Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

O contaxio da opresión

miércoles, 20 de mayo de 2015
Vin “ A cor púrpura” de Steven Spielberg. É unha película do ano 1985 mais trátase dunha obra mestra imprescindible para calquera xeración. Resulta practicamente imposible facer unha análise completa da película pero, considerando que trata temas moi dispares, transcendentais, intensos e todos eles moi ben coidados na execución da película, non intentarei facer unha análise exhaustiva senón que me cinguirei a un aspecto concreto da mesma, sabendo que este artigo é conscientemente reducionista e que podería haber moitas máis interpretacións.

A interpretación que quero deixar de manifesto é que esta película reflicte como a opresión vai de maior a menor de xeito que todas as personaxes son a un tempo vítimas e verdugos na súa propia realidade. Dá a sensación de que ser oprimido sementa azos interiores de converterse en opresor. Isto lévanos a unha cadea tráxica que remata co máis feble pagando algo do que non tivo arte nin parte.

A cadea de opresión ten un espello na nosa realidade actual na que se está volvendo absurdamente a unha xerarquía estamental que, día a día, constrúe impunemente a deshumanización da sociedade como alicerce básico duns intereses oligárquicos que queren campar sen lei e sen conciencia.

“ A cor púrpura” vívese en moitos fogares que resisten á beira dun precipicio que se chama fracaso e que está a provocar duras situacións límite que buscan saídas nocivas para o núcleo familiar. Cando a sociedade oprime e o máis feble non é capaz de atopar solucións a violencia vólvese un embude inevitable que acaba coas poucas expectativas que puideran xurdir.

Quen oprime dende arriba, quen ten na man a posibilidade do benestar e lle vira as costas debe ser consciente de que, de xeito indirecto, está abrindo posibilidades para que xermole a violencia e dende esa consciencia, debe corrixir o erro paliando as situacións límite para un futuro á altura de todos. Iso sería para min pensar en todo un pobo dende arriba, sabendo que este pensamento é o único antídoto contra o contaxio da opresión abrindo camiños para que cada persoa sexa o que queira.

Facer o contrario simplemente é ocultación, falta de ética, inmoralidade e tratar de manterse a costa do que sexa e como sexa.
Santalla, Iago
Santalla, Iago


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PROMOCIÓN
PUBLICACIONES
Publicaciones
Publicaciones Amencer
Revista Egap
Obradoiro de Artesania