Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Resultados electorais, pactos e interrogantes

lunes, 22 de junio de 2015
Agora xa podemos partir de feitos reais, non só de lerias televisadas. Os xornais e televisións fixeron balances provisionais e matinacións sen fin. Xa ollamos a hora das decisións políticas xa consumadas, mais aínda seguimos outeando as expectativas provisionais ata que os novos engrenaxes políticos empecen a actuar. Os resultados electorais foron sorprendentes, claros e confusos á vez. E agora os pactos resultaron aínda máis enguedellados. Todas as raias vermellas saltaron polos aires. A credibilidade da linguaxe política quedou bastante maltreita.

A longa precampaña, convertida en saturación, e posteriormente a campaña oficial, converteron a linguaxe, despois de estigmatizar ós adversarios, en frases feitas e slogans case semellantes en todos os partidos: fora a corrupción, loita contra o paro e contra a pobreza, servizo ó pobo, rexeneración da política, transparencia... e así sucesivos axiomas de promesas abstractas. A loita contra o desaloxo da vivenda foi a matinación central das marcas de Podemos. Quen non está de acordo con estas boas intencións? O problema está en darlles forma e contido e saber que hai detrás. Mais había dúas raias vermellas: nada de tratos cos cómplices dos terroristas e fora as ideoloxías totalitarias. A rexeneración parecía estar en marcha.

Os resultados electorais foron en parte previsibles, en parte sorprendentes. A dispersión de candidatos, votos e concelleiros, en teoría, significou maior oferta de ideas e unha ascendente participación cidadán; e esa dinámica tivo, en principio, unha valoración positiva. O primeiro efecto foi que se rompeu o monopolio ou duopolio reinante que en moitos casos convertérase nun control total da vida pública, coma se fora un patrimonio privado de vellos grupos inamovibles. Moitos dos trucos da corrupción xurdiron e aniñaron nesas situacións de poder case absoluto, sen os controles nin os contrapesos necesarios. A abundancia de grupos políticos pode supoñer un rexurdir de iniciativas para o desenvolvemento do ben colectivo, mais sen que as confrontacións partidarias paralicen a dinámica municipal. O problema pode estar niso que se chama a ingobernabilidade, debido a inexperiencia, as disensións e as ocorrencias ideolóxicas ás que son proclives os novatos.

E chegou a hora das negociacións e pactos. Do dito na campaña apenas quedou nada, nin tan sequera as raias vermellas da complicidade cos terroristas e cos posibles totalitarismos. A linguaxe non se rexenerou, senón que se deteriorou, pois algúns líderes supremos dixeron exactamente o contrario do prometido. A impresión de que estaban negociando cargos e prebendas tamén se fixo visible. Pero houbo que facer virtude da necesidade, con pactos para todos os gustos e desgustos. A situación resolveuse momentaneamente, mais, ante a cidadanía silenciosa, todos están baixo vixilancia: que farán, no terreo simbólico e práctico, as diversas esquerdas? Como reaccionará a dereita agora desprazada? Realmente todo segue aínda no aire, desde as grandes ilusións ata as posibles decepcións.

Agora xa estamos na hora da verdade. Polos froitos os coñeceredes, dinos unha das coñecidas regras de ouro. A maquinaria político-administrativa ten que empezar a funcionar, e pouco a pouco irá mostrando e demostrando a pelaxe de cada persoeiro e de cada grupo resultante dos pactos. Que farán de aquí ás eleccións xerais? O máis probable é que proliferen abundantes actos simbólicos, mais sen moita transcendencia real, pois hai que esperar o asalto ó cumio do sistema dentro duns meses. Mentres tanto haberá algún axuste de concelleiros con abundantes liortas mediáticas, como estamos vendo en Madrid. Todo ese xogo considérase lexítimo e necesario, en nome da prometida rexeneración. Visto desde o terreo teórico, que está pasando aquí? Que significan socialmente estes cambios? Son unha rotación de xeracións? Son unha simple reorganización de grupos políticos? Son unha reedición de vellas ideoloxías? Son realmente un cambio cualitativo máis profundo? O escenario irase despexando paseniño.

É tempo de espera desde o miradoiro máis accesible. Na vila e corte, espello e escaparate das Españas, xa vimos as primeiras escaramuzas. Agora tócalle ó equipo de Dona Manuela limpar os espazos públicos e asfaltar as rúas agretadas disque co gallo da crise. A nova alcaldesa puxo o acento no servizo ós grupos máis débiles da sociedade madrileña. Que fará coa Cañada Real onde os nenos, desde hai moitos anos, chapuzan no barro entre ratas e droga? Que fará coa prostitución? Que fará cos postos de drogadicción? Que fará cos sen teito? Que fará cos desaloxados? Que fará coas familias monoparentais en exclusión? Aí estará a proba definitiva da súa ideoloxía verbalmente ben intencionada.

Quixera dedicar unhas palabras ás corporacións locais da Galicia rural. O pluralismo tamén se asentou nese espazo social con concelleiros de catro ou cinco candidaturas en cada concello. Ademais de varrer as rúas e parchear as “pistas” rurais, que obras e actividades culturais van facer? ¿Que sensibilidade van manifestar ante a desaparición acelerada de multitude de explotacións gandeiras? Que van facer ante a Lei de Reforma da administración municipal que os deixa sen competencias? A incorporación de novas persoas a política local significa unha ansia positiva de participación, unha riqueza en si mesma; mais cómpre saber se esas novas corporacións teñen só un plan localista ou tamén un proxecto e unha visión de conxunto cara a onde debe camiñar a sociedade rural galega. Despois de ver o reparto de cargos, fitaremos o proceso das actividades municipais cos seus efectos reais, simbólicos e mediáticos. Agora empeza unha nova democracia de xestión. Veremos se todos os grupos pactados se incorporan a ela ou resulta outra cousa inesperada.
Pérez López, Xenaro
Pérez López, Xenaro


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES