Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

O respecto

miércoles, 17 de junio de 2015
A verdade e as certezas que se buscan en calquera ámbito da realidade, así como a solución aos problemas xurdidos nela, non son patrimonio de ninguén, pertencen a todos. E as achegas que puideran acumularse duns e doutros non só enriquecen os contidos das solucións senón que tamén vigorizan os estímulos para seguir buscando. Ignorar deliberadamente isto, cando os políticos abordan os problemas sociais, revela non só unha impertinente actitude de ousadía, senón unha evidente incapacidade e falta de madurez para acometer as solucións que se necesitan.

Pero hai algo máis. A falta de respecto mutuo entre os axentes persoais que teñen atribucións nesta leira, precisamente concedidas polo pobo, adoita ser dun alcance que vai moito máis aló da intencionalidade persoal: Eu diría que arrastra consecuencias epistemolóxicas, porque “respectar as opinións dos outros” non debe ser entendido como unha laudatoria actitude de tolerancia (en todo caso sería unha arrogancia solapada), senón que debería entenderse como unha condición conveniente para acercarse a verdade.

De esta maneira, o respecto convértese así nunha esixencia cognitiva, en tanto que RESPECTAR SUPÓN DEIXARSE FECUNDAR POLAS RAZÓNS DOS DEMAIS, AÍNDA QUE NON SE COMPARTAN: As actitudes contrarias poñen de manifesto unha arrogancia, unha falta de madurez, e de vontade converxente, que, no tempo dos pactos, os nosos políticos non regatearon ofrecernos en abundancia, ata levarnos á dúbida de que sexan as persoas adecuadas para as xerencias institucionais.

Agora a culpa de todo isto parece que a ten o cerebro, porque o Centro de Psicoloxía Evolutiva da Universidade de California, investigou que todo o que descualificamos nos comportamentos políticos débese a que o cerebro humano procésao en niveis non conscientes, en circuítos que evolucionaron (pásmense!) a favor da creación de alianzas e coalicións (pechadas en si mesmas?); pero, segundo estes investigadores, os dun grupo ven ós doutro como unha verdadeira AMEAZA. É dicir, parece que, a este nivel, os comportamentos das persoas seméllanse máis aos instintivos animais que aos racionalizados ou razoados (que non é o mesmo) do home/muller, conscientemente.

Creo que non sería, segundo estas investigacións, un despropósito preguntarse se as persoas que se senten ameazadas, pasado o 24-M en España, por certas coalicións dos partidos políticos, se debe a unha programación cerebral inconsciente, ou, polo contrario, despois dunha interesada reflexión, a un acto de RACIONALIDADE ECONÓMICA.

Isto último podería, incluso, estenderse a UE, onde o ascenso dos partidos de esquerdas radicais infunde o temor dun cambio no modelo produtivo, que, neste escenario, habería que pensar ata onde alcanzarían as consecuencias. E así como en España son poucos os cidadáns que, na súa intimidade, non inculpen ao PP e ao PSOE da emerxencia do que consideran estraños partidos, na UE tamén hai chibos expiatorios, operativos nos nosos lares, que se suman aos nacionais.

Se mo permiten, recordamos algúns. Acaso non lles parece que o predominio de actitudes descaradas, arrogantes e egoístas – léase “sen respecto”, no sentido arriba explicado – das elites do neoliberalismo europeo, induciu un tratamento aos países do Sur centrando a atención no endebedamento, en prexuízo das necesidades socias máis perentorias?. Non é un absurdo, pois, esperar respostas proporcionadas, porque tamén aquí se compre a lei física de acción–reacción.

Engademos que ese neoliberalismo prodigou, no manexo do capital financeiro, unha provocativa irresponsabilidade especulativa, ata levalo a desencadear esta crise de proporcións xigantescas, que afecta a toda UE, coas esixencias das medidas dunha férrea austeridade, fundamentalmente impostas ás clases medias, levándoas a engrosar a pobreza, nalgúns casos, en forma estrema e degradante.

E nesta liña, os rescates dos bancos e caixas implicados investíronse, tamén, dun matiz impositivo para a poboación necesitada, debido á socialización das entidades privadas, que pasou a pública: Tampouco se respectou o benestar dos que non tiveron parte nin arte na irrupción da crise, nin houbo sensibilidade para as súas razóns. As consecuencias esténdese no tempo ás futuras xeracións, e vigorizan a probabilidade de previsibles respostas.

Pero, atención...!, a crise económica ven precedida dunhas crises moito máis importantes, que, aínda que non sempre están explícitas, son terreo abonado para desencadear aquela: AS CRISES MORAL, SOCIAL E POLÍTICA, espigadas en diversas formas de corrupción, que incrementa a angustia do pobo necesitado e provoca reaccións de desequilibrio, que os políticos denominan de “anti–sistema”. Empezan a institucionalizarse as respostas.

É que, amigos lectores, as elites do poder parece que descoñecen que as sociedades, con respostas inmediatas, ou aletargadas en espera da ocasión propicia, como evidencia a historia, acaban impulsando un certo grao de equilibrio cara a unha maior xustiza distributiva: As sociedades son sistemas dotados dunha dinámica interna, non sempre perceptible, que tenden a corrixir as inxustizas, incorporando os elementos necesarios para acadalo, unha operación que soterra o optimismo dos sectores ben situados; pero que emerxe inesperadamente en circunstancias ben definidas. Non consideran que esta dinámica pode explicar o ascenso dos partidos de esquerdas radicalizados na UE?. Iníciase o camiño.

Penso que convén non esquecer que quen isto propiciou (o neoliberalismo, neste caso, e os seus aliados) é quen menos o desexa. Os cidadáns, que non son parvos, saben quen o desencadeou en España, por iso non vai ser fácil cambiar as imaxes deformadas por unha realidade manifestamente inxusta.
Recorden onde está a fonte do poder que ostentan, corrixan os erros, renuncien ós afeites e coiden a identidade ideolóxica que os lexitimou, evitando comprometela en aras de acadar un poder luxado pola ambición, que o pobo contempla estupefacto.
Rubal, Pedro
Rubal, Pedro


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES