Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

O alcalde d'garrotea

miércoles, 24 de junio de 2015
Ten a toponimia galega -e a microtoponimia aínda máis- nomes singularmente sonoros, que falan moi ben das artes que tiñan os nosos antepasados para poñerlles nomes ós lugares e ós espazos, ás aldeas e outros asentamentos poboacionais.

Falan ben diso e demostran que o noso idioma é -como ben dicía Castelao- unha obra máis importante aínda cá catedral de Santiago, pois, do mesmo xeito cá catedral compostelá, está construído pedriña a pedriña -palabra a palabra-, pero con moito máis vagar. Non en van, aquel que un día de hai moitos anos -probablemente séculos- decidiu comezar a chamarlle "Arrotea" a aquel lugar onde el ou calquera seu veciño levantaron o primeiro casal, é exactamente o mesmo ca se un mestre canteiro de calquera catedral fixera as molduras en pedra de calquera rosetón gótico ou mesmo de calquera outro capitel románico.

Non sei, pois, o que significa ou de onde provén a palabra Arrotea (probablemente algún lingüista coma o meu colega Afonso Vázquez-Monxardín nolo poida contestar), pero si sei onde está a hoxe practicamente abandoada aldeíña, alí a carón da estrada que camiña cara as terras altas de Milmanda (outra sonora rareza eufónica), denantes mesmo de cruzar as augas do río Tuño, no itinerario montaraz que enfía a serra do Leboreiro, onde nacen tódalas cousas destas terras arraianas sen par.

Pero "Arrotea", agora, forma parte tamén das artes escénicas galegas, logo de que por obra e gracia de Manuel Caldas, o director do taller de teatro da Fundación para a Protección de Discapacitados Psíquicos da Terra de Celanova, a pasada fin de semana estrearan no Auditorio Ilduara unha obra que alguén debería facer o posible para que puidera circular polos escenarios cando menos da provincia, co fin de demostrar que os seus compoñentes non só son "discapacitados", senón que están moi ben dotados para a arte da representación e, polo tanto, da propia vida, malia que nalgunhas cousas -como a todos nos acontece- precisen de guía ara se orientar.

"O alcalde d'Arrotea está aquí para o que sea", repite con frecuencia Coté, un dos personaxes do elenco representativo, que encarna ó voluntarioso alcalde dun pobo con casa de turismo rural ou, se se quere, con casa de turismo singular.

Ó rematar a montaxe escénica felicitei a Coté e propúxenlle facer unha entrevista para que me falara da súa experiencia na "alcaldía", agora que outros andan a dar os primeiros pasos en labor tan fundamental. Felicitei a Coté, pero en realidade -por iso o fago público- debín felicitar a todo o colectivo da Fundación e desexarlles tan boa andanza no teatro da vida coma no escenario. E, xa de paso, recomendarlle ó "alcalde d'Arrotea" que fale cos seus colegas para que toda a provincia saiba o tremendamente capacitados que están.
Piñeiro, Antonio
Piñeiro, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES