B. B. King
García, Xosé Lois - martes, 19 de mayo de 2015
A morte do maior cantor e compositor de blues, B. B. King, reclama procuralo en algunha dimensión deste planeta onde a súa voz inmorredoira continúa ofrendando ecos que nos liberan. En algún dos albores do noso espírito hai un refuxio onde os acordes, sensíbeis e apaixonados, sentencian o mais grande que a música ten reservado para conmovernos: engrandecernos.
Aínda non sei ben manifestar o que sentín naquel verao de 2006, no Festival de Ritmes del Pople Espanyol de Barcelona onde B. B. King foi o rei da escena daquela noite que transmitiu ese poderío de voz, de xestos, de articulacións de dedos sobre os fíos de Lucille a súa guitarra.
Un prodixio contaxioso e comunicante que chegaba as mais de cinco mil persoas que estábamos no recinto do Pople Espanyol. Un obsesionado misterio acordaba a espidas almas, como a miña, para encherse desa espiritualidade transcendente que ofrece o blues. Naquela noite desentrañei parte do misterio desa música vocal e instrumental, evocadora de melancolías e tristuras existenciais que as comunidades escravas dos Estados Unidos teceron en harmonías espirituais que cantaban nas igrexas e nos campos de escravitude, con ese puro acento africano de liberdade. O blues é a máxima expresión da musica espiritual negra; desas voces doídas e maltratadas que fecundaron a música popular estadounidense.
E desde esta universalidade espiritual e popular, que representa o blues, entendemos o prodixio dunha voz órfica como a de B. B. King, o home que naceu nunha cabana de escravos de Berclair (Misisipi) en 1925, e criouse nun campo agrícola de produción de algodón, do que el foi recolledor do mesmo. Aquí ouviu eses cánticos espirituais de tradición escrava; eses lamentos de tristura e morte dos vencidos da guerra secesionista do sur.
B. B. King representa esa expresión rexeneradora da cultura afroamericana, de enorme incontinencia que conquistou o mundo da creación musical, en tódalas dimensións que significa o blues alén de conceptos etnolóxicos e antropolóxicos. King, continuará reinando nas esferas mais sensíbeis da música que emana do espírito.

García, Xosé Lois
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora