Baixar das nubes
Mato, Xesús - viernes, 26 de mayo de 2006
Festa da Ascensión (28-05-06)
Mandato do Señor Resucitado aos discípulos (¡e a todos nós!) cando se foi á Casa do Pai (Ascensión). O recado: Galileos, ¿que facedes aí, parados, ollando ao ceo!? (Feitos, 1,1-11). Nas recomendacións, engade: Ide ao mundo e proclamade o Evanxeo a toda criatura (Mar. 16,15-20). Foi o comezo da Igrexa, da misión e responsabilidade de todo cristián, a toma de conciencia da tarefa da Igrexa e da chamada á coherencia.
A tentación de fuxir, de abandonar o terreal, de vivir unha fe só de xeito vertical, pietista e individualista, baseada na práctica de normas/ritos...foi algo habitual na nosa Igrexa. O noso non era a terra, senón o ceo. Incluso se promoveu a mística da fuxida (unha mala noite nunha mala pousada) ollando cara o ceo e esquecendo a terra. Unha fe triste, chea de medos, desconfianzas e desencanto. Pastoral que durou séculos.
Os apóstolos comprenderon a misión que lles encargou Xesús. Conscientes de que chegara a fin dos encontros co Resucitado era preciso asumir o que lles tiña mandado. Continúan a misión con palabras e sinais: Coa palabra (Evanxeo), sacramentos (o Bautismo) e caridade (Amor). Sinais liberadores. Era o momento da Igrexa que nace coa forza do Espírito do Señor que souberon vivir tan ben as primeiras comunidades.
O Vaticano II clarificou ideas. A Ascensión é a invitación a baixar á sociedade e á vida cotiá dos problemas dos irmáns. Deixar as alturas das evasións e das hipocrisías e ''desde abaixo coller o camiño de Xesús dando a man a todos aqueles que, coma nós, traballan por construír a civilización do amor desde o respecto á dignidade da persoa'' (Remol) Deixemos tantas liortas bizantinas e poñámonos a andar. Os cristiáns temos de ser os primeiros en axudar a desbotar do mundo a inxustiza, a mentira, o desamor. Cómpre arrincar as barreiras dos egoísmos representadas nas vallas/muros da morte (Palestina, México, África, Norte/Sur) que no canto de acoller aos máis empobrecidos e famentos mándanlles gardas para protexer privilexios; acabar coas raíces do vergoñento éxodo sur/norte e co fraudulento negocio da escravitude do milenio; recompoñer a familia humana, dividida polos egoísmos e inxustizas; desenmascarar as torres de Babel da confusión montada polos políticos e poderosos para o propio beneficio; e as da anticristiá insolidariedade entre pobos. Quedan muros que derrubar neste inhumano reino do egoísmo, da ruindade e mesmo da absurda estupidez humana.
A terra é o único camiño que temos, agora e aquí, para ir ao ceo (P. Charles) Os cristiáns temos de ir, en cabeza, á hora de romper cadeas de inxustiza e morte, de liberar de escravitudes. A fe, a solidariedade, a esperanza, a xenerosidade, a misericordia e o amor/entrega... son as nosas forzas ascendentes. A Ascensión é xa a nosa vitoria.

Mato, Xesús
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora