Inspeccionando o idioma
Editorial - lunes, 15 de mayo de 2006
O de separar a política lingüística da Consellería de Educación, ó mellor non foi unha boa idea. Especialmente tendo en conta que a mellor incidencia do noso idioma ten que ser e facerse entre os máis novos da sociedade, precisamente a través dos seus centros educativos.
Na Administración anterior, en repetidas ocasións falouse de sacar Política Lingüística da Consellería de Educación, por considerar que estaba limitada, e incardinala en Presidencia. Fíxose agora e non se acaba de ver un resultado favorable.
Agora que se achega o Día grande das letras, a gran ocasión anual de potenciar e ensalzar o noso idioma, sen recuperarse Política Lingüística das críticas que desperta mesmo nos seus contornos habituais, a Consellería de Educación colabora como se non lle tiveran esgazado a pola do idioma na última reorganización administrativa e política da Xunta.
A Conselleira de Educación ven de declarar no Parlamento que se teñen intensificado as inspeccións educativas nos centros para controlar a impartición en galego das materias que a Lei prevé, se se utilizan os materiais curriculares, se funcionan os equipos de normalización, e se o galego é a lingua de uso.
¡Ai, se se inspeccionasen así algunhas dependencias administrativas!.
Certamente, o idioma non se impón. Se non hai convencemento e vontade, non vale de nada.
Xa se fala dun Plan para involucrar familias, concellos e centros sociais, e programas de innovación educativa nesa mesma dirección.
En tanto, Política Lingüística, a velas vir. E o 17 é o Día das Letras. ¿Cando volverán matrimoniar os dous departamentos?. Posiblemente a unión de novo sexa un mal menor, porque por separado compróbase que o do galego non funciona mellor ca antes.

Editorial
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora