Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

A Arte sa das/dos Artesáns

miércoles, 27 de mayo de 2015
Levo tempo admirando e valorando a artesanía que se fai neste país. Tanto aquela que no seu día foi industrializada como a de particulares que pouco a pouco tecen entre os seus dedos un oficio. Penso que debería ser un oficio vital, unha verdadeira profesión que se desenvolva libremente e que sexa a porta a unha vida digna. O traballo manual segue tendo sentido e nunca deixará de telo porque o valor que desprende algo feito a man é moi superior ao do produto industrializado. Dito valor pódese ver dende unha perspectiva economicista na duración do produto que normalmente é moi superior ao elaborado industrialmente pero tamén ten un valor antropolóxico, cultural e sobre todo emocional que lle dá o feito de ser elaborado a man. Por iso a artesanía nunca será unha profesión caduca porque basea a súa existencia nun valor engadido imprescindible que por suposto hai que apreciar e saber pagar.

Polo que vexo en distintos amigos e coñecidos, ser artesá é todo un estilo de vida que quizais non cadra con aquel que nos queren impoñer como futuro. O estilo de vida que eu aprecio e admiro é un estilo moito máis relaxado, con tempo para a contemplación dun mundo que nos agasalla con marabillas imprescindibles para os sentidos non entanto, a propia celeridade do sistema impídenos gozar desas visións nun balbordo que reduce a realidade a un continuo ir e vir individual onde a sinxeleza e a beleza coa que nos agasalla a vida non ten un oco. Creo que a grandeza dos artesáns está en vivir as visións marabillosas da realidade e recrealas coas propias mans para, agora si, presentalas ante os ollos invadidos por unha dinámica sistémica que obvia as esencias do propio entorno.

Tiven a sorte de coñecer e tratar con moitos artesáns de disciplinas moi variadas (coiro, escultura, pintura, etc.) en todos percibo un estilo de vida máis asceta no que a sinxeleza reduce as necesidades para incrementar esas visións nas que nace a orixinalidade creadora. Aquí, como tantas veces, lembro ao meu querido Facundo Cabral cando citaba a San Francisco de Asís por aquilo de “Necesito pouco e o pouco que necesito necesítoo pouco” . Sempre pensei que aquí residía un dos segredos do saber vivir e ultimamente a vida empéñase en darme a razón amosándome que nas cousas máis sinxelas a ledicia bébese a pequenos grolos que se transforman en gramos de experiencia vital. Por iso cada artesán é un mestre da vida que plasma en cada creación a filosofía de gozar lentamente todo co que o mundo nos agasalla.

Isto é o que fai que o produto artesán teña un valor infindo ademais de ser un produto pensado a longo prazo e capaz de camiñar con quen o adquire un treito considerable da vida.

Como dicía Luís Pastor “soy arte sano” pois na arte sa das distintas disciplinas está un xenio creador que temos que saber aproveitar para o futuro, un futuro que dende a historia que nos precede ata o legado que reciban os nosos devanceiros sempre ten un arma fundamental, as mans traballadoras. Aquí está a razón básica pola que a artesanía nunca será cara.
Santalla, Iago
Santalla, Iago


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES