Diálogo, diálogo e diálogo
Santalla, Iago - miércoles, 03 de junio de 2015
Falaron as furnas e parece que quixeron darlle á realidade unha pequena volta. Parece que dixeron que nin tanto nin tan pouco e nesa mensaxe teñen que actuar todos os axentes sociais. Estamos ante unha realidade fragmentada que semella que non quere ser cómplice de sufrimentos individuais e que quere levar á colectividade a un benestar común. Parámetros novos para actores que propugnan o vello recetario da austeridade. É hora de preguntar cal é o termo medio xa que nin os novos nin os vellos teñen maiorías xeradoras de estabilidade.
Entón é o momento de pedir altura política e de que aqueles que tiñan como gran referente a Transición sexan capaces de baixar á Terra e facer a política con maiúsculas que só é posible baixo o mando da acción dialóxica. Se o pobo é quen máis ordena, está ordenando tirar polo camiño do medio. Isto significa facer unha política social á altura da realidade pero sobre todo escoitar e dar voz día a día a todas as persoas que sufriron o rostro máis cruel da crise. Agora xa non vale o escudo da macroeconomía para dicir sen dicir nada, non vale o xa se notará. Agora hai unha situación que obriga a firmar acordos tendo en conta ideas moi dispares e se queremos facer historia teñen que caer egos para abrirlle paso á palabra transformadora e xeradora dunha nova realidade.
Estamos ante unha diversidade política que ten que ser a punta de lanza que abra o camiño da diversidade social e cultural negada polas maiorías. Un tempo novo no que os acordos entre polos opostos teñen que ser posibles e teñen que facer un país á altura de cada soño. Un país sen arrabaldes presidido pola verba persoal e colectiva. Un país que teña a dignidade de escoitarse para ser dono de si mesmo tecéndose libre para forxar as condicións necesarias do benestar que garante esa liberdade. Un país no que cadaquén sexa considerado imprescindible e o benestar sexa un dereito incuestionable. Un país que nos leve a unha sociedade inclusiva que se autorealice en cada persoa que camiñe cara un futuro tecido nunha interdependencia solidaria sobre a que se forxe un diálogo construtivo que sexa o alicerce de novos horizontes.

Santalla, Iago
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora