O 17 de maio, Galicia honra as súas letras e a súa lingua coa celebración do Día das Letras Galegas, instituido en 1963 para rendir cumprida homenaxe ás persoas destacadas pola súa creación literaria e a defensa do noso idioma. Rosalía (nai da nosa extensa lírica), Curros, Cabanillas, Celso Emilio Ferreiro, Cunqueiro
son nomes principais que se escriben con letras de ouro na nosa historia e cultura literaria e aos que se suma desde agora o de Xosé Fernando Filgueira Valverde, galeguista que realiza unha extensa obra científica e literaria, impulsor de institucións como o Seminario de Estudios Galegos, O Consello da Cultura Galega, o Centro Galego de Arte
que fixeron que no seu día fora recompensado con premios e honras cos que Galicia distingue aos seus fillos máis ilustres, culminando coa elección (non exenta de controversia) do Día das Letras.
Galicia enteira celebrou este día, sendo Pontevedra, cidade natal do polígrafo (que tamén realizou un traballo sobre o noso cancioneiro) onde se centralizaron as homenaxes institucionais ao conocido como o vello profesor autor tamén das Seis canciones del mar in modo antico
Porque non seca a morte a fonte das cantigas/ eu vos chamo, segreles, que veñades cantar/ onde os verdes loureiros gardan vellas ermidas/ cabo das sabias ondas surcadas do mar
. Segreles da mellor música os intérpretes da Real Filharmonía de Galicia manteñen viva a fonte das cantigas dirixidos polo Mestre Zumalave no Concerto das Letras Galegas ao que prestou a súa voz a soprano Carmen Durán, o barítono Gabriel Alonso -compañeiro da música na Agrupación Bohemios de Ferrol- e o frautista Laurent Blaiteu, fundindo palabra e melodía nunha unión antiga e fértil que confire ao son un poder discursivo, unha capacidade de comunicación tan directa que non pode ser superada de forma algunha. Cantares Galegos de J.M Joly Braga Santos, Catro Cancions sobre textos de C. Enriquez de Chané, Suite para frauta e orquesta de corda de A. Iglesias e a estrea absoluta de Dúas Cantigas de Xavier de Paz, son os compases que puxeron a música de Galicia nestas
palabras nosas.
