a través de cartas. En concreto foi no mes de xaneiro de 1986 cando no Seminario Santa Catarina de Mondoñedo se estaba a artellar un número monográfico da revista Amencer sobre a egrexia figura de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao. O 30 de xaneiro daquel ano cumpríanse os cen anos do nacemento do ilustre rianxeiro e ese día viu a luz o número extraordinario de Amencer, que, por certo, mereceu que o xornal La Voz de Galicia lle adicase a derradeira páxina. A Ramón Piñeiro, daquela Presidente do Consello da Cultura Galega, pedíramoslle unha colaboración. Axiña nos enviou un breve artigo titulado O exemplo perenne de Castelao.
O segundo contacto meu con Ramón Piñeiro foi poucos meses antes do seu pasamento, cando ía de Vegadeo para Santiago. Parou en Mondoñedo e estivo no Seminario de Mondoñedo e alí tiven a oportunidade de manter unha longa conversa con el. Estaba bastante delicado de saúde. No seu rostro, notábase a enfermidade. Teño que dicir que me impresionou a súa figura. Era unha persoa discreta, cercana, afable, respectuosa; unha persoa culta, cunha grande bagaxe intelectual, que sabía escoitar.
Ramón Piñeiro foi unha figura clave, unha figura fundamental e decisiva para comprender a historia e a realidade política, social e cultural da nosa terra no século XX. Foi quen liderou o galeguismo na parte final do século XX. O seu labor non quedou só nos libros que nos deixou nin nas súas cartas senón no contacto, na súa comunicación e na que poderíamos chamar dirección espiritual ó redor da famosa mesa camilla con todos aqueles que acudían a visitalo á súa casa de Santiago de Compostela.
Pódese dicir, sen medo a equivocarse, que Ramón Piñeiro foi un mestre, un intelectual de prestixio e un político, pero un político diferente, atípico, moi pouco preocupado por acadar cotas de poder. Un político no que deben mirarse os políticos actuais que están, polo visto estes días, a anos luz do ilustre lancarés.
Ramón Piñeiro foi, sen ningún xénero de dúbida, unha figura central da historia política, social e intelectual da Galicia do século XX. A xeito de resumo, pode dicirse que Ramón Piñeiro foi un dos homes bos e xenerosos dos que fala o noso himno.

Villares Mouteira, Félix
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora