Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Celebrar o medio ambente por todo o alto

viernes, 05 de junio de 2015
Postos a celebrar o medio ambente hai que tomar distancias, coller altura, para buscar a maior pureza, para ampliar horizontes, para sentirse como un pequeno, para sentirse pequeno, diante a inmensidade da natureza.

Eu, que son da Terra Chá, ampla planicie barrida polo vento, se tivese que comparar a natureza da miña terra cos movementos musicais, entendo que lle correspondería un ”adagio”, lento e maxestuoso, que nas súas beiras –estribacións de montes pequenos- chegaría a un “andante”, aínda tranquilo pero cun pouco máis de forza.

Para a costa e o impresionante mar, soñaría un “allegro”, e mesmo un “vivace” para animar o corazón en sintonía coas forzas que se perciben ou adiviñan. E precisaría dun “presto” rapidísimo cando subise á montaña como exemplo do que sentimos no corazón –en toda a ánima- diante das inmensidades tan profundas que se alternan con alturas virxes e incribles.

E diría “Mustallar”, “Penalonga”, “Corno maldito”, “Penarrubia”, “Tres bispos”, “Miravalles” como unha letanía, como un conxuro, para recordar que son un pobre humano impresionado pola casi deidade destes macizos que ousar tocar os ceos cos seus picos.

E se soubese ollar ao máis lonxano, buscaría a estrela “Antares”, da constelación de Escorpio, por se en tempos lonxanos, desde aquela profundidade, deu o primeiro nome a este paraíso das alturas… E se soubese pescudar na historia acabaría atopando no ano do señor 569 o “portum anquares” do que nos fala Nicandro Ares como limite do lucense Condado de Navia… ou acudiría aos Ancares leoneses para atopar un río con nome igual ca estes montes “angulosos”, que do grego parecen tomar o seu nome… e –desde aquí é moi doado- deixaría voar a miña imaxinación para soñar cun Sangri-la das alturas que irmandase estes Ancares co ben sonoro “Guarisankar”, que é o nome antigo do soberano Everest.

Pero como só son un curioso observador, viaxeiro empedernido, namorado da natureza e dos seus permanentes milagros, ao que se lle concedeu a gran honra de recibir o “Urogallo de la comunicación” de mans dos que máis saben e queren á natureza máis intocada de todas as naturezas, dou grazas aos que me tiveron presente á hora de elixir un namorado da natureza para que se pronunciase públicamente tal día coma hoxe, no máis alto das alturas lucenses, e dou grazas á natureza e a quen máis corresponda por facerme home sensible coa maravilla que usufructuamos, e comprometido a entregar aos que veñan despois de nós, alomenos algo tan grande, tan fermoso, tan vivo, como o que nós recibimos.

(Xulio Xiz recibe hoxe nos Ancares o UROGALLO DE LA COMUNICACION).
Xiz, Xulio
Xiz, Xulio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES