Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

O hospital asilo de Vilalba (38)

jueves, 18 de junio de 2015
Ano 1933 (I)
O conflito do colexio

Padroado Provisional de 4 de xaneiro. Sesión de trámite. Infórmase do estado da tesourería. Apróbanse as contas de 1932, e comunícase que o remanente para 1933 ascende a 2.972,08 ₧.

Queren entrar á forza no despacho de Luís Peña Novo. Segundo recolle «Faro Villalbés» de 10 de xaneiro, uns 200 obreiros estremeños, cansos de que non se cumprisen as promesas de acabar co paro, penetraron na antesala do despacho do gobernador xeral de Cáceres, Luís Peña Novo. Este negouse a recibilos mentres non depuxesen a súa actitude. Houbo que chamar á Garda Civil para impedir o asalto. Parece que o alcalde da cidade, Díaz Quirós, presentou a súa dimisión por non estar de acordo co gobernador respecto dos medios postos para resolver o problema do paro.

De Lousada. Dise que os veciños desta parroquia, Manuel Blanco Puentes, José Gómez e Máximino Gómez, presidente, tesoureiro e secretario da sociedade «Hijos de Lousada en La Habana», simularon unha acta e retiraron fondos bancarios por un total de 22.000 ₧. Disque marcharon a Portugal.

Velada de «Los Caballeros del Castillo». A comparsa celebrou unha representación teatral consistente na recitación de monólogos e interpretación de música coa finalidade de recadar fondos para as próximas festas de Entroido.

Incautación dos cemiterios. Seguindo o Decreto promulgado polo Goberno, o Concello de Vilalba emitiu unha comunicación ós párrocos do distrito pola cal debían facer entrega das chaves dos cemiterios ós alcaldes pedáneos. Pouco despois os veciños da case totalidade das parroquias do municipio clamarán e reclamarán vigorosamente que os cemiterios son deles e non da Igrexa.

Comisión Xestora do Concello de Xermade. Quedou constituída polos seguintes señores: presidente, Jesús Castro Bello, mestre de Cazás; Antonio Guizán, industrial de Xermade; Segundo López López, xornaleiro de Lousada.

«Xuventude Agraria de Lanzós». Elixiu nova directiva. Generoso Bermúdez Rego, presidente; José Carballeira, vice; Jesús Baamonde, tesoureiro; Jesús Ramudo Otero, vice; Germán Orosa Ramil, secretario; Ángel Ramil Pardo, vice; Andrés Prieto, José Insua Noche, José Alonso Ferreiro e José Alonso Alonso, vogais.

Situación en Cuba. É catastrófica. A miseria, terrible. O terremoto de Santiago e o ciclón de Santa Cruz fixeron estragos, pero non tantos como os mortos ocasionados pola ditadura do xeneral Machado.

Escola de Goiriz. Hai tempo que a sociedade «Hijos de Goiriz» pretendía construír un edificio modélico para escola. Por diferenzas entre a veciñanza as obras non se levaron a cabo. Parece que xa houbo acordo e o asociado Luís Calaza sitúase á fronte do empeño.

«Club Deportivo Santaballés». Quedou constituída a nova sociedade deportiva na parroquia de Santaballa. A directiva quedou integrada polos seguintes veciños: Juan A. Prieto, presidente; Manuel Varela Rey, vice; Eduardo Gato González, tesoureiro; Manuel Campello Campello, secretario; José Saavedra Gato, Francisco Paz Paz, Víctor Ramos Pico, Eulogio Ferreiro Iglesias, José Naseiro Arias, vogais.

Camiño do Carrizo a Lousada. Foi concedida unha subvención do 25% do seu custe para que o constrúan os veciños. Segundo «Faro Villalbés» este é un logro do Concello Republicano e máis concretamente do veciño da parroquia, Ramón Ladra.

Sebastián Martínez Risco. Tomou posesión como xuíz de Vilalba. Ben axiña desenvolverá importantes iniciativas culturais na vila e será un dos protagonistas dos acontecementos relacionados co hospital asilo que se citan máis adiante.
Nacera en Ourense en 1899. Estudara Dereito en Santiago, Zaragoza e Madrid. Fíxose xuíz e o seu primeiro destino foi O Barco de Valdeorras e logo Vilalba, onde casou. Despois, excedente, exerceu a avogacía durante máis de vintecinco anos en distintos puntos de Galicia. Pero polo que se recorda na historia de Galicia é polo seu fondo compromiso co galeguismo. En 1953 ingresou na Real Academia Galega co discurso «O sentimento da Xustiza na literatura galega». Foi presidente da institución desde 1960 ata 1977, cando morreu. Durante este período de tempo fomentouse a celebración do «Día das Letras Galegas».
O hospital asilo de Vilalba (38)Reposición como alcalde de Jesús Ramil Cillero. Cumprindo a sentenza da Audiencia da Coruña, repúxose como alcalde a Jesús Ramil Cillero e polo tanto debeu cesar en tal cargo quen o ocupaba interinamente, Andrés Vázquez Martínez. O grupo municipal deste último, ORGA, do que é voceiro «Faro Villalbés», presenta unha moción pedindo a dimisión do novo alcalde na mesma sesión da toma de posesión.

«Comité Republicano Conservador». Presídeo Eliseo Díaz Anllo, médico e vicepresidente do Padroado Provisional do Hospital Asilo. Constituíuse o 1 de abril do presente ano, segundo informa «Faro Villalbés».

Sesión do Padroado Provisional de 6 de xuño. A situación complicouse. Os membros do Padroado Provisional reúnense na Alcaldía desta vila. Están presentes ademais do alcalde, Jesús Ramil Cillero, as forzas vivas da localidade: xuíz do partido; secretario xudicial; notario, señor Roán; rexistrador; representantes do maxisterio; sociedade recreativas; sociedades deportivas; obreiros católicos; UXT; entidades comerciais; agrupacións políticas;...
O asunto que se ía tratar era o de ceder o edificio para albergar un instituto de segunda ensinanza. O secretario, en nome do Padroado, deu lectura á documentación pola que se demostra que é imposible facer tal cesión. O notario manifesta que o razoamento do secretario é certo, pero que se pode cambiar provisionalmente a finalidade do citado edificio. Esta é a idea que defenden os demais funcionarios alí presentes. O balbordo que se organizou debeu ser de consideración. O Padroado, co seu presidente á fronte, piden deliberar en privado e así o fan na Alcaldía. Despois de se reuniren e facendo constar que están baixo a presión do público presente carente de dirección axeitada -se cadra con dirección intencionada- e que se lles reproche que a vila non conte cun instituto, toman o seguinte acordo: «pedir o expediente oportuno para que se conceda a cesión provisional da á esquerda entrando, planta baixa e alta por considerala suficiente, polo prazo de cinco anos, sempre que o hospital no estea en condiciones de funcionar. Que ó volver de novo o edificio para servir de hospital, o Concello ha entregalo nas mesmas condicións nas que Padroado ó Concello». Detrás estaba o Decreto do Ministerio de Instrución Pública de 23 de xuño de 1932 polo se invitaba a todas as cabeceiras de partido xudicial a ofreceren locais para a instalación de institutos de segunda ensinanza. A finalidade última era a de substituír, a partir do seguinte primeiro de outubro, a ensinanza impartida por relixiosos por outra de carácter laica.
O día 11 de xullo de 1933 o presidente, Agustín López Arias, rubrica o escrito pedindo o cambio de finalidade dirixido ó Ministerio da Gobernación, pero só da á esquerda, por cinco anos como máximo ou mentres non se precise esa zona para os fins fundacionais. Sempre co compromiso do Concello de retornalo en perfectas condicións.

Teremos instituto? Con este titular publica Carmiña Prieto Rouco en «Faro Villalbés» de 25 de xullo, xornal no que viña colaborando dando a coñecer as súas poesías, un artigo no que reflexiona o beneficioso que sería para a vila contar cun centro de ensino medio onde formar academicamente os seus mozos e mozas.

«Comisión pro Instituto». O «Faro Villalbés» tamén dá conta dos acontecementos que se mencionaron máis arriba e engade que o día 8 de xullo ás 19 horas reuníronse na Alcaldía os «elementos máis representativos das forzas vivas» de Vilalba e formaron unha «Comisión pro-Instituto» integrada por:
Jesús Ramil Cillero, alcalde.
Manuel Velayos, director das escolas graduadas.
Sebastián Martínez.
Alfonso Fernández, rexistrador.
José Roán, notario.
Tomás Otero Muras, presidente do «Partido Republicano Gallego».
Plácido Orosa Peña, presidente do «Comité Republicano Radical Socialista».
Vicente Otero Cao, secretario da «Unión Comercial Villalbesa» e delegado da «Unión Villalbesa y su Comarca» da Habana.
José A. Parga, do «Centro Obrero».
José Penabad, presidente do «Comité Socialista».
José Novo Pardo, pola «Sociedad de Socorros Mutuos».
Leopoldo Fernández, polo «Casino de Villalba».
Jesús Ma Álvarez Talladriz, polo «Comité Radical».
Francisco Roca, presidente do «Racing Club».
Juan Francisco Criado, polo «Comité Conservador».
José Cacharrón López, secretario da «Comisión do Hospital».
De seguido esta comisión acordou realizar a petición formal do instituto ó Goberno, dirixirse ós concellos limítrofes para que apoiasen a solicitude e que catro membros da mesma se desprazasen a Madrid coa finalidade de entrevistarse co Goberno. Segundo se desprende da documentación desta Comisión, a tal viaxe foi realizada e mobilizáronse todas as amizades e influencias posibles para que persoeiros da política do momento apoiasen a creación do instituto en Vilalba.

Asilo de anciáns en Ortigueira. O filántropo galego Eusebio Dávila, chegou hai uns días da Arxentina onde ten prósperos negocios. Na súa terra construíu un modélico asilo que lle foi ofrecido ó Concello en 1928. Pero como se dese conta de que cumpría un fondo de capital para o seus sostemento, dotouno de 700.000 ₧ para que puidese facer fronte ós gastos que ocasionaría. Un segundo Dávila era o que necesitaba Vilalba para que o hospital asilo de Vilalba puidese funcionar!

Antonio Insúa Bermúdez rematou os seus estudos académicos. Así se informa no «Faro Villalbés» de 25 de xullo. Tamén se indica que obtivo por oposición o título de profesor de debuxo e que prepara unha exposición en Madrid.

† José Enríquez Chanot. «Faro Villalbés» de 14 de agosto informa laconicamente do falecemento, despois dunha longa enfermidade, de quen fora director e fundador de «El Progreso Villalbés», xornal de longa traxectoria que nacera o 16 de xullo de 1922 e chegou, polo menos, ata setembro de 1932. Tamén fora concelleiro na época de Primo de Rivera.

Volta ciclista a Galicia. A primeira volta ciclista a Galicia deu comezo o 9 de agosto. Participaron un total de 33 corredores. A primeira etapa foi de Vigo a Ourense; a segunda, de Ourense a Lugo; a terceira, de Lugo a Ribadeo: a cuarta de Ribadeo a Ferrol; a quinta, de Ferrol á Coruña, por Vilalba, de 161 km; a sexta de Coruña a Pontevedra; a última de Pontevedra a Vigo. O custe do seu paso por Vilalba supuxo 100 ₧ das que 25 foron aportadas polo Concello e as demais por particulares e sociedades.

Gobernador de Estremadura. O vilalbés Luís Peña Novo foi cesado no seu cargo e destinado ó Goberno Civil de Valencia.

De instituto a colexio subvencionado. A Gaceta de Madrid do 30 de agosto publicou un Decreto do Ministerio de Instrución Pública polo que se crean centros de ensino secundario. Establecéronse tres categorías segundo fosen as contribucións realizadas polos concellos para o seu sostemento:
a) Categoría de instituto. O concello aportaría 40.000 ₧ ó ano.
b) Categoría de instituto elemental. 25.000 ₧ anuais.
c) Categoría de colexios subvencionado. 15.000 ₧ ó ano.
As cantidades ingresaríanse por trimestres adiantados na Delegación de Facenda. Tamén os concellos debían facerse cargo de subministrar os laboratorios e material pedagóxico necesarios.
Os colexios subvencionados impartirían ensinanzas correspondentes ós catro primeiros cursos do bacharelato, o denominado bacharelato elemental -escolares de 10-14 anos aproximadamente-. En rematando o ciclo, outorgábaselle ó estudante o correspondente diploma acreditativo con validez oficial.
Reúnese o Concello e acorda acollerse á categoría de colexio subvencionado, para o que fai o correspondente libramento de fondos ó tempo que solicita axuda á Deputación para o seu sostemento.
Na mesma sesión mostra o seu agradecemento á «Comisión de fuerzas vivas».
En outubro o arquitecto Pereda, comisionado polo Ministerio de Instrución Pública, visitou as instalacións e declarou que era imposible que as clases puidesen emprazarse só na á esquerda do edificio e que, de non contar coa totalidade, o seu informe sería negativo e denegaríase o colexio subvencionado. Ben axiña a «Comisión de fuerzas vivas ou prohospital asilo e este acepta a cesión do edificio por completo.

Petición de man. Para o culto mestre nacional don Fernando Martínez Curto foi pedida a man da señorita Remedios Rego Gayoso, filla do industrial desta vila don Ángel Rego Pérez.

Padroado Provisional, sesión de 15 de outubro. Dáse conta de que a denominada «Comisión proedificio. Finalmente acórdase que así sexa nas mesmas condicións que a á esquerda, e sempre que se proceda en presenza do arquitecto do Ministerio. A ocupación total fíxose efectiva. O que houbo detrás é fácil de imaxinar. Os esforzos dos membros do Padroado Provisional, e sobre todo do seu presidente Agustín López Arias, víanse desviados da finalidade para a que traballaran e para a que o acomodado habaneiro pedira fondos ós seus compañeiros e amigos da emigración americana. Por propia dignidade, e tendo en conta que se lle arrebataban anos de desvelos e esforzos, dimitiu na seguinte sesión
do Padroado.
Pombo Mosquera, Xosé Antonio
Pombo Mosquera, Xosé Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES