Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Con mirar a Portugal...

lunes, 15 de junio de 2015
Sei que o dito non é exactamente así, pero vouno adaptar ós meus intereses.

Chegou o día, chegou a romaría. Despois de tres semanas de reflexión (a comparativa non é moi xusta, que digamos, pois mentres ós electores nos concede un día, ós elixidos concédelles tres semanas), os Concellos están a vivir nesta vintecatro horas decisivas para os próximos catro anos. Ou, se cadra máis.

E é neste contexto de cambio ou de mudanzas no que a información cotiá nos ten sorprendido con algunha que outra nova inesperada (e as que nestas próximas horas se producirán!) que, unha vez máis, a min se me van os ollos cara Portugal.

Digo isto (tomando como exemplo a precipitada dimisión do ata hoxe alcalde de Lugo) porque, en virtude dos tan cacarexados tempos novos de fin do bipartidismo e da emerxente eclosión do pactismo como novo sistema democrático municipal, a min xenéranseme grandes dúbidas sobre o que é e o que deixa de ser máis democrático, dado que se co bipartidismo os electores lle dabamos maioritariamente o noso voto a un ou outro candidato, agora resulta que, logo de votar, o que realmente exercemos non é unha decisión directa, senón que dalgún xeito acabamos por delegar a nosa decisión nas posibles afinidades persoais, nos posibles rancores ou xenreiras ou mesmo nos afectos que poida haber entre os distintos grupos políticos que en rosario teñan sido elixidos polos electores locais.

É dicir, non sei ata qué punto é menos lícito que goberne a lista máis votada, ca que varios grupos minoritarios que poidan sumar unha maioría aritmética decidan en comandita subvertir a elección popular dunha persoa e poñer como condición para desbloquear as negociacións e elixir alcalde ou alcaldesa, que esa persoa recentemente votada por milleiros de electores teña que marchar para a súa casa porque coxea dun pé, por que non lles cae ben ou porque leva moito tempo no macho.

Por iso de novo se me van os ollos cara Portugal e miro con envexa a elección directa que alí fan dos presidentes das Cámaras Municipais, outorgándolle a decisión directa ó elector e non a uns intermediarios minoritarios que é certo que tamén son elixidos polo pobo, pero na grande maioría dos casos, con moita menor proporción.

E vánseme os ollos por algunhas outras cousas. Polo tamaño relativo dos municipios. Polo recoñecemento xurídico que lle dan as freguesías. Pola regulación de mandatos, etc., etc..., aínda que eles -especialmente no norte- miren con envexa a nosa descentralización territorial.
Piñeiro, Antonio
Piñeiro, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES