Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Palabras para un corazón

sábado, 06 de junio de 2015
Admirable. Non outro sería o cualificativo co que describir acaidamente a denodada adhesión á Palabras para un corazóncausa da lingua e da cultura galegas que profesou toda a vida o escritor de Vedra Tomás Antón Pereiras Gómez.

Nado no seu dunha familia humilde, fillo dunha ‘viúva de vivo’ emigrado a Buenos Aires que o criou con ímprobo esforzo a el e a seis irmáns máis, logrou estudar Dereito na USC para logo exercer profesionalmente como inspector do corpo de funcionarios do Estado, chegando a ser xefe provincial de Transportes Terrestres en Ávila por espazo de máis de tres décadas.

Coa súa xubilación en 1982 regresou a Compostela. Non volveu só. Fíxoo con que foi o seu grande amor e compañeira inseparable, a estudosa da Arte María Nieves Olmedillas Gómez. A partir dese momento, a estampa da parella fíxose habitual nas rúas de Santiago, nas que os benqueren millenta amigos e onde hai espazos que testemuñan esa querenza, como a placa que o concello da capital lle dedicou na que foi a vivenda derradeira do autor na rúa do Horreo.

Palabras para un corazónO seu amor polas letras naceu na propia familia, pois un seu avó foi mestre e transmitiulle a paixón pola escrita. Centrado na súa dedicación funcionarial, o avogado Pereiras Gómez creou durante anos versos para si e os seus que non chegou a dar á luz. Só no último tramo da vida accedeu a ofrecelos ao público e comezou a imprentar algúns dos materiais que atesourara nas gabetas durante longo tempo. Foron aparecendo, así, títulos como Un querer só á espreita (2008); A labrega, ás duras, rexa e teimosa loitou (2010); Nas verbas enxebres, á retesía encerellado (2010); Nin barulleiro nin ás caladas, indo tras o enxebrismo (2011); Coas ideas fervendo a borbollóns, doado será ser escribidor (2012) e, xa tras o seu pasamento en agosto de 2013, Tentando ir ás cegas, non se chega a ningures (2013).

Aos volumes anteriores súmase agora Podo ser un ninguén para ningures indo (2014), producido por Galaxia, quen o tirou do prelo nunha moi coidada edición de tapa dura con ilustración de cuberta na que se reproduce un evocador cadro de Paul Cézanne, ‘A montaña de Saint-Victoire, vista de Belleveu’.

Os vinte e dous poemas que compoñen o libro -todo el animado e supervisado pola infatigable e detallista Olmedillas Gómez- son un longo canto á Terra, aos devanceiros (especialmente a nai e a avoa do escritor), aos lugares que conformaron a súa nenez e adolescencia (o Pico Sacro, as valiñas, lombas e terras de labor da contorna natal) e a todo un mundo rural que xa case desapareceu (sementeiras, ceifas, sachas, mallas e palleiros).

O verso longo, case versicular, e, sobre todo, a dicción pausada en sintagmas amplificados fan das súas composicións un río de palabras abondo caudal, no que os termos enxebres, desusados e sonoros se enguedellan ata o imposible, procurándonos unha sensación de manierismo poético no que se torsiona a lexicografía para ornar a voz con tesituras de greca de sobexo sobretintado. Tanto é así que, a modo de guieiro, o autor dispuxo como apéndice un oportuno glosario de voces de uso pouco transparente (case trescentas entradas) e unha bibliografía cos “Dicionarios consultados” dos que se extraeu tan celmoso viveiro léxico.

O resultado é unha poética reflexiva sobre o sentido do vivir, as dificultades que cómpre superar e o herdo recibido, tamén o enraizamento no idioma, a razón da escrita ou a venturosa compaña do amor, ese corazón que no outro é e que, no caso do poeta Tomás Antón Pereiras Gómez, alenta en María Nieves Olmedillas Gómez, xenerosa artífice que, a embates de ilusión e constancia, actualiza como impecable embaixadora a figura do filántropo galeguista co que compartiu os días.
Requeixo, Armando
Requeixo, Armando


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES