Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

O hospital asilo de Vilalba (36)

jueves, 04 de junio de 2015
Ano 1932 (I)


Sesión da Comisión Executiva de 7 de xaneiro. Aprobados os ingresos e gastos de 1931, para 1932 queda como superávit a cantidade de 2.732,08 ₧.

«Faro Villalbés». O novo xornal aparece por primeira vez o 22 de xaneiro. Leva como subtítulo «Periódico quincenal, paladín de 'Organización Republicana Agraria′ -Orga- del partido Galleguista». A partir do número 7 cambia de subtítulo: «Periódico quincenal paladín del Partido Republicano Galego» Despois de que ORGA se integrase no citado partido, número 8 de 23 de maio: «Periódico quincenal, paladín de Organización Republicana Agraria del partido Galleguista». No número 48: «Órgano de la Izquierda Republicana de Villalba». No número 69: «Periódico independiente defensor de los intereses de la comarca villalbesa. Paz-justicia-trabajo».
Foi o seu director nunha primeira época Ramón Taboada Fernández. Nos últimos números figura en tal responsabilidade o mestre e autor literario Antonio Quintela Ferreiro. Imprimíase na imprenta «Fojo», de Viveiro.
Nun artigo de opinión publicado na primeira páxina do primeiro número afírmase que vén sendo continuidade de LUZ, xornal de breve duración que aparecera meses antes -subtitulado «periódico independiente, paladín de las ideas democráticas»-.
Os responsables decláranse: ...verdaderos, genuinos, y únicos representantes en esta localidad del régimen instaurado en nuestra querida y expoliada nación el 14 de abril de 1931...
A súa oratoria non deixa de estar exenta de certa agresividade verbal: ¡Unión campesinos para cortar los tentáculos y machacar la cabeza de ese pulpo monárquico y cavernícola disfrazado de gorro frigio!

Do Concello. No primeiro número «Faro Villalbés» coméntase asuntos relacionados coa vida municipal.
−Na sesión do 2 de xaneiro nomeouse alcalde accidental ó primeiro tenente de alcalde Andrés Vázquez Martínez, da minoría de ORGA, xa que o alcalde, señor Ramil, e outros concelleiros foron inhabilitados.
−O orzamento para o ano 1932 ascendía a 177.500 ₧.
−Amortizouse a praza de enterrador municipal.
−O xulgado municipal trasladouse ós baixos do Concello.
−Consignáronse 5.000 ₧ para cando funcionase o hospital asilo.

Petición de man. Por Jesús Rouco Cortiñas e para Antonio Leal Novo, foi pedida a man da señorita Regina López García, filla do propietario desta localidade e presidente da Comisión Executiva do hospital asilo, Agustín López Arias. No mes de abril temos noticias de que o matrimonio embarcaba para A Habana.

Comisión Executiva de 15 de febreiro. As relixiosas Terciarias Franciscanas responden á Comisión que non dispoñen de persoal de abondo para poder facerse cargo da institución. Daquela tómase a decisión de volver escribirlles ás Irmás de San Vicente de Paúl concretándolles os ingresos cos que conta nestes momentos o hospital asilo.

Multas do alcalde. A Antonio Peña Novo. O alcalde accidental, Andrés Vázquez Martínez, impuxo multas a distintas persoas por diversas causas. Entre elas destácase a de 25 ₧ que deberá abonar Antonio Peña Novo por: ...faltas a la autoridad del Alcalde en la Casa Consistorial, en el momento en que pretendía ejercer de procurador, creyéndose sin duda de que se hallaba en el juzgado.
Días máis tarde, Antonio Peña Novo expuxo a providencia na que se lle comunicaba a sanción na vitrina dun comercio engadíndolle a seguinte lenda: Magnífico pergamino con que el señor Alcalde de Villalba obsequia al ciudadano don Antonio Peña Novo, el que le será entregado con toda solemnidad en un acto público que anunciará previamente.
A instancias do alcalde, o gobernador civil considerou tal exhibición e publicidade como unha mofa á autoridade e impuxo ó señor Roca, propietario da vitrina onde se expoñía o escrito, unha multa de 250 ₧.
O alcalde tamén lle impuxo unha multa ó concelleiro por Árbol, señor Rodríguez Monce, por faltar -sic-, con frases que non é caso reproducir, á Presidencia no momento en que se celebraba unha sesión

Comisión Executiva de 10 de marzo. Responden as Irmás de San Vicente Paúl que como mínimo mensual para roupa e calzado de cada unha das catro irmás son necesarias vinte e cinco pesetas.
Á vista diso, a Comisión Executiva acorda dirixirse ás Terciarias Franciscanas da Inmaculada, rogándolles participen as condicións que poñen para encargarse do establecemento benéfico.

Suspensión do secretario municipal. Despois do oportuno expediente, foi suspendido e incapacitado para exercer o cargo, o secretario municipal, Víctor Basanta Silva, por ser debedor do Concello.
A raíz do asunto hai que buscala na contabilidade municipal da época de Primo de Rivera. A nova Corporación revisouna e considerou non se debía abonar unha factura. Tal decisión motivou que na seguinte sesión tres dos concelleiros abandonasen a sala e provocasen que, por non haber quórum, a sesión debera ser suspendida. O alcalde deu conta do sucedido ó gobernador civil para que obrase en consecuencia.

Comisión Executiva de 4 de abril. Coñecendo a Comisión que tamén a Compañía das Irmás da Cruz se dedican ó coidado de enfermos, diríxenlle unha carta á superiora residente en Sevilla pedíndolle as condicións nas que se poderían encargar de establecementos desta categoría.

Controversia «Faro Villalbés» vs. «El Progreso Villalbés». As campañas promovidas polo director de «El Progreso Villalbés» en época de Primo de Rivera son aproveitadas polo «Faro Villalbés» para xustificar a actuación do actual goberno municipal e para reprocharlle agora ó señor Chanot que ande do brazo do secretario sancionado señor Basanta.

O Primeiro de Maio. A festividade foi celebrada pola «Sociedad de Obreros en General», filial da UXT e do partido Socialista. Houbo mitins e música a cargo da «Nueva Lira».

Velada en Lanzós. Tivo lugar na casa escola da sociedade «Progreso de Lanzós». Puxéronse en escena varios xoguetes cómicos entre os que destacan «Mal de moitos e trato a cegas» de Vilar Ponte. Houbo numeroso público que aplaudiu sen reservas.

Camiño de Vilate a Vilapedre. A súa construción foille adxudicada a Francisco Fernández, de Lugo. O contratista morrería o 21 de xullo nun accidente de automóbil.

Luis Peña Novo, da facción política de ORGA, foi nomeado gobernador civil de Cáceres.

Comisión Executiva de 31 de maio. Comunican da Compañía das Irmás da Cruz que non poden facerse cargo da institución do hospital asilo porque elas dedícanse ó coidado dos enfermos nos domicilios deles mesmos.
Deuse lectura a unha comunicación do gobernador civil da provincia na que se comunica que se lle recoñece ó Hospital Vilalba o rango de fundación de beneficencia privada e que polo momento funcione como Padroado a Comisión que se viña encargando da construción do edificio. Tamén se aproban as «Bases para el régimen y funcionamento del Hospital Asilo de Vilalba» é dicir, o regulamento do Padroado. A Comisión, dende agora Padroado Provisional, acorda obrar conforme o establecido nestes documentos.O hospital asilo de Vilalba (36)
Pombo Mosquera, Xosé Antonio
Pombo Mosquera, Xosé Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES