Arde Lucus, creando tradición
Santalla, Iago - miércoles, 24 de junio de 2015
A pasada fin de semana celebrouse o Arde Lucus MMXV, unha tradición que, ano tras ano, medra en afluencia de xente convertendo a Lugo por tres días na capital da Gallaecia, como foi no pasado. Impresiona ver rúas ateigadas de xente que vive a festa dun xeito identitario, impulsando ao mesmo tempo o comercio e a hostalaría local. É curioso como unha iniciativa así fai agromar negocios como os das costureiras ou xastrerías. Polo tanto, hai que recoñecer o impacto positivo que tivo na cidade de Lugo e que se estende incluso ata o cerne da autoestima colectiva.
Vivín de primeira man o rexurdir do Lugo romano que vén do ano 2000, cando a Muralla é declarada Patrimonio da Humanidade. Arredor deste feito crucial na historia de Lugo, prodúcese todo un rexurdir da época romana aparecendo, incluso, os importantes mosaicos da rúa Dr. Castro e a necrópole de San Roque, entre outros. Tamén podemos falar do Centro de Interpretación da Muralla, onde o gran símbolo de Lugo cobra unha dimensión especial ao ser portador de historias transxeracionais das que só o adarve foi testemuña. Gústame moito lembrar cantos primeiros amores tiveron como testemuña muda a Muralla. O certo é que é un símbolo que todos os lugueses levamos no corazón e que custa crer que nos anos sesenta estivese a piques de ser derrubado no acalorado debate murallismo-antimurallismo.
Por sorte, nesa ocasión gañou o sentido común e hoxe temos un Lugo orgullosos do seu pasado romano. Un pasado que volve cada mes de xuño en forma de festa cultural, gastronómica e, ante todo, lúdica que nos transporta e nos transforma nun pasado que nos fai ser o que somos e como somos. De novo, este ano, imos gozar dun programa inasequible por que é imposible ir a todo e iso quere dicir que é un programa á altura de todos os públicos.
Crear tradición é asumir o risco da interiorización colectiva porque todo proceso de recreación cultural precisa a aceptación e seguimento da cidadanía á que se dirixe. Este é un risco imprescindible que todas as administracións deberían practicar porque nel veñen boas oportunidades de desenvolvemento local e todos deberíamos ser un á hora de asumir este risco. No caso do Arde Lucus, cada vez vese máis que era posible e que a raizame do patrimonio endóxeno aínda agroma grandes oportunidades de futuro. Polo tanto, trátase de innovar sobre o que fomos e o que somos porque aí gárdase a esencia única que nos presenta ante o mundo como orixinais e como unha luz propia que chama a ser visitada con calor acolledor. Que queden moitos Arde Lucus máis e que xurdan iniciativas culturais innovadoras, capaces de constituír un alicerce no desenvolvemento dos pobos.

Santalla, Iago
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora