Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Soberanía estética de Galicia

viernes, 22 de mayo de 2015
En 1918 celebrouse en Lugo unha asemblea de personalidades representantivas de Galicia convocadas polas Irmandades da Fala para debateren un programa de autogoberno. Unha das propostas aprobadas avogaba por proclamar a soberanía estética da nación galega, que se exercería sobre as construcións urbás e rurais, ditándose unha lei que obrigue aos propietarios a axeitaren a respectaren as tipoloxías pecualiares de cadanseu lugar, ao tempo que propuñan a expropiación de monumentos e paisaxes.

Tiveron que transcorrer moitas décadas –exactamente noventa anos- para que aquelas arelas fosen recollidas na Lei 7/2008 de protección da paisaxe de Galicia, que arbitra medidas para a súa ordenación e xestión. Esta lei considera a paisaxe como un elemento esencial para o benestar individual e social, cuxa protección, xestión e planeamento comporta dereitos e obrigas para todos; porque é un elemento fundamental da calidade de vida das persoas e por iso tamén debe ser o reflexo fiel dun territorio e dun medio ambiente de calidade, dunha sociedade moderna e consciente da importancia do seu patrimonio natural e cultural.

A degradación das paisaxes do noso territorio por mor da dinámica demográfica xerou profundos cambios nela coa perda de importantes valores. Para corrixir eses desmáns, outra lei, a de ordenación urbanística e protección do medio rural, dispón que a utilización do solo rústico deberá potenciar a preservación da riqueza patrimonial que aínda subsiste eliminando elementos impropios que supoñan un risco de deterioro do medio ambiente, do hábitat e construcións adxectivas.

Ambas as dúas leis establecen a colaboración e coordinación entre as distintas administracións públicas para aplicar medidas eficaces na loita contra o desartellamento do medio rural e o chamado “feísmo” que se extende como un andazo pola paisaxe galega deshumanizando o territorio e atentando contra o patrimonio arquitectónico tradicional que tanta singularidade deu aos núcleos rurais. A desidia dos concellos galegos foi cómplice desa desfeita patrimonial: alteración das tipoloxias tradicionais e desaparición de centenarios valados de cachotería reemprazados por outros de bloques de cemento con ocasión de retranqueos de camiños, alterando e deformando a natureza desa construcións.

A campaña electoral para os comicios galegos tería sido unha boa ocasión para que as candidaturas manifestasen nos seus programas esta preocupación polo hábitat rural e as medidas para corrixir as disfuncións apuntadas. A fealdade nunca é definitiva e irreparable se hai vontade para reducila ou neutralizala. Pero para iso cómpren medidas radicais como a declaración da soberanía estética dos concellos galegos, incorporando aos departamentos de urbanismo un servizo específico dedicado a velar pola estética da paisaxe e o hábitat fomentando a sensibilización da sociedade galega e aplicando criterios correctores nos proxectos que os particulares están obrigados a presentar para solicitar licenza de obras nas súas casas. As novas tecnoloxías fan posible recreacións virtuais para ofrecerlles aos veciños modelos de restauracións respectuosas coa tradición e integradas na paisaxe.

(Xosé González Martínez é Presidente do Foro E.Peinador).
González Martínez, Xosé
González Martínez, Xosé


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES