Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Filgueira Valverde e a lingua galega

jueves, 25 de junio de 2015
A Real Academia Galega acordou dedicarlle o Día das Letras Galegas de 2015 a Xosé Fernando Filgueira Valverde. Acordo que foi cuestionado por algúns que, mesmo, puxeron en dúbida a liberdade de elección dos académicos. Coido que, se un home que ten máis de dúas mil publicacións entre libros e folletos (máis de 300) e artigos (máis de 1000), moitos (616) recollidos nos nove tomos dos «Adral», e as dúas mil cincocentas intervencións públicas en conferencias, cursos, congresos etc..., non merece que lle dediquen o Día das nosas Letras ¿quen o merece?

Filgueira Valverde era un polígrafo, un xigante da cultura deste país. Como nos dixo o seu fillo Fernando: “Era un pozo de sabenza, e degoiraba comunicala. As conversas con el eran unha regalía, sempre deprendías cousas (…) O labor de Filgueira Valverde no eido das Letras e a Cultura Galega e no de loitar na súa vida por facer País é moi importante, e poucas persoas con coñecemento da súa obra e o seu labor a prol da cultura poden poñer en dubida a súa idoneidade para tal honor (1).

Filgueira Valverde sempre foi un defensor da lingua galega en todos os ámbitos. Nunha carta súa que foi publicada en Amencer dicía: “Hoxe, 17 de maio, é o “Día das Letras Galegas”, maxinado co anceio de que teñamos como días da nosa fala todos e cada un dos que ten o ano. E ¿como imos logralo? Valéndonos a cotío dela, lendo os nosos grandes escritores, tendo libros deles, servindo afervoadamente a Galicia”(2).

Un papel moi importante de Filgueira a prol da nosa lingua foi cando en 1970 se debatiu nas Cortes Españolas a “Ley General de Educación” cunha intervención súa en galego defendendo o seu uso no ensino como lingua vehicular. Tamén tivo moito que ver na elaboración e na aprobación da Lei de Normalización Lingüística en 1983, cando era Conselleiro de Cultura.

“Para Filgueira, Galicia é a Lingua. A lingua é a nosa identidade coma galegos; se a perdemos, deixariamos de existir como pobo. O compromiso con ela é individual, para soerguela soamente temos que falala” (3).

Como escribiu o profesor Alonso Montero, presidente da Real Academia Galega: “A obra do ilustre polígrafo pontevedrés constitúe un dos grandes capítulos da cultura galega do século XX” (4).

NOTAS:
1.Amencer, número 228, 17 de maio 2015, páxinas 4 e 8.
2.Amencer, número 28, 17 de maio de 1985, páxina 4.
3.Amencer, número 228, 17 de maio de 2015, páxina 10.
4.Ibidem, páxina 12.
Villares Mouteira, Félix
Villares Mouteira, Félix


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES