Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

¿De Veras queremos que a USC sexa unha empresa? ¿As palabras e os feitos?

martes, 30 de mayo de 2006
José Carlos Bermejo Barrera, Catedrático de Historia Antiga
Ramón Fábregas Valcarce, Catedrático de Prehistoria


Os que suscribimos este artigo non somos uns afervoados defensores do neoliberalismo e da libre empresa, senon uns espectadores que asistimos asombrados a un proceso lingüístico polo cal boa parte dos membros da USC teñen decidido falar, e incluso ás veces aparentemente actuar, como se fosen empresarios.
Non imos entrar no feito, en modo algún banal, de que a USC realmente non é una empresa, xurídicamente falando. Non ten propietario, ou propietarios. Pola contra, é unha institución pública, que forma parte da estrutura do Estado, central e autonómico, que é quen a mantén fundamentalmente.
Deixando a un lado esta cuestión, a pesar de ser esencial, quixeramos chamar a atención acerca dun fenómeno lingüístico e ideolóxico que poderíamos denominar o mimetismo empresarial. Ouvindo falar aos gobernantes e a moitos membros da USC, resulta evidente que non entenden os significados dunha serie de termos, pois parecen confundir sistemáticamente as palabras sistema, organización, institución e empresa. Normalmente utilizan sempre a mesma metonimia (toman a parte polo todo) e así parecen crer que unha empresa, que é un sistema, unha organización e tamén unha institución, é una realidade omnipotente, xa que se afirma que todos os sistemas, as organizacións e as institucións son empresas, e hai que tratalos como tal.
Como espectadores e lingüistas afeizoados chámanos a atención que o vocabulario que se implantou non sexa un vocabulario propio da USC, senon outro tomado do mundo empresarial e académico dos EE.UU.
Nos EE.UU, no decurso dos anos noventa do século XX, introduciuse na política e as universidades o discurso da excelencia e a calidade, tomado á sua vez do mundo empresarial. Tratábase dun discurso no que se pretendía racionalizar e optimizar o funcionamento das universidades, seguindo un modelo empresarial. Agora ben, ese discurso traía consigo unha consecuencia: o que se chamou en EE.UU o adelgazamento da universidade, ou sexa, dito en termos máis familiares, a reconversión das universidades. Efectivamente, nos EE.UU., un país que conta con 2.540 universidades, clausuráronse numerosas facultades e procedéuse a despedir, nalguns casos masivamente, a profesores e administrativos, ao tempo que se reducían titulacións e se limitaba o acceso dos alumnos aos estudos superiores. Os estudos máis perxudicados foron o que en EE.UU. se chaman “humanidades”, suprimíndose numerosas facultades de filoloxía, historia, filosofía..., e reducindo claramente o investimento no sustento das universidades.
Pasando de EE.UU. a Galicia e tomando terra na USC hai alguns feitos que chaman a atención, desde un punto de vista empresarial. En primeiro lugar o lema do “adelgazamento de la universidad” non foi asumido por ninguén. Da a impresión de que na USC todos os profesores e os PAS son absolutamente imprescindibles, empresarialmente falando, o que non parece críbel (ainda que sí defendíbel desde puntos de vista políticos e sindicais). Do mesmo modo, na USC e no sistema universitario galego (se é que se lle pode chamar sistema, e non conglomerado) tamén parece non sobrar ningunha titulación. As titulacións duplícanse, triplícanse ou cuatriplícanse, non polas necesidades do mercado de traballo, senon por razóns de enfrontamento entre as tres universidades, polo interese de grupos de profesores e, ainda que cada vez menos, por pugnas localistas.
Dá a impresión de que nen a USC nen nengunha das outras duas universidades están dispostas (alomenos de forma pública) a cerrar nengunha titulación, ainda que non teña alumnos, ou case. E Facultades que viron reducidos os seus alumnos a un tercio dos que tiveron conservan os mesmos cadros docentes.
No mes de outubre de 2005 publicaba The Economist un artigo no que o autor, sen dúbida un partidario duro da libre empresa, propuña que nas universidades non houbese nengún profesor con contrato indefinido, senon que todos eles dependesen da captación de fondos con proxectos e contratos. Os únicos “fixos” serían os xestores, o cal ten senso nunha universidade privada, onde os xestores son propietarios, ou dependen dos propietarios. Pero non nunha universidade pública na que os xestores son elexidos entre os profesores, ou son funcionarios.
Falando en termos empresariais non deixa de chamar a atención que, mentras en España se teñen levado a cabo grandes procesos de reconversión industrial (que afectaron terriblemente a Galicia), limitouse a producción agrícola póndolle atrancos en función dos intereses e os mercados da UE, e mesmo unha organización como o Exército español reduciu drásticamente os seus efectivos, os seus gastos, e reformulou toda a sua estratexia (quedando notoriamente adelgazado), porén non houbo reconversión (adelgazamento) das universidades. Continuaron medrando, a pesar da evidente perda de alumnos, e a pesar de que é sabido por todos que hai un problema de paro e subemprego dos universitarios, que pouco a pouco pasan a militar na xeración dos “mileuristas”, un singular fenómeno social e económico, no cal persoas de titulación superior e alta cualificación e especialización pasan a cobrar uns salarios moi reducidos, que mostran claramente a existencia dun proceso de empobrecemento dos traballadores. O que estaría moi ben, segundo os teóricos da libre empresa, deseñadores de deslocalizacións, que permiten reducir drásticamente os custos salariais.
Resulta evidente que as universidades galegas, e a USC, non se poden deslocalizar. Para a USC non hai procesos de recortes de cadros de persoal, axustes salariais, nen reducción das suas dimensións, sexan cales sexan as necesidades do mercado. A USC deseñou, a veces pagándollelos a consultores privados, planos estratéxicos globais, ou dos seus Departamentos ou servizos. A súa utilidade, no caso dos Departamentos e Institutos foi nula, xa que non se van aplicar. E o mesmo acontece a nivel global. Fronte a unha demanda elástica e fluctuante, a USC exhibe unha oferta, ou ben ríxida ou ben crecente (cando agora a demanda se contrae). Profesores e PAS, laboralmente blindados (nós diríamos que grazas a Deus), ou ben contemplan con indiferenza esta realidade, ou ben, no caso dalgúns dos que dirixen a USC, falan como se vivisen noutro mundo no que as palabras non parecen corresponderse cós feitos, quizás porque non se saiba realmente cal é o seu significado, ou tal vez porque tras dese uso se agochen unhas intencións que non se queren confesar abertamente.
A continuación imos propor algunhas medidas de adelgazamento, que xa se teñen aplicado no mundo anglosaxón, e que na USC e en Galicia a ninguén se lle parecen ter pasado pola cabeza.
En primeiro lugar, dado que o chamado sistema universitario galego depende da Xunta de Galicia e está financiado cós seus orzamentos, habería que proceder a unha reducción, nalgúns casos drástica, do número de Centros e Titulacións aos que atinxiu a caída do alumnado, e que producen titulados destinados ao paro ou ao subemprego. Unha Facultade con tres mil alumnos non pode necesitar o mesmo número de profesores que con mil. Unha Facultade que pasa de ter douscentos ou trescentos alumnos novos cada ano a ter trinta ou corenta non pode seguir necesitando o mesmo cadro de profesores que xa tiña. É evidente que, se se quere ser consecuente coa lóxica empresarial (que nós non partillamos, pero á que apelan constantemente as autoridades académicas), habería que comezar por unha reducción do profesorado, xa fose rescindindo os contratos dos profesores non funcionarios ou procedendo a prexubilacións, como se ten feito na agricultura, a industria e o Exército.
Ao anterior poderíamos engadir que, se se disminuise o número de materias optativas e se establecese (onde haxa una suposta demanda, xa que en moitos casos a realidade demostra o escaso interese dalguns estudos) un numerus clausus de alumnos consonte ás necesidades do mercado, logo esa reducción ainda podería ser moito maior.
O mesmo ía acontecer cós PAS. Non parece empresarialmente viábel que cando una empresa reduce a sua actividade e perde mercado sexa necesario manter exactamente o mesmo cadro de persoal. ¿Non se podería racionalizar empresarialmente a xestión? Se se di que se quere facer, ¿non se deberían tamén prexubilar traballadores e rescindir contratos? Se se fala constantemente como se un fose un empresario, ainda que xurídicamente non sexa o propietario da universidade (ou sexa o dono, a pesar de que, a xulgar por algun dos seus comportamentos, algúns crean selo), entón hai que obrar en consecuencia.

Se se actuase así, ou sexa, dacordo có que se predica, poderíase dirixir o diñeiro dos custos salariais, que consumen unha parte desproporcionada do orzamento universitario, noutro tipo de investimentos, destinados á docencia e á investigación, que son as funcións propias da universidade.
Unha vez que quedou claro que existe unha retórica empresarial, claramente copiada e non orixinalmente elaborada, que non se corresponde coa realidade, porque, entre outras cousas, non parece verosímil nen críbel que se quixese aplicar, poderíamos pasar a nosa análise a un segundo nivel, no que o choque entre as palabras e os feitos, a linguaxe e a realidade da lugar a algunhas contradicións flagrantes e á creación do que poderíamos chamar auténticos “mitos empresariais”.
Comezando polas contradicións, é curioso que cando na USC se comproba que existe unha xigantesca débeda (¿40, 50, 60 millones de euros?, a recente campaña electoral non no lo aclarou como é debido), se proceda simultáneamente a afirmar que ninguén é responsable da mesma (ou en todo caso, que os responsables sempre estarían fora da institución). Nengún propietario de nengunha empresa admitiría que os xestores e directivos da mesma non tivesen responsabilidade algunha na xeración dun grande déficit, ou que a culpa é das outras empresas. Eses directivos serían despedidos, e non recompensados, nen relegados a un discreto segundo plano dentro da mesma empresa.
Do mesmo xeito tamén parece curioso que a reducción do cadro de profesorado se reduza á “prexubilación” voluntaria de máis ou menos unha ducia de profesores, aos que se fai eméritos e se continua pagando parte do seu salario. Tería lugar un auténtico milagre económico, se en lugar de procederse aos despidos masivos aos que os empresarios nos teñen acostumados, a USC conseguise solucionar os seus problemas salariais coa prexubilación dunha porcentaxe ridícula de profesores en condicións gravosas para a empresa.
Como os datos acerca da débeda da USC non son de fácil acceso, e como cada vez se teñen dado dela cifras contradictorias, non é posíbel saber cómo en catro anos se puido “solucionar” este problema. Pero se examinamos as declaracións públicas do responsábel económico da USC, da a impresión de que o milagre simplemente consistiu en que a USC deteña a carreira acelerada de endebedamento, equilibre máis ou menos ingresos e gastos, e polo que atinxe ao que debía (a cantidade é diferente en cada declaración), fique como estaba.

O milagre económico ten claramente os seus efeitos e os problemas anteriores resólvense como por ensalmo. Así, por exemplo, era evidente hai uns anos que para ser profesor emérito (como recompensa a unha vida adicada á investigación e á docencia e para aproveitar o potencial investigador dalguns profesores) debía o profesor xubilarse aos 65 anos e ser emérito ata os 70. Agora xa se poden retirar aos 70 e ser eméritos ata os 75, unha vez que os poucos prexubilados contribuiron sustancialmente a resolver o problema da débeda multimillonaria da USC, da que parece ser eran responsables os profesores de máis idade.

A pesar de que a débeda permanece como está, non por iso a USC deixa de manter unha política acelerada de construcción de edificios, cada vez máis específicos e destinados a grupos de investigación cualificados de “excelentes” e que son os protagonistas da trama narrativa do mito do grupo de investigación-empresa.
Desde hai alguns años os voceiros da retórica empresarial crearon uns entes ficticios que son os chamados grupos de investigación rendíbles, que se caracterizarían por se oporen aos grupos de investigación gravosos, irrendíbeis, e - ¿por qué non dicir o que alguns pensan?-, parásitos.

Dacordo con este mito universitario, eses grupos “viven do mercado” e poderían subsistir nel, pero deciden non facelo e contribuiren así gratis et amore á financiación da USC.
En primeiro lugar hai un feito que empresarialmente chama a atención: se eses grupos poden vivir no mercado como empresas e obter pingües e legais gaños ¿por qué non o fan? ¿Acaso por filantropía?
A realidade é un pouco máis complicada, entrevista polos datos que a propia USC fornece. No mes de abril de 2006 informa o Vicerreitor de Investigación da USC que o noventa por cento dos recursos externos que capta a USC provén do Estado central e autonómico, ben sexa por proxectos ou por contratos, e apenas o dez por cento se obtén do mercado libre. Iso quere dicir que a USC, unha institución estatal, non só cubre case a totalidade dos seus gastos salariais e de mantemento, construccións, etc..., a través do orzamento estatal, senon que a sua política de captación de recursos é unha estratexia de negociación e captación de diñeiro que procede da renda estatal e non do beneficio empresarial.

Confúndese, pois, diñeiro con mercado, e captación de recursos con actividade empresarial. Pero non só iso. Un mítico grupo de investigación-empresa non sería viábel no mercado (se o fose os seus promotores xa terían abandonado a USC) polas razóns seguintes. Na súa suposta tabela de inputs-outputs non se computan os salarios dos seus membros, que case na súa totalidade (sobre todo no caso dos salarios altos) cóbrese coas nóminas da USC. Nengún deses grupos-empresa (supondo que verdadeiramente capten os seus recursos do mercado libre, e non de concesións da administración pública, da que a USC forma parte) podería construir o seu propio edificio, tras adquirir os terreos, pagar os seus gastos de mantemento e os impostos correspondentes aos seus traballadores (se non son bolseiros, nova forma de servidume, ou traballadores con contrato-lixo) e á propia empresa.
Nengún deses grupos se autorregula, ou cerra, se nun determinado momento ten que se enfrontar a unha falta de contratos. En todo caso o prexuizo atinxiría aos bolseiros, pero non ás cabezas do grupo, salarialmente blindadas.
Pero é que alén diso, e iso resultaría moi grave desde un punto de vista mercantil, eses grupos utilizan a marca USC, e é baseándose nela como conseguen os seus contratos, xa que os avala o prestixio desta institución. Dirásenos que como compensación de todo iso a USC retenlles a eses grupos unha parte do seu orzamento para utilizalo nos fins comúns, a veces con malestar por parte dos directores de eses grupos-mito, que soen chamar agarimosamente a esa retención “imposto revolucionario”, dando a entender con iso que podería ser abusivo.

En realidade, se se fixese un balance do que a USC retén e o que cada grupo recibe (como nóminas, infraestructuras, gastos de luz, agua...) poderíase comprobar que todos eses grupos son económicamente inviábeis (en menor medida os de Humanidades por teren normalmente máis baixos custos de funcionamento). No año 2002, a USC calculóu o custo das suscricións de revistas científicas por Facultades, e tentóuse ver se cada Facultade podería sufragar as suas revistas có “imposto revolucionario” que os proxectos e contratos de todo o seu persoal xeraban.

O resultado foi o seguinte: Cinco facultades (Química, Física, Biolóxicas, Matemáticas, Medicina y Farmacia) consumen o oitenta por cento do orzamento de revistas da USC. Na cima situabase Química, cun gasto anual de uns sesenta milones de pesetas. Só neste caso o “imposto revolucionario”da facultade podería cubrir case todo o seu gasto de revistas. As outras catro non. Algunha facultade intermedia en gasto, como Xeografía e Historia ou Filoloxía, con orzamentos de seis e oito millóns de pesetas respectivamente, podería cubrilo ás veces.
Se prácticamente nengunha facultade podería autofinanciar as suas revistas, ¿qué dicir, non só xa dos seus libros, senon de todos os custos salariais ou do custo e a conservación dos seus propios edificios? E o que se di das facultades tamén se pode dicir dos grupos-empresa míticos, cuxos custos se incrementan exponencialmente cando a algúns deles haxa que lles construir un edificio.
Se os supostos xeradores de riqueza no “mercado libre” non son viábeis á marxe da USC (e se o son que marchen e o demostren), se a USC como institución que presta servizos básicos á sociedade galega non é unha empresa rendíbel, primeiro porque non é realmente unha empresa, e segundo porque o Estado ten a obriga de cubrir servizos que por definición non poden ser rendíbeis (como a sanidade pública, a defensa, a educación pública ou o sistema de pensións) logo ¿por qué os seus dirixentes falan como se fosen empresarios? Un empresario que non só falase, senon que tamén fose consecuente có que di, afirmaría que a USC é unha institución que forma parte da asistencia pública, que paga máis persoal do que necesita (non cremos que a ese empresario lle fose moi dificil prescindir dun tercio o un cuarto dos profesores e outro tanto dos PAS) e que entretén a miles de xoves retrasando a sua entrada no mercado de traballo, maquillando así as cifras de paro.
Se de veras queremos que a USC sexa un empresa non falemos só “como si” fóramos empresarios, senon que sexamos consecuentes. ¿É que alguén quere que a USC sexa unha empresa? Ao mellor algúns empresarios de fora da USC sí, pero dentro dela ninguén que sexa coherente, ben sexa por defender os seus privilexios, ou porque sexa consciente de cales son as verdadeiras naturaleza e funcións da universidade.
A USC é una institución cunha estructura administrativa e económica que seica non funciona moi ben. O Sistema Universitario Galego non é un ente integrado, senon un conglomerado de centros e titulacións explicábel máis por circunstancias históricas, políticas, locais, ou por intereses de grupos de profesores que promoven a sua implantación que por cualquera tipo de racionalidade académica.
Que algo sexa razoábel non quere dicir que teña que ser rendíbel. O que moitos membros da USC e moitos galegos queremos é que se diga o que se fai, se faga o que se pensa, e que se pense, cando se trata das institucións públicas, en función do ben común ou do interese xeral.
Cando non se di o que se pensa, e se fala contradicindo o que un fai, é que non se quere dicir o que un quere. E cando un non quere dicir o que quere, é que quere agochar algo ¿Acaso hai algo que ocultar?
Fábregas Valcarce, Ramón
Fábregas Valcarce, Ramón


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES