Ainda que a publicación deste comentario parece extemporáneo polo tempo transcurrido desde entón, segundo aquel adaxio que di que auga pasada non move muíño, tamén é certo que o recoñecemento dos erros pasados pode contribuir a evitar a súa futura repetición.
No derradeiro número do prestixioso anuario "Estudios Mindonienses", o correspondente ó ano 2014, aparece publicado un interesante traballo baixo o

título "Ubicación y fisonomía de cabildos y audiencias públicas en la catedral de Mondoñedo (siglos XIII-XV)", traballo da autoría de Manuel Antonio García Lamas. Un interesante e ben documentado estudo no que o autor describe as diferentes vicisitudes históricas polas que atravesaron as diversas dependencias que tivo a catedral de Mondoñedo dende a súa construción inicial e ao longo de todo o baixo medievo. Nese estudo fai, ademais, alusión o autor ás derradeiras reformas levadas a cabo na catedral nos anos 1964-1965 co gallo de adaptar a súa funcionalidade ás esixencias das novas normas litúrxicas emanadas do Concilio Vaticano II.
Na execución das obras desta derradeira restauración, levadas a cabo nos anos 1964-1965 baixo a dirección técnica do arquitecto restaurador do Ministerio de Cultura, Francisco Pons Sorolla, e executadas pola empresa luguesa Varela Villamor S.A., cometeuse o grave erro de prolongar ata a basa das columnas as columnillas primitivamente cortadas que daban cara a nave central do templo. Un grave erro do mencionado arquitecto ó pretender deste xeito corrixir con esta prolongación a parte inferior que faltaba nas devanditas columnillas, que quedaran cortadas a media altura na súa execución dende os tempos da súa construción. Un desacerto cometido, ó parecer, por mor da crenza do arquitecto -aliquando bunus dormitat Homerus - de que estas columnillas foran cortadas mais tarde para poder instalar no seu lugar os púlpitos e tornavoces, así como a escaleira de acceso ós órganos, elementos estes finalmente eliminados todos nas citadas obras de restauración.

Unha equivocada e lamentable actuación da que o autor do traballo aparecido no citado anuario, Estudios Mindonienses, se fai eco coa reprodución dunha nota a pé de páxina do seguinte texto, que o autor atribúe ó historiador E. Cal Pardo: Se rehicieron de granito muchas semicolumnas que habían sido destrozadas para adosar los púlpitos o el coro
.
O que non parece ter explicación razoable é a pasividade adoptada polo cabido, composto por cabezas tan lúcidas, fronte a tan grave e inxustificada alteración do estilo arquitectónico cisterciense, baixo cuxa influencia a catedral foi inicialmente constuída. De feito non hai constancia de que fora formulada a máis mínima obxección ó proxecto de rehabilitación presentado polo arquitecto responsable. Un inexplicable abandono e desidia por parte de quen tiña a obriga de vixiar e velar polas obras da catedral.
Se a actuación levada a cabo polo citado arquitecto, Sr. Pons Sorolla, merece a cualificación de moi aceptable no seu conxunto, non se explica que caese no erro lamentable de alterar a forma das columnillas que dan a nave central. E iso porque as columnillas da catedral de Mondoñedo, suspendidas no aire, é dicir, cortadas a media altura e sen prolongación ata as basas das columnas, respondían ó máis puro estilo arquitectónico cisterciense, que se facía deste xeito presente nesta catedral. Pois, unha das características propias deste estilo é que as columnillas que dan a nave central queden cortadas ou interrompidas a media altura sen chegar ata súa basa, como suspendidas no aire. Unha característica propia do estilo arquitectónico co Cister, do que hai moitos exemplos estendidos por Europa adiante, como a igrexa abacial de Pontigny, en Francia, e mesmo aquí en España a de San Lourenzo de Carboeiro, en Silleda, ou a de Veruela, en Zaragoza, entre outras, sen mencionar a que está máis preto de Mondoñedo, a veciña igrexa abacial de Meira, a solo 50 quilómetros. Esta igrexa foi construída no entorno dos anos 1150, e polo tanto xa estaba edificada cando, a partir do ano 1219 se empezou a levantar a catedral de Mondoñedo sobre da que ben puido ejercer a influencia do seu estilo.
Todas elas dan testemuña deste estilo arquitectónico de transición do románico ó gótico, adoptado polo Cister, cuxo obxectivo era crear a sensación da inmaterialidade do espazo, deixando como suspendido no aire o volume pétreo, pra suscitar desta maneira nos fieis unha atmosfera de espiritualidade e inmaterialidade propicia para a pregaria dos monxes. Un estilo concibido para reflectir o ideal de espiritualidade da Orde do Cister, transmitindo ós monxes deste xeito un ambiente de recollemento, de espiritualidade e de oración na súa vida contemplativa, illándoos do mundo mediante a inmaterialidade dos elementos construtivos e da distracción producida polos adornos que puidesen distraelos, como as pinturas, as esculturas ou as vidreiras cromáticas, escasamente presentes no estilo cisterciense e que máis tarde serían a característica propia do gótico.
E todo isto en correspondencia co ascetismo relixioso propio da Orde do Cister.