Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Cousas de curas e fregueses (V)

jueves, 18 de junio de 2015
Nas primeiras eleccións municipais do tres de abril de 1979, de aquela incipiente e aínda non conclusa democracia en España, houbo un bo número de sacerdotes que nos presentamos a pesar dos comunicados de bispos prohibíndoo. Non todos os bispos se opuxeron do mesmo xeito, xa que algúns contamos co consentimento de algún, polo menos de D. Miguel Anxo Araujo.

Non teño o número exacto dos que nos presentamos nin dos que fomos elixidos alcaldes ou concelleiros, que este foi o meu caso. Movíannos máis os desexos de servizo ca os de ter mando ou autoridade civil: Polo medio tamén andaba un certo medo ao desmadre e as ansias de sermos elementos pacificadores nuns primeiros momentos en que, podía darse o caso de que, por querer tirar cada un pola manta para o seu lado, podían acabar todos cos pés fríos. Aínda agora, despois de trinta e tantos anos, a pesares do cambio climático, hai ben deles resfriados por mor de catarros mal curados.

Tamén houbo algúns impulsores de sindicatos labregos coma o SILGA, que por empeñarse en ser verdadeiramente independente e optar por defender naquel momento que un sindicato labrego tiña que levar o motor incorporado e non limitarse a ser o remolque do partido de turno, non tivo futuro; pero que deixou a súa semente de concienciación crítica.

É este, o campo dos sindicatos de labradores, un dos que honran a moitos curas xa de antes do novo réxime, pero disto quen sabe moito é David Corral.

Tanto antes coma despois da entrada desta chamada democracia foi considerable a influencia do clero e de xentes de Igrexa nos ámbitos social, cultural e de renovación relixiosa.

Como xa dixen, non recordo en qué colaboración, este traballo non é completo
nin moitísimo menos. Que non se sintan, logo, ofendidos os que non son citados. Os que son, fundamentalmente das dioceses de Mondoñedo-Ferrol á que pertenzo e da de Lugo que me é moi próxima, sono como mostra dun abano moito máis amplo que abarca, para ben e para mal, tamén ás outras tres dioceses de Galicia, Ourense, Tui-Vigo e Santiago. Seguimos, logo.

No campo social, moitas festas parroquiais dependían e ás veces aínda dependen de que o cura anime ou poña en marcha algún tipo de comisión. Non faltaron os casos en que estas festas se costeaban na totalidade ou en gran parte grazas ós donativos recadados para o santo ou santa padroeira; porque se entendía que os santos tamén gozan vendo gozar ós seus protexidos. Tamén foi o crego quen en moitas ocasións impulsou o arranxo de campos de festa, a construción de palcos e mesmo os bispados teñen cedido terreos para estes mesteres.

Un incontable número de camiños e pistas das nosas aldeas coñecen ben o esforzo de curas, que a veces nin tiveran que pasar antes nin pasarían no futuro por elas. Sei de algúns que non tiveron inconveniente en poñerse a partir pedra cos veciños ou en facer de barreneiros. Especialmente elocuente é o caso de Xesús Ribas, cura de Rao de por vida, que, en vista de que morreu un veciño por culpa dun barreno abrindo unha pista de acceso á bisbarra, parou a obra que impulsara e mentres foi facer un pequeno cursiño e encargouse el dese cometido de barreneiro, porque consideraba que era máis propio que, se tiña que morrer alguén, morrese o cura antes ca un pai de familia. Contando isto no Centro Galicia de Buernos Aires levantouse unha muller profundamente emocionada e, case berrando, exclamou: ¡Ese es mi cura. Yo soy de Rao!

Subina para xunto de min no escenario, porque acababa de facer crible canto eu relataba, do mesmo xeito que en Barcelona o fixera Gil Agras.

Noutros casos, ou nos mesmos, foi o cura quen tivo que moverse para buscar subvencións, xestionar cesións de pasos, organizar brigadas co garrafón ó lombo ou reparar que non se aproveitasen os escasos recursos que debían beneficiar a todos para arranxar curradas particulares, e moi a miúdo debendo favores ós mesmos que se favorecía mellorándolles o acceso a fincas ou a casas. Iso si, ás veces escoitabamos ditos tan gratificantes coma: “Heille botar tres días na pista, señor cura”. Na pista que pasaba por diante da casa de quen se mostraba tan xeneroso co señor cura vendéndolle tres días de favores. A min tamén me dixo unha muller: “Vostede se se move é pola súa comenencia. Era lista! Claro que a comenencia de moitos é o ben dos colectivos, pero ela, a pobre, non tería a culpa de non entendelo, que cada un ve o mundo como é el.

Nesa ocasión a miña resposta foi: “Se lle fai ben reñer co cura para desabafar, aproveite, que dispoño de dez minutos”

Igualmente foi considerable a influencia na partición de montes e aproveitamento dos mesmos para pastoreo e repoboación. Nas xestións de declaración de montes en man común, ou defendendo aqueles que se consideraban necesarios para cavadas, pastoreo ou estrume ante o Patrimonio Forestal que pretendía repoboalos todos de pinos ou eucaliptos.

No referente á declaración de montes en man común foi grande o labor de concienciación e mentalización desenvolvido por Cáritas de Lugo con Antonio Gandoi, o Cura da bicicleta, á fronte.
Carballo, Xosé Manuel
Carballo, Xosé Manuel


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES