Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Gabriel Vázquez Seijas na memoria

lunes, 25 de mayo de 2015
Leo no Ferrol Diario, rotativo local da época, que hai 45 anos era detido un sacerdote relacionado co conflito de "Peninsular Maderera", cuxo persoal mantivo a folga máis longa da historia laboral ferrolá contemporánea. O cura era o de Canido, Gabriel Vázquez Seijas (1927-1999), que faleceu en accidente de tráfico, atropelado por un coche na localidade de Cuntis (Pontevedra), cando contaba 72 anos de idade.

Gabriel Vázquez Seijas foi un dos sacerdotes que figura na "nómina" de curas comprometidos coa causa obreira e a loita pola defensa dos máis humildes. Persoalmente gardo o recordo de ser o que bautizou ás miñas dúas fillas. E a empresa PEMSA ten tamén para min un especial significado xa que nela atopei o meu primeiro emprego, mentres cursaba estudos de Maxisterio e xa estaba vinculado ao xornalismo, aínda que non de maneira profesional. Cando se rexistra esa folga eu apenas levaba dous anos, afecto ao departamento de control de calidade. Peninsular Maderera fabricaba portas e taboleiros.

Relata a crónica que a última hora do día 6 de maio de 1970 concentrábanse nas inmediacións da factoría aproximadamente uns 400 traballadores "ao parecer dispostos a reprochar a actitude de quen, en curto número, achábanse traballando". Unha sección das forzas da orde franquista procedeu a disolver aos concentrados que fuxiron cara ao barrio de Canido "refuxiándose na igrexa onde, segundo parece, faloulles o párroco, don Gabriel Vázquez Seijas". O historiador Enrique Barrera Beitia escribe no libro "Traballo e solidariedade na Peninsular Maderera e Pysbe" que os líderes obreiros de Bazán Rafael Pillado e Xullo Aneiros, que dirixían aquela loita, solicitaron a Gabriel Vázquez Seijas a posibilidade de que entrasen no templo, petición que o sacerdote aceptou. A Policía pediulle que desaloxase aos manifestantes ao que o cura negouse polo que foi detido xunto a sete traballadores. Ao día seguinte quedaban en liberdade.

Segundo Leonardo Pérez López, actual deán da catedral de Santiago, sacerdote chairego que se formou no Seminario de Mondoñedo, escribiu un apuntamento biográfico sobre Vázquez Seijas que titulaba "sacerdote e apóstolo do laicado". Do seu longo percorrido pastoral cabe destacar que foi consiliario nacional das JOCF e a HOAF e ao seu regreso á diocese foi destinado á parroquia de Canido no ano 1964 "paso que o designou como descenso á mina". Segundo P. López subliña "estivo presente en todos os graves problemas que Ferrol viviu neses anos cunha fidelidade inquebrantable á clase obreira e aos pobres". Nos últimos anos da súa vida foi Director Espiritual do Teologado Diocesano de Mondoñedo-Ferrol e desde 1984 a 1993 foi delegado diocesano de Cáritas.
Castro, Man
Castro, Man


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES