Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Sabor a chocolate

miércoles, 03 de junio de 2015
Se a vostede, benquerido lector -ou lectora-, entrado xa nuns aniños (non fan falla moitos, pois agora a nostalxia semella contaxiarse máis rápido), de súpeto se lle dá por preguntarse a qué lle sabe a infancia, entre a outros moitos sabores latentes alá no fondo do fardel dos tempos idos e que han ter que ver en grande parte co lugar, o propio tempo e os costumes familiares da súa aldea, da súa vila ou mesmo do seu barrio, é moi posible que entre todos eles emerxa un común ó resto e que non é outro có sabor a chocolate.

Non sei por qué, pero o chocolate forma parte indisociable da esencia daquelas tardes -no meu caso, da Celanova dos anos sesenta e comezos dos setenta-, unidas a un balón un tanto descoirado lambreteando sobre as pedras irregulares da Praza das Pitas.

E abofé que nestes intres, tamén vostede esta vendo a contraluz algún que outro fotograma en sepia da súa propia efixie portando un anaco de pan na man e catro onzas de chocolate no medio.

O meu vello conveciño, Celso Emilio Ferreiro, lembraba un "serán de outono" da súa propia infancia, así:

"Os obradoiros dos chocolateiros/ arrecendían a cacao tostado./ Andaba polas rúas na tardiña/ un anxo tropical que transportaba/ tamboriles ardentes/ e barcos incendiados./ Un intre só.../ Despois chegaba o frío/ da noite e apagaba/ os ventos barloventos/ que soñabamos/ coaquil cheiror a cacao tostado/ i aquiles longos laídos/ da trompeta de Armstrong/ que escoitabamos,/ estou seguro/ no cimborrio da igrexa."

E é que na miña vila, coma en tantas outras, tamén houbo fábrica de chocolate. Mellor dito, houbo, se cadra, media ducia. A última, da que eu mesmo conservo aínda algún que outro arrecendo e, sobre todo, a memoria daquelas formas redondeadas que levaban inseridas a lenda "Viuda de Lino Velo" e coas que nós mesmos xogabamos a facermos tabletas con lama seca na fonte, conserva aínda hoxe a nave, agora dedicada a vivenda familiar no angosto corredor das Traseiras.

Volveron a min todas estas sensacións doutrora (e revívoas de novo agora, en letra escrita) o pasado sábado pola mañá, na aldea de Teimende de Parada do Sil, a onde fun convidado pola familia Casares para asistir á apertura ó público da -curiosamente- primeira fábrica de chocolate que reabre as súas portas en Galicia como centro evocativo do que ese producto significou durante décadas para regalía das nosas propias e doutras moitas infancias.

E volveron a min, mentres as lecturas aparentemente protocolarias do acto inaugural se envolvían con bágoas emotivas nas fazulas de Lola nai e Lola filla, así como da máis pequena, Rosa. E mesmo de Paco Magide, o aínda alcalde de Parada do Sil ó que dende aquí debemos felicitar por tan encomiable iniciativa.
Piñeiro, Antonio
Piñeiro, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES