Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Sombras resinosas

sábado, 20 de junio de 2015
“Había que escoller e estabamos en guerra. Europa enteira estaba en guerra. Ou eras cabalo ou eras lobo. Na guerra ou na vida, tanto ten”.

Velaí o sentido que encerra o título da novela de Fran P. Lorenzo Sombras resinosasdistinguida na pasada convocatoria do Premio Blanco Amor, Cabalos e lobos, narración coa que o xornalista vigués se estrea nos eidos da escrita de ficción.

Sorprende, para ben, a habelencia hibridadora que estas páxinas revelan. Fusión no xenérico (entre o psicodrama e o thriller histórico, abalando dende a escrita de Eros ao documento social), no estrutural (coas incorporacións do relato epistolar e o parateatral, tamén as insercións poéticas) e no conceptual (problematicidade da non aceptación ou desamparo sexual; revisión de lacerantes divisións entre clases sociais; mesmo contrapuntos xeracionais), pero, sobre todo, un dicir palpitante da loita da vida por superar tanta morte, tanta devastación, tan grande orfandade como ensombrece os individuos que cruzan estas planas.

Segredos. Segredos inconfesables, cobizas e paixóns fóra de control poñen en marcha unha engrenaxe de mentiras e encubrimentos, de medias verdades e silencios que abafa os protagonistas desta sorte de concentrada saga familiar, ambientada en diferentes tempos (os anos 30, 60 e 70 do século pasado e o 2007 dende o que se nos conta memoristicamente) e espazos (a Alemaña alleada coa vesania do III Reich e o Vigo da Posguerra, principalmente).

Agradécese nesta obra o esforzo por anoar con firmes tanzas os escenarios múltiples e as épocas alternantes, a capacidade para xunguir voces narrativas e puntos de vista, a segura direccionalidade que conduce todo o relato cara a unha fin certa.

Por tanto, as ocasionais reiteracións léxicas, a grandilocuencia expresiva dalgunhas pasaxes, mesmo os contados saltos de rácord detectables son veniais nun conxunto que agrada pola súa destreza en facer de Vigo un personaxe máis —e non o menos importante— da propia trama.

En efecto, a cidade e o seu tempo funcionan como un cronotopo no que Sombras resinosasos personaxes desenvolven a súa personalidade actancial. Tanto é así que a editorial, Xerais, dispuxo que as lapelas e cubertas interiores do volume figurasen forradas cun mapa urbano no que se salientaron algúns dos espazos e construcións determinantes na historia: Gran Vía, A Privada Moderna, Edificio Albo etc.

Moita —e boa— literatura alimenta este Cabalos e lobos: nos paratextos (velaí as citas iniciais de Ramiro Fonte, Helena de Carlos e Jaime Gil de Biedma), mais tamén nas visións dos personaxes, nas súas lecturas, nas súas citas e alusións, que debrocan polos parágrafos o “poeta galego de vangarda, a bordo dun paquebote”; “a roca de Margarida a fiar a súa mágoa e a súa paixón por Fausto”; “o señor Cunqueiro” na súa casa do Faro de Vigo; a Delphine de Madame de Stäel e as Espèces d’espaces de George Perec; as “belidas” dos nosos trobeiros medievais; o For Whom the Bell Tolls de E. Hemingway; “la mer, la mer, toujours recommencée” de P. Valéry; a narrativa amorosa de Tolstoi; Os mandaríns de Simone de Beauvoir e Os amantes sem dinheiro de Eugénio de Andrade; a Alba de Gloria de Castelao e, sobre todo, a Sombra do aire na herba de Luis Pimentel, artífice de versos inesquecibles que sustentan e aínda nutren as ardencias e complicidades coas que Cupido enlea os afectos homoeróticos dalgúns dos protagonistas.

Ben lucido arrinque o de Fran P. Lorenzo neste Cabalos e lobos, narración intensa na que as sombras resinosas do pasado destilan cicatrices sempre dolorosamente abertas.
Requeixo, Armando
Requeixo, Armando


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES