Avelino Díaz, un poeta descoñecido
Villares Mouteira, Félix - jueves, 02 de julio de 2015
No ano 2017 cumpriranse os cento vinte anos do nacemento do poeta Avelino Díaz. Por iso, a non hai moito creada Asociación Cultural Avelino Díaz pretende acadar que lle dediquen o Día das Letras Galegas do ano 2017. Pero ¿quen é Avelino Díaz?
Avelino Díaz Díaz naceu ás once da mañá do día catorce de novembro de 1897 no lugar da Travesa de Orrea, lugar pertencente á parroquia de Santa Comba de Orrea, no Concello de Riotorto. Era fillo natural de Antonia Díaz Díaz e neto por linea materna de Manuel Díaz e Manuela Díaz. Sendo moi novo, con dez anos, pasou a vivir na vila de Meira. Despois, con trece anos, emigra cun parente á Arxentina, en concreto á cidade de Bos Aires. Alí traballou e estudiou de xeito autodidacta. No ano 1916 volve a Meira onde é coñecido como O Poeta de Meira. Exerce como mestre en tres aldeas da zona. En 1920, volve para América, pero vai para Cuba. Un ano despois, debido á crise pola baixa drástica do prezo de azucre, deixa a illa caribeña e volve para Bos Aires onde se vai quedar de xeito definitivo.
En Bos Aires casou con Felisa Iduriaga coa que tivo catro fillos e traballou como inspector de sucursais facendo controis de calidade na leitería La Martona. O seu pasamento tivo lugar na cidade bonaerense o 29 de marzo de 1971, cando conta con setenta e tres anos. Foi soterrado no Panteón Social do Centro Gallego de Bos Aires, non moi lonxe de onde respousaban Alfonso Daniel Rodríguez Castelao e Ramón Sánchez Picallo.
Avelino Díaz Díaz en diversas publicacións como El Despertar Gallego, Céltiga, Galicia Emigrante, A Fouce, Compostela, Alborada, A Nosa Terra... chegando a dirixir os xornais Galicia, Lugo e Opinión Gallega. Tamén colaborou en diversos medios de comunicación da Arxentina como La Prensa, La Nación e Crítica. Tamén foi membro correspondente, desde 1951, da Real Academia Galega.
Avelino Díaz Díaz escribiu poemas en galego e en castelán. Nesta lingua publicou Flor de retama (1947) e en lingua galega Debezos (1947) e Pallaregas (1963). Os tres libros foron impresos cos seus propios medios, pero que foron moi ben acollidos pola crítica. En 1972, a título póstumo, a Comisión de Cultura do Centro Lucense publicou 11 poemas a Castelao.
O Poeta de Meira foi un autor moi prolífico tanto en poesía coma en prosa en galego e en castelán. A maior parte da súa produción está inédita ou desaparecida. Trátase dun escritor cunha obra de gran calidade, chea de galeguismo. Podemos dicir que Galicia foi o eixo central da súa obra.
Avelino Díaz é un autor descoñecido que merece a pena recuperar e poñer en valor para o que é necesario publicar de novo os seus libros e a poesía inédita e tentar de recuperar os poemas desaparecidos ou ilocalizados para así achegar a súa obra ó gran público. É, sen dúbida, unha tarefa enorme, pero que merece a pena.

Villares Mouteira, Félix
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora