Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Río revolto...: Arranxar a hermenéutica

sábado, 06 de junio de 2015
Deus me libre de traerlles aquí unha pesada disertación filosófica; pero permítanme que lles abra o camiño da comprensión do que quero dicirlles. E, para iso, tal vez sexa mester dar unha lixeira idea do significado do termo “hermenéutica”, que, aínda que moitos de vostedes xa estarán de volta, o que abunda, se serve para algo, non debería molestar.

“Hermenéutica” é un termo de étimo grego: En Grecia “hermetiké tejne” era a arte de explicar e interpretar, que pasou a relixión para designar a interpretación dos textos relixiosos, e estendeuse a outros ámbitos filosóficos, xurídicos, etc. En filosofía aplícase na interpretación de textos de contido filosófico, en función de épocas e autores. E xeralmente tamén se entende como a arte de COMPRENDER OS FEITOS HUMANOS, tendo en conta o contexto histórico–social no que se producen.

Mentres que Heidegger sitúa a comprensión antes da interpretación, o tamén filósofo alemán Hans-Georg Gadamer define a hermenéutica como unha teoría da verdade e un método interpretativo. E como as Ciencias Sociais estudan os procesos sociais e culturais, en xeral, que son produto da actividade do ser humano, veñen a ter por obxectivo a interpretación, comprensión e explicación dos fenómenos sociais, é dicir, son campo abonado para a hermenéutica.

Por suposto, dentro das Ciencias Sociais, está incluída a ciencia política, tamén denominada Politoloxía, que estuda a praxe, os sistemas e OS COMPORTAMENTOS POLÍTICOS. E ten por obxectivo establecer modos de funcionamento, a partir da observación dos feitos. Na actualidade son moi interesantes os estudos do politólogo dos Países Baixos, Arend Lijphart, especialmente na análise de casos. Consúltese.

Á vista de todo o exposto, penso que, se temos en conta o que aquí en España está a ocorrer estes días no panorama político, parece pertinente que nos formulemos a seguinte pregunta: É CORRECTA A HERMENÉUTICA QUE ESTÁN APLICANDO OS PARTIDOS POLÍTICOS CON RELACIÓN Á VONTADE MANIFESTADA POLO POBO NAS ÚLTIMAS ELECCIÓNS, E ATA ONDE SE CORRESPONDEN AS SÚAS PRETENSIÓNS CON ELA?.

Sen dúbida, a contestación é difícil, porque, desgraciadamente, algúns partidos políticos están moi afastados da realidade, polo menos nos seus planeamentos e propostas, o que fai pensar que, ou ben aplican unha hermenéutica errónea, ou ben están adoptando posturas pouco serias e picarescas, cun evidente sectarismo que contribúe a crear un ambiente de crispación, nun pobo que xa alberga un sentimento dabondo preocupante pola inseguridade e inconsistencia nacionais – abaneadas polos oportunistas da quenda –, e non digamos polo descrédito internacional.

Como queira que os partidos teñen xente moi intelixente, por suposto, aínda que non evidencian estar sobrados de talento – que non é o mesmo – , eu ben quixera que dedicaran uns minutos a reflexionar sobre o alcance da mensaxe que lles deixaron os cidadáns nas votacións do 24M, facendo unha INTERPRETACIÓN máis axeitada á realidade, para, polo menos, evitar as pelexas por constituírse en destinatarios principais da vontade popular, cunha hermenéutica nesgada, dispoñéndose a aproveitarse da filosofía (tamén algo política) do refrán popular que se enuncia así: “A río revolto, ganancia de pescadores”, referido (e tamén estendido aos países de fala inglesa: “It`s good fishing in troubled waters”) a aquelas persoas, institucións e entidades que adoitan sacar proveito das situacións de caos e desorde.

Eu, modestamente, como nin debe nin pode ser doutra maneira, vou intentar traerlles aquí algúns casos que considero non foron correctamente interpretados, e antóllanseme merecedores de reflexión.

En primeiro lugar, o PP perdeu moitos menos votos dos que el mesmo considera, porque a chea das últimas eleccións xerais arrastraron unha marea deles do PSOE, descontentos co goberno do Presidente Zapatero. E eses votos ocasionais non son da dereita. Había que pensar que na seguinte votación ían a fuxir. Polo tanto, penso que é mester interpretalos con outro criterio, posto que nin foron nin serán esencialmente do PP, aínda que segan fuxindo do PSOE, como refugallos do castigo.

En segundo lugar, o pobo non é verdade que dixera que quere un cambio esencial de modelo, iso dino os carteis interesados. O que quere o pobo son solucións aos problemas, que son moitos e moi importantes (pobreza, paro, sanidade, ensino, integridade nacional, ...), que non soubo dosificar o goberno do PP, borracho de poder, incapaz de abrirse a un espazo necesitado de explicacións e consensos, e de afrontar con talento os numerosos casos de corrupción. E utilizo o termo “modelo” en sentido rigoroso, non como leves afeites.

En terceiro lugar, o goberno do PP cometeu un grave error: Atacar a clase media, garantía de estabilidade, e non atenuar a pobreza, establecendo un profundo foso entre os ricos e os pobres, abrindo así unha vía de fácil acceso ás esquerdas radicais, debido, como xa se dixo máis arriba, a unha incompetente dosificación da necesaria austeridade: Fáltanlle estadistas capaces de modular a aplicación social e política das meritorias opinións tecnocráticas; pero sóbranlle oportunistas, que se reiteran, sen ideas.

En cuarto lugar, o PSOE, en mans de persoas carentes da condición de verdadeiros homes/mulleres de estado, desemboca nunha deriva ideolóxica de constantes e desconcertantes vacilacións, arrastrado polas ansias de recuperar poder, que a incompetencia do PP non soubo participar e administrar cun certo consenso en cuestións de Estado, sen advertirse de que a posible marcha de Rubalcaba da Secretaría Xeral podía deixar unha inestabilidade no partido de consecuencias imprevisibles, sen aproveitar a ocasión de acadar acordos fundamentais.

En quinto lugar, a incapacidade do goberno para afrontar con agudeza e valentía a cuestión da unidade nacional, xera unha inestabilidade constitucional con impactos diferentes nos cidadáns, en función da súa inclusión, ou non, nas correntes separatistas, dando unha matización ao voto que non corresponde a convocatoria.

En sexto lugar, as promesas feitas e incumpridas polos gobernos autonómicos, ou o do Estado, so pretexto de carecer de recursos económicos, que parece desmentir o desprego realizado de obras en período preelectoral, é tamén un factor que debe ter un lugar nesa hermenéutica da mensaxe do pobo derivado do resultado das eleccións. Ademais, a propaganda electoral foi tan roma e dunha estratexia tan absurda que non espertou interese nos electores, que, todo o máis, concorreron ás concentracións como a un partido de fútbol.

En sétimo lugar, tampouco parece correcto deducir, da dispersión dos votos en diversas opcións políticas, mensaxes dos cidadáns establecendo liñas roxas para demarcar os espazos dos pactos, porque habería que partir de que a fragmentación dimana de actos intencionais directos, nunha situación na que, producido o escrutinio, nin tan sequera é previsible como saír das incertezas.

En octavo lugar, incorporemos a todo isto os contextos singularizados nas autonomías, nas que non poucos votantes manteñen unha estratexia adecuada para deixar asentadas a bases e apoios doutros propósitos, que nada, ou moi pouco, teñen que ver cunha interpretación circunscrita aos obxectivos da convocatoria.

Por conseguinte, de canto queda dito, tal vez haxa que aceptar a necesidade de que os responsables dos partidos adquiran un bo coñecemento desta realidade complexa, para determinar coa maior claridade posible as consecuencias futuras das súas decisións nun momento tan crucial para España, evitando que as fontes de ingresos e as inversións, como única solución do paro, fuxan, ou receen asentarse aquí, todo o cal esixe primar o estudo dos parámetros que delimitan as posibilidades que ofrece o contexto no que vivimos, se realmente queremos evitar a reincidencia en erros xa superados, porque pouco se pode facer opoñéndose as leccións da historia, como non sexa aproveitándoas intelixentemente.

En consecuencia, interpretar que a dispersión dos votos é unha achega, en positivo, á democracia, parece un absurdo fallo hermenéutico que debería ser arranxado, porque, aínda que a realidade política sexa complexa, non debería esquecerse que non admite un coñecemento mediante diversas perspectivas, pois non é homologable a outras realidades que así esixen, por ser construída e produto da intencionalidade. E como o espectro de opcións ideolóxicas é moi limitado, cando non se respectan estes límites para xustificar partidos con obxectivos diferentes, as perspectivas pasan a ser artificiosas, e, en canto tales, difíciles de integrarse en proxectos comúns: É tan interesada esta interpretación que, se fora correcta, levaríanos a absurda conclusión de que unha democracia con un partido para cada singularidade ideolóxica, sería a máis perfecta, pese a que converte ao país nun niño de grilos.
Rubal, Pedro
Rubal, Pedro


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES