Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Bipartidismo

lunes, 08 de junio de 2015
Vaia por diante que con este razoamento non pretendo chegar eu á conclusión de se o sistema político cara o que camiñamos, é bo ou é malo. Ou, dito doutro xeito, non é a miña intención colocarme a favor dun e en contra do outro ou viceversa, simplemente porque descoñezo a resposta máis axeitada e son consciente de que só o tempo e as circunstancias serán os que desvelen a solución.

Dende que os comicios electorais do pasado día 24 deron a coñecer os datos que no seu conxunto revelaron para podermos realizar análises globais, prospeccións de tendencias ou elucubracións de futuro sobre cara onde é que se encamiña o sistema de partidos español, teño lido máis dunha crónica, escoitado máis dunha valoración política ou mesmo máis dunha reflexión de transmisores de opinión e de líderes políticos de aquí e de acolá, asegurando que o bipartidismo foi ferido de morte nestas últimas eleccións e, probablemente, nos próximos comicios xerais acabará expirando o seu derradeiro alento, porque, disque despois de tantos anos de transición, a sociedade española se tornara demasiado diversa como para seguir sostendo o sistema de alternancia PP-PSOE que ata o de agora nos gobernou.

Sen embargo, cando escoito ou leo algo así, síntome a miúdo incómodo. E non porque estea en contra desa opinión -nin moito menos-, senón porque a min os feitos demóstranme xusto o contrario. Vexamos, senón.

Despois de ter escoitado ó voceiro do BNG no Parlamento galego, facer unha especie de "claudicación con condicións" dunha das máximas que guiaron a esta formación ata a polo de agora inalcanzada terra prometida, como é a de empezar a asumir que a suma é máis operativa cá división e que en próximas consultas electorais se cadra pode ser máis eficaz xuntarse con outras forzas -iso si, mantendo en “Galiza” o poder de decisión-, acabo de ler que Izquierda Unida tamén está a piques de chegar á mesma conclusión e sumarse á conformación dunha proposta conxunta con outras formacións de esquerdas, co fin de conseguir representacións maioritarias que aparten ó centro dereita das institucións, cousa que xa explorou AGE con éxito de resultados, rexurdindo así o vello mito republicano da Fronte Popular.

Quen dixo, pois, que se acabou o bipartidismo? Pregunto. Quen é capaz de facer tal afirmación cando nos oito mil e pico municipios do Estado, salvando algunhas excepcións, só hai dúas opcións: Que goberne o PP ou que goberne o resto?

Repito de novo. Non son quen de contestar se isto é bo ou é malo, ou se é mellor ou peor cás opcións ata o de agora viables. O que si sei é que deberían provocar unha profunda reflexión, tanto no entorno do PP coma no do PSOE. Os primeiros por non teren interlocutores en ningures e os segundos por non seren capaces, tamén en ningures, de gobernar sos.
Piñeiro, Antonio
Piñeiro, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES