Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Na entrega dos 'Losada Diéguez'

jueves, 18 de junio de 2015
Manuel Cabada, na entrega dos premios "Antón Losada Diéguez": Xuntámonos aquí, queridos irmáns e amigos, para celebrarmos a entrega do Premio “Antón Losada Diéguez”, que comeza con esta eucaristía a carón da tumba do propio Antón Losada, que lle dá nome e dignidade a este prezado galardón literario. Neste ano dáse ademais a feliz casualidade de que podemos celebrar o acto no mesmo día, 13 de xuño, no que Antón Losada, aquí presente nas súas cinzas, celebraba o seu santo, é dicir, no mesmo día da festividade do santo franciscano Antón de Padua, que morrera neste día do ano 1231, hai agora case oito séculos.

Agradézovos a todos a vosa presenza aquí. Ós familiares de Antón Losada (de maneira especial á súa filla Mercedes), ós representantes institucionais dos concellos de Carballiño e Boborás e ás demais instancias políticas ou culturais que están hoxe aquí con nós. En calquera caso, no específico ámbito cristián deste encontro noso, non hai ninguén máis ca ninguén, dado que todos somos irmáns. Por iso estendo o agradecemento a cantos participades aquí, con unha ou outra función, neste encontro eucarístico, en simpatía coa persoa, as ideas e a vida de Antón Losada.

Porque eucaristía significa iso sempre: “acción de grazas”. Nesta atmosfera de agradecemento mutuo e xeral está naturalmente incluído o noso agradecemento ó Deus Pai de todos. Ó Deus que nos creou e nos quere, que fixo que nacésemos e puidésemos vivir nun país tan fermoso como Galicia e que desexa que o respectemos e melloremos aínda máis. Un Deus que nos deu unha lingua de noso, que nos proporciona unidade e dignidade. Fíxoo a través de tódalas xeracións de mulleres e homes que nos precederon. Elas e eles foron os creadores desta lingua nosa que, a través do noso cotián uso dela, se resiste con teima e orgullo a desaparecer ou a ser considerada como inferior ou subordinada a outra calquera.

Foron moitos os que loitaron a prol do rexurdimento e fortalecemento desta nosa lingua a tódolos niveis, tamén no eido eclesiástico ou litúrxico. Entre eles tamén o noso Antón Losada, que con só 33 anos dicía publicamente unha vez, hai case un século (era o ano 1918), palabras tan axeitadas como as seguintes: “Unha das axudas que desde eiquí é preciso pedire é a dos Vispos de Galicia, dos ecresiásticos gallegos, convencidos como están a maoría deles que o predicare en gallego daría máis froitos –e se non que fagan a proba- como os darían os rezos i o catecismo nesta lingua pra acabar dunha vez con ese feito de escravitude, ese aldraxe i esa moura mágoa de obrigar ó pobo a falar a Dios i á xente fina noutra lingua como si a nosa fose tan despreceable que non servira pra falar con Dios que é infinida misericordea e infinida omildade, que de todo se decata e non quere a ninguén máis cós omildes”.

Nesta fin de semana preséntasenos ós cristiáns nas lecturas litúrxicas do domingo a imaxe tan coñecida da humilde semente ou do cativo xermolo que misteriosamente se desenvolven e van medrando pouco a pouco co tempo ata se converteren en plantas ou árbores vizosas. Para Xesús, a implantación do seu Reino é semellante ó calmoso e eficaz proceso que se desenvolve no reino vexetal da natureza, que todos ben coñecemos.

O primeiro e principal sementador do Reino de Xesús é o propio Deus Pai, que en Xesús se dirixe a nós e nos dá a súa palabra. Xesús é esa Palabra que se fixo carne e que habitou entre nós. Palabra divina sementada no mundo e que fixo xurdir arredor de si apóstolos e discípulos sobre os que se asenta a Igrexa de Deus. Mais Xesús non nos deixou el mesmo nada escrito sobre si mesmo nin sobre a súa mensaxe. Foron outros os que -abraiados pola grandeza, bondade e humildade da súa persoa e dos seus feitos- falaron ou escribiron sobre el. O que si el fixo foi falar coas persoas, estar con elas e acompañalas nas súa necesidades e nos seus problemas. É dicir, Xesús, semente viva de Deus Pai, deixouse sementar por el no mundo, para que o Reino de Deus puidese medrar logo á maneira dalgún deses frondosos castiñeiros, ben afincados na terra arredor desta igrexa, que non xurdiron senón dun humilde froito de castaña depositado na terra.

Hai agora tres anos, no ano 2012, tiven ocasión de estar tamén aquí, en Moldes, e puiden escoitar a intervención dun dos agasallados co premio “Antón Losada”, que se chama Agustín Fernández Paz. Lera eu daquela, pouco antes, unha novela súa co título de “Non hai noite tan longa”, que me encantara e quería saudalo e agradecerllo. Pois ben, o autor desta novela falou moi preto de aquí, no pazo de Antón Losada, tras recibir o premio, sobre a personalidade de Antón Losada dicindo que fora un gran “sementador”, é dicir, xustamente aquilo que estou aquí a comentar: que Antón Losada escribira pouco, mais que sementara moito nas súas conversas con diversas persoas.

Efectivamente, Losada foi un gran sementador de consellos e de ideas e dotado dunha gran capacidade para influír amigabelmente nas persoas. Sabemos que influíu poderosamente, coa súa presenza e a súa palabra, sobre personaxes moi relevantes do galeguismo da época como Otero Pedrayo, Risco, Castelao e outros grandes. Así nolo conta, por exemplo, o mesmo Otero Pedrayo cando escribía sobre el: “Non teño coñecido personalidade de semellante forza suxestiva. Foi lóxico que a penas escribise nada quen alentaba con tan calmo e custante entusiasmo na actualidade”. Desa “forza suxestiva” de Antón Losada en relación coa conversión de Otero Pedrayo ó galeguismo dará testemuño o propio Otero nunha entrevista: “Foi Losada a quen primeiro lle escoitei dicir que Galicia era unha idea, algo que estaba agardando tamén a voz que a guiara polo seu camiño. Un bo día chamoume e díxome: Otero, xa tes trinta anos, xa está ben, xa vai sendo hora de tomar unha postura e pórse a traballar”.

Como vedes, e tal como vos dicía, Antón Losada foi sobre todo un sementador de palabras e ideas que outros poderían levar logo á práctica. Dado que el viviu moito na vila da Estrada, o meu concello natal, é posíbel que incluso algo se lle pegase daquel dito que hai sobre os estradenses: “Os da Estrada pola palabra”.

O resultado está ben á vista. Da palabra oral, falada, sementada, de Antón, naceu a palabra escrita, aquela á que Antón non se podía dedicar plenamente, debido ó seu intenso labor profesional e político e tamén á súa relativamente curta vida. Pois ben, esta palabra escrita é xustamente, en boa parte, a daqueles escritores que ano tras ano van recibindo este importante premio “Antón Losada Diéguez”. Pois está suficientemente claro que eles lle deben o honor e o espallamento da obra premiada á existencia e ó protagonismo sementador de Antón Losada.

Quero rematar xa, non sen lles dar antes os meus parabéns ós autores premiados e esperando tamén que en todos nós naza, medre e frutifique vizosamente, en palabras e en feitos, esa humilde semente de cristianismo e galeguismo que Antón Losada soubo sementar e manter a cotío xuntos con teima e ardencia.
Cabada Castro, Manuel
Cabada Castro, Manuel


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES