Lembranzas dunha vida (66)
Rodríguez Cabanas, M. Francisca - miércoles, 24 de junio de 2015
A malla en Galicia, nos anos corenta do século pasado
Recoller o centeo e o trigo era moi traballoso, pola calor que facía. Había que segar, atar. Ir pola fresca da mañá e da tarde, pois, se non, caía o gran coa calor. Poñíase no medeiro, na leira. Logo, xa coa aira varrida, traíase en carros para a casa. Había que esperar polos días claros e calorosos. Este traballo, case sempre se facía a finais de xullo ou a primeiros de agosto. Os mollos facíanse pequenos, pois mallábase á man, na aira. Poñíanse os mollos coas espigas ao sol. Logo, estaban así unha hora ou máis, e, despois, empezábanse a mallar contra unha pedra grande, igual a un lavadoiro para lavar a roupa, batindo alí os mollos. Os grans saltaban pola pedra abaixo. Tamén os repasaban cun fungueiro para que non quedara ningún gran.
Como rompían algunhas pallas con espigas sen lles caer os grans, estas poñíanse a un lado, e mallábanse co mallo, que era unha ferramenta, co mango longo; no remate, tiña un pau, duns cincuenta centímetros, que daba voltas no aire, e caía enriba da palla para que saltaran os grans. Era un traballo moi duro.
Recollíase a aira. O gran, sen limpar, poñíase en huchas ou en pilas no piso para cando viñera a limpadora. Recoller a palla para a palleira, varrer a aira para mallar para o outro día. Quedaba a xente cansada, pois era un traballo que había que facer cando máis quentaba o sol. Pero, aínda así, a xuventude ía ás festas, pois, nestas datas, había moitas festas do patrón.
Despois, viñeron as máquinas de mallar. Todo cambiou.

Rodríguez Cabanas, M. Francisca
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora