Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

O Hospital Asilo de Vilalba (34)

jueves, 21 de mayo de 2015
Ano 1930 (II)


Poesías de Chao Ledo. O «Heraldo de Villalba» de 18 de xullo faise eco das información aparecidas no xornal «El Villalbés» que edita o «Centro Villalbés de Bos Aires». Segundo as mesmas van ser publicadas as poesías do culto poeta vilalbés e sacerdote José Ma Chao Ledo -n.30-. Xa se dixo que era Antonio García Hermida quen estaba detrás da iniciativa. Lográbase así facer realidade o que a Irmandade da Fala de Vilalba intentara anos atrás sen que frutificase. O volume contou con prólogo de García Hermida e notas biográficas do poeta e investigador Lence Santar. Débese destacar que ó final da súa «Dedicatoria», asinada polo presidente e polo secretario do «Centro Villalbés de Bos Aires», unha nota deixa constancia de que o produto da venda do libro destinaríase ás obras do hospital asilo de Vilalba.
De Chao Ledo, moitos vilalbeses gardan na memoria os tan celebrados versos da romaxe de Tardade.
O Hospital Asilo de Vilalba (34)
Romería
Tardade, niño de amores,
onde a pombiña descansa
doce e mansa
co ramalliño da Paz:
entre escuras carballeiras,
cabo das ledas ribeiras
que lame o fondo Trimaz.
Salve, gracioso Tardade!
Salve, cunquiña preciosa,
onde a rosa
arde en soutos de xazmíns!
onde a laverca asubía,
onde a eterna melodía,
onde os montes son xardíns.
Aquí che veño, Tardade,
vestidiño de romeiro,
mariñeiro
que o mar fero gomitou,
liño polo sol queimado,
loureiriño desgraciado
que a nordesía tirou.
Cando pirmeiro aquí vin,
miña cunca de Tardade,
outra edade,
outros bríos tiña eu;
agora, mal pocadiño!
arrimado a este pauíño,
ai! Non poido co mal meu.
Neniño era entón, e ledo,
a roupa millor traguía,
e corría,
branco pauíño na man.
loitaba cos compañeiros
ou subir ós bidueiros
que do río beira están.
As mamais viñan atrase
E se a miña me berraba,
Agardábaa
Facéndolle festas mil;
E logo chuchábaa rindo,
E fuxía perseguindo
A miña tropa infantil.
Tempo de inocencia, de ánxel!
Tempos de risa, de groria,
Que a memoria
Chama e canta con amor!
Tempos de veigas amenas
Onde non nacen as penas,
Nin naide sabe que é door!
... ... ...


Comisión Executiva de 28 de xullo. Acórdase instalar uns lavadoiros na parte superior da horta. Para tal fin o membro da Comisión, Antonio Fraiz, cede a auga dunha súa fonte que baixa polo seu peso a través da propiedade do señor Freire, quen á súa vez tamén cede o paso subterráneo.

Comisión Executiva de 28 de agosto. Previa poxa e abertas as plicas, acórdase outorgar o contrato de acondicionamento da á esquerda do edificio a Juan Fernández nun prezo de 4.875 ₧.

Festas de San Ramón. Celebráronse conforme a tradición. Houbo actuación da banda militar do rexemento de montaña, Mérida no 3, das vilalbesas «Nueva Lira» e «Antigua Banda Municipal», e do coro «Cantigas e Aturuxos» de Lugo. A xira campestre celebrouse en Guadalupe.

Castro Gil en Vilalba. Coincidindo coas festas de San Ramón e convidado polo ilustre pintor Antonio Insua Bermúdez, visitou a nosa vila o afamado gravador Castro Gil, deixando como recordo algúns dos seus traballos. Os seus gravados están considerados como os de mellor calidade dentro desta tradición artística en Galicia. Na páxina seguinte reprodúcese un dos exemplos que foron publicados no «Libro de Oro de Lugo y su Provincia»

A «Cacharreira» en Vilalba. O cadro de Antonio Insua Bermúdez, exponse polo San Ramón no comercio de Emilio Bouza. Trátase dunha pintura de carácter costumista onde destaca a man firme e segura do seu autor á par que un detido estudo dos trazos de carácter da muller que preside a composición.

Comisión Executiva de 10 de setembro. Acórdase encargar á casa «Insua y Vizoso» da Coruña una bañeira, váter e lavabos para a á esquerda, e que se adquiran en dita cidade os canos que se precisen para instalar os servizos da auga en dita zona do edificio.

«A morte de 'dona Censura'». Un artigo de opinión do «Heraldo de Villalba» de 27 de setembro felicítase porque xa cesou o someter as publicacións á censura. Destácase que durante anos non se puido realizar co debido rigor a función de publicar os asuntos do Concello por mor da defunta. En todo caso deséxalle un eterno descanso e que a terra lle sexa leve -STTL-.

Creación da escola de Fontepisón, Santaballa. Así o ordena unha orde publicada na Gaceta do 17 de setembro dándolle a cualificación de escola mixta. O edificio xa estaba rematado e, como se indicou, foi edificado a expensas dos veciños por iniciativa do incansable Domingo Pérez Ocampo.

Párroco de Vilalba. Foi nomeado Ramón Jiménez Fraga, que viña desempeñando esta función desde había uns anos. A noticia foi acollida con xeral satisfacción por parte da veciñanza. Como membro da Comisión Executiva traballou incansablemente en pro do hospital asilo, como se ve no que segue.

Comisión Executiva de 21 de decembro. Adxudícaselle a Francisco Santalla Bañobre a colocación de mosaicos, cales e lucidos da á esquerda, nas mesmas condicións que as da á dereita, a razón de 2,90 ₧ o metro.
Acórdase que os membros da Comisión, Ramón Jiménez Fraga e José Manuel Cacharrón, vaian a Lugo para entrevistarse cos responsables da Deputación Provincial coa finalidade de conseguir algunha subvención para o hospital asilo. Tamén se convida ó alcalde para que acuda a dita entrevista.
O presidente, Agustín López Arias, pon en coñecemento da Comisión que a veciña desta vila Carmen Martínez, viúva de Carreira, fai unha doazón para unha campá co seu campanario de ferro, de 500 ₧, e que o que falte ha doalo el mesmo. Acórdase facer o pedido a unha prestixiosa casa de Palencia.
Pombo Mosquera, Xosé Antonio
Pombo Mosquera, Xosé Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES