Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Zume de cebola nos peitos da fame

viernes, 22 de mayo de 2015
Non se pode crer: dous millóns de nenos con fame mentres uns poucos rebentan de indixestión. Son unha acusación directa contra a clase política allea á realidade, instalada nas liturxias do poder. Porque os nenos con fame teñen corpos máis pequenos e febles, cerebros menos desenvolvidos e futuros inscritos no fracaso.

Onde vai que se proclamaron os Dereitos dos cativos! Xogo, saúde, educación... E agora decatámonos de que falta o dereito ao pan. Haberá que recordar que cada cinco segundos morre de fame un neno? A maior traxedia non son os bandullos como globos, é a inseguridade que obriga a pensar a curto prazo cun horizonte só animal. E onde o único plan de futuro é a próxima comida. Mala sorte para os nenos. Que se fodan! como dixo a outra. Contra o pan dos nenos está o acaparamento dos recursos por uns poucos, e no caso de España, o roubo masivo e os luxos delincuentes dos bandidos.

O trunfante neoliberalismo económico produce vermes calados, condenados á precariedade e a un futuro laboral de escravos. Este sistema dos malvados esqueceu que é posible vivir ben. O que resulta inviable é soportar a unha minoría empeñada en vivir mellor. Outra vez as dúas Españas separadas polo arame de espiño da pobreza, da riqueza. A fenda da desigualdade está a alumbrar o monstro dunha sociedade rota, pouco cohesionada. A desigualdade deliberada é froito dunha reforma fiscal que recada de maneira inxusta e está cimentada nuns presupostos que, como un Robin Hood equivocado, castigan aos pobres.

É indignante que á hora de recortar se saque o pan da boca dos nenos, se xibarice o gasto social, se supriman axudas á dependencia, se transforme a universidade nun couto de ricos, mentres o mesmo Estado mantén soldos indecentes nas empresas públicas, en chiringuitos innecesarios como consellos consultivos e consellos da televisión públicas. Por exemplo.

Dous millóns con fame. 50.000 nenos con malnutrición e outros 250.000 en risco de pobreza en Cataluña, onde hai tanta fartura de bandeiras e unha ferocísima mandíbula neoliberal tritura aos desprotexidos. E fronte á fame dos nenos en España os vinte máis ricos incrementaron en 12.213 millóns de euros a súa riqueza, máis do que teñen catorce millóns de persoas. E o 1% dos riquísimos acumula tanto como o 70% da poboación. Para vergonza dos malos gobernantes un de cada tres nenos vive na pobreza na España que paga 102.464 euros á princesa Leonor. Non ten abondo xa? Si, a desigualdade está a secuestrar a democracia. O matonismo dos mercados é un arma de destrucción masiva. As multinacionais tramposas non pagan impostos. E os cartos colonizan cada día máis espazos públicos.

Volven ser invisibles as nenas e os nenos sen pan, mamando o zume da cebola nos peitos da fame.
Pinto Antón, J.A.
Pinto Antón, J.A.


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES