Lembrando Adolfo Bravo Lozano
Suárez Suárez, Manuel - domingo, 21 de junio de 2015
Prezado Adolfo: Fágoche chegar unhas liñas desde a beiriña da praza do Obradoiro para desculpar a miña ausencia no acto recordatorio que agora mesmo están a celebrar os teus amigos e familiares en Bos Aires. Ti ben sabes que desexaba estar aí no Valle Inclán para aplaudir a Virginia. Aquí embaixo, neste teu curruncho galego, imos amodiño cara ao verán que agardamos veña cheo de sol para escorrentar a humidade dos ósos.
Sei que estás sorprendido polo CABODANO conmemorativo pero tes que aceptar que fuches un moi importante promotor da cultura galega na Arxentina. O teu estilo de boa onda, sempre cun sorriso, fixo reflexionar a miles de herdeiros na nosa terra que vivían afastados dos cantares de Rosalía de Castro. A túa paixón galega ten agora centos de seguidores nos agradecidos alumnos de Avellaneda e da Prata. Sen esquecer aos namorados de Galicia por viaxar da túa man. E así, meu amigo, non esaxero nadiña.
O fillo maior de don José de Dumpín é recordado con fondo agarimo desde os montes dos Ancares ata os penedos de Pasarela. En todas as aldeas lembran a túa conversa de comprometido defensor do noso rico patrimonio artístico e natural. Non había muíño que non quixeses coñecer. Non había auga da fonte que non quixeses beber. Nos teus roteiros por Galicia ías en aliaxe coa paisaxe e por iso podías trasmitir harmonía aos teus compañeiros de viaxe.
Teño moitas mensaxes para ti de amigos e coñecidos pero non debo estenderme xa que os asistentes que rebordan o Valle Inclán están agardando para aplaudir un novo tema de Virginia. A voz da túa sobriña lévache a máis fonda aperta de amistade de todos os que participan na homenaxe para o moi distinguido fillo porteño das terras de Castro de Rei. Saúde e Terra!
(Texto de Manuel Suárez Suárez leido no cabodano de Adolfo Bravo Lozano, na Arxentina)

Suárez Suárez, Manuel
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora