Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Cousas de curas e fregueses (I)

jueves, 21 de mayo de 2015
Non. Non me propoño escribir un anecdotario de curas. A cousa vai máis en serio. O título é só por chamar a atención.

O xoves pasado falaba doutros curas con menos bombo ca min, pero con abondosas obras. A miña afirmación non era unha figura retórica de falsa humildade. Algo teño estudado do tema sen pretender ser exhaustivo nin moito menos.

Ouso reproducir en varios capítulos parte dun relatorio que preparara con motivo de ser convidado a participar no I Congreso Internacional de Emigración é Mundo Rural Galego que se celebrou en Barcelona polo mes de xuño do 2001. O título que daquela me deron feito era: “A Obra Social da Igrexa na vertebración da Sociedade Rural Galega”.

Nun primeiro momento collín medo e pensei en recuar, pero como había tempo suficiente, tomeime algúns días para pensalo e, dubitativo, animeime a algo que me atraía ó mesmo tempo que me atemorizaba, porque nunca podería ser un traballo completo. Tratei de cumprir o mellor que puiden co cometido e, feo que o diga, a miña disertación foi ben acollida polas máis de duascentas persoas que enchían o salón de actos do Centro Superior de Investigacións Científicas da Cidade Condal.
Aquel título sempre me pareceu un pouco rimbombante por iso agora o simplificaría en: “Algo do bo que foi facendo ou impulsando o clero en Galicia nos últimos
cincuenta anos”.

Aceptar aquel cometido obrigoume a facer un pequeno traballo de investigación, como xa dixen moi incompleto, pero que pode ser unha mostra dalgunhas obras e accións levadas a diante, especialmente no mundo rural, ó longo dos últimos cincuenta anos, impulsadas por cregos ou por cristiáns comprometidos.
Coido que, non o fago por narcisismo, senón por facer xustiza, pagaría moito a pena un traballo moito máis amplo e documentado sobre este tema. Materia hai de sobra.

E xa que se me ofrece este púlpito de Galicia Dixital irei largando, se Deus me deixa, o meu sermón semanal. Durante o sermón, como é habitual, os fregueses virtuais podedes aproveitar para pensar nas vosas cousiñas.

Antes de seguir para diante quero saír ó paso dalgunhas posibles e ben fundadas
obxeccións e fágoo coas mesmas palabras con que lle respondín na rolda de preguntas a unha que interveu en Barcelona botándome en cara algúns fallos do clero. Díxenlle: Convidáronme a falar de aspectos positivos do clero e da institución eclesial. Se se me pedise que falase do negativo posiblemente non aceptase, pero tería para un discurso probablemente bastante máis extenso, porque coñezo moi ben a un cura que sempre anda comigo que deixa moito que desexar.

Naquela ocasión acompañábame Gil Agras Hermida, (que en paz descansa) cura naquela época de Bretoña, que fixo un relato sinxelo do que nesta parroquia se fora facendo co seu impulso ó longo dos seus cincuenta anos de cura. Naquel salón había xente que podía contrastar se dicía verdade ou fantasiaba.

No coloquio posterior o ben coñecido e recoñecido Doutor Troncoso botounos unhas flores que quero volver a ofrecer desde aquí a tantos curiñas de aldea que pasaron sen facer moito ruxido axudando, impulsando e animando a veces entre incomprensións. Dixo:

-“Vostedes, señores curas de aldea, son os timoneres da barca do noso mundo rural; pero témome que a barca teña dificultades para chegar a porto por escaseza de timoneres. Cando case todos facemos carreira para fuxir do rural, vostedes fana, e de rango universitario, para ficar no rural. Gracias no meu nome e no dese mundo”

As súas palabras foron gratificantes e estaban en aberta contradición co que había algúns anos tivera ocasión de escoitar en Lugo na presentación do programa electoral cultural dun determinado partido político á que me convidaran, seguramente sen ánimo de que me sentise insultado, pero insultáronme.

Resulta que un dos conferenciantes despachouse ben ó seu gusto atribuíndo o atraso de Galicia á opresión do clero e ó escurantismo da Igrexa. Non fixo nin unha soa excepción nin a mínima concesión. Antes de saír para un velatorio, tiven tempo a erguerme e contestarlle coa mesma caridade que el tivera comigo e con moitos mellores ca min.

-“Rapaz, é unha mágoa que a intelixencia non se herde cos apelidos. Teu pai foi
un home moi intelixente. Mira, para falar do mundo rural non abonda con ter botas de pel ben forradas para vir de caza ás aldeas. Hai que ter catiúscas e enchouparse con elas na lama das nosas corredoiras. Os que pisades asfalto a diario deberiades facer algo máis “traballo de campo” e comprobar detrás de cantas traídas de auga, electrificacións rurais, camiños ancheados ou pistas, ou concentracións parcelarias hai algún cura ós que ti cualificas indiscriminadamente como escurantistas e asoballantes”. Funme sen agardar resposta.

Ben sei que non todas son páxinas luminosas na historia do clero e da Igrexa en Galicia e fóra dela, como non o son en ningunha institución humana; pero quizabes no caso da Igrexa e do clero chaman máis a atención as páxinas escuras, por resultaren máis contraditorias coa mensaxe de Xesús que a Igrexa ha de transmitir e facer vida e co bo exemplo que se nos pide ós que optamos por ser pregoeiros do Evanxeo.

Non é este o lugar de facer unha lista pormenorizada de fallos, pero pode selo de pedir desculpas e, á hora de buscar desculpas do que poida ser desculpable, penso que non hai moitas diferenzas entre curas e pais ou nais de familia. Non é certo que moitas veces para seren bos pais teñen que aconsellarlles ós fillos comportamentos que eles mesmos non sempre son capaces de levar á práctica? O que máis pode ferir no caso dos sacerdotes é que nos esquezamos das nosas feblezas e da misericordia que Xesús verteu a mans cheas, e que nos convertamos máis en dedo acusador de quen cae ca en man tendida para axudar a erguerse a quen caeu. Se facemos así malamente poderemos agardar unha man amiga nas nosas caídas.
Carballo, Xosé Manuel
Carballo, Xosé Manuel


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES