Amigos, non servos
Mato, Xesús - viernes, 19 de mayo de 2006
Así nos mira e quere Deus. Amigos, non escravos. Adultos, non infantís. Libres, non súbditos. Felices/alegres, non infelices/tristes. Xesús pasou facendo o ben e curando aos oprimidos. Coa man tendida a todos/as. Denunciou as opresións feitas aos pobres e condenou a hipocrisía dos poderosos. Amounos ata ó extremo. A fondo perdido
Vale a pena aparcar barullos nesta aloucada sociedade enleada en celebracións absurdas, e parármonos a reflexionar sobre o noso xeito que temos de pensar/vivir. ¿Por qué non somos quen de amosar a faciana da cordura, da bondade, da amizade, da liberdade, da felicidade e mesmo da alegría de sentírmonos fillos de Deus e irmáns de todos/as!?. Un cristián triste é unha contradición. Coma se nunca escoitaramos estas verbas de Xesús: Como me amou meu Pai, así vos amei Eu. Díxenvos estas cousas para que a miña alegría estea en vós e a vosa alegría sexa plena. Vós sodes amigos meus, se facedes o que vos mando. Non me escollestes vós a min, senón que vos escollín Eu. Mándovos isto: que vos amedes uns aos outros, como Eu vos amei (Xn, 15,9-17) ¿Cremos, de verdade, o que vimos de ler?. A chave da paz, da alegría e da felicidade, está no amor.
Velaí as actitudes de Xesús. Dálles a súa amizade e confianza a cantos o aceptan. Só pide que nos amemos. Non hai amizade sen amor, nin amor sen relación/comunicación, nin comunicación sen entrega que só se da se nos situamos ao mesmo nivel da persoa amada, deixando de lado títulos, privilexios, dereitos e/ou superioridades. Ollemos os encontros de Xesús cos marxinados (leprosos, cegos, prostitutas, estranxeiros..)Todos son acollidos e amados. O mesmo nas parábolas. A do bo samaritano (próximo é o que precise da nosa axuda), a do pai bo, a da ovella perdida, a do xuízo final (o amor como criterio para a valoración definitiva da vida). Xesús identifícase cos pobres: Cada vez que o fixestes con calquera destes meus humildes....comigo o fixestes.
Os cristiáns somos enviados ao mundo nun plano de irmandade, amizade e cooperación. Polo noso medio realízase a salvación. Esa é a nosa tarefa e a nosa grandeza. O amor de Xesús leva a felicidade aos que se aman. Nada hai máis liberador có amor. O amor cristián non só é sentimento senón actitude de vida ante o próximo, amigo ou inimigo.
O perdón é froito do amor. Velaí o testemuño de Ricardo Blázquez, sobre a paz no País vasco:hai moitas feridas porque morreron moitas persoas e familias que perderon aos seres queridos; moitos perdoaron. O perdón é a categoría cristiá que ten consecuencias de carácter social na misericordia, polo que desexa se pida perdón, e se ofreza e se reciba para que se poda chegar a unha reconciliación máis ampla e profunda na sociedade. ¿¡Como se pode criticar a actitude cumio/miolo do Evanxeo de Xesús!?

Mato, Xesús
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora